A contundente victoria de Mahmoud Abbas nas eleccións presidenciais palestinianas do 9 de xaneiro, ven a evidenciar o definitivo peche dunha época histórica na dirección do movemento palestiniano. Aínda que aos 72 anos, Abu Mazen é considerado unha das principais figuras históricas dentro da OLP e a Autoridade Palestina, o novo rais elixido democráticamente polos palestinos trala morte de Arafat é unha consecuencia da política de "acoso e derribo" iniciada por Sharon e o presidente estadounidense George W. Bush contra o seu antecesor Arafat, plasmada na ata agora alicaída "Folla de Ruta". Expectativas aparte, Abu Mazen deberá gobernar unha sociedade fragmentada e frustrada, atrapada na realidade da actual conxuntura internacional.
Polo tanto, non houbo sorpresas nestas eleccións presidenciais. A desexada victoria de Abbas estaba urxida pola necesidade de moderar as posicións na dividida política palestiniana. O "sucesor de Arafat" obtivo un 65% de preferencia nuns comicios onde votou un 70% da poboación electoral. En paralelo ao seu triunfo, o goberno Sharon obtivo tamén un importante respiro político co ingreso na coalición gobernamental, do ex primeiro ministro laborista Simon Peres, mais inclinado ás negociacións de paz, nun movemento necesario para levar a cabo o principal obxectivo de Sharon: a retirada militar israelí de Gaza, prevista para este ano.
Abbas pecha un círculo iniciado en abril de 2003, cando Washington impulsou, xunto á Unión Europea, as Nacións Unidas e Rusia, a Folla de Ruta para a paz entre israelís e palestinianos. Nesa oportunidade, Sharon, Bush e Abbas, éste en calidade de primeiro ministro, asinaron un compromiso que estipulaba, entroutras cousas, un Estado palestiniano para o 2005. Abbas xa tiña experiencia de negociación con Israel tralos acordos de Oslo en 1993, onde coñeceu a Simon Peres, hoxe no goberno israelí. Con Arafat confinado no seu cuartel xeral de Ramala, Abbas semellaba o home ideal para estadounidenses e israelís. Sen embargo, o posterior recrudecemento da Intifada, a intransixente política de Sharon e a renuncia de Abbas ao seu posto, levaron á Folla de Ruta ao abismo.
Deste xeito, a actual victoria de Abu Mazen é, igualmente, un triunfo para a administración republicana en Washington e o seu aliado israelí xa que se impoñen os garantes desa Folla de Ruta. O presidente Bush xa invitou a Abbas a visitar a Casa Branca cando antes negara esa posibilidade a Arafat, a quen sempre acusou de ser o principal obstáculo para a paz. Do mesmo xeito, Sharon amosou a súa intención de comezar negociacións inmediatas con Abbas, pero deixando patente que o seu verdadeiro interese é o retiro militar en Gaza e o fin do terrorismo, non a política dos asentamentos israelís nos territorios ocupados ou o derribo do Muro.
Trala morte de Arafat, o significado destas eleccións aseguran unha exitosa e pacífica transición política, deixando a opción da "Intifada" severamente tocada, mais non moribunda. Estas eleccións constituíron un precedente democrático interesante na rexión. O partido Al Fatah asegurou o seu dominio na política palestiniana, aínda que a opción do candidato Marwan Barghouti (preso nun cárcere israelí) quedara relegada momentáneamente ao apoio público do seu líder cara Abbas. O seu principal contrincante, Mustafá Barghouti (sen vinculación co anterior), obtivo un respetábel 20% do apoio electoral.
Pola súa banda, os partidos islamistas, especialmente Hamás e Yihad Islámica, que controlan un terzo do electorado palestiniano, se ben non participaron nos comicios, coidáronse de non caer na provocación do boicot electoral, precisamente para manter opcións nas decisivas eleccións lexislativas previstas para xullo de 2005, que configurarán o próximo Parlamento palestiniano. Hamás xa saíra fortalecido tralas eleccións municipais de decembro e agora espera ampliar o seu capital político de cara a próximas convocatorias electorais.
A pesar de que os organismos internacionais non detectaron irregularidades, os comicios presentaron dificultades á hora de votar para milleiros de palestinianos, especialmente os que habitan en Xerusalén-Este, debido aos controis israelís nos rexistros electorais, ademais do control militar a través dos postos de Gaza e Cisxordania. Pero outros son os imperativos neste momento: Abu Mazen ten ante sí numerosos retos, sendo o principal iniciar a "era post-Arafat" entre os palestinianos e reforzar a opción da paz enriba da opción da violencia. Pero nesta tarefa depende, excesivamente, da decidida colaboración israelí e estadounidense.