¿Acabouse a festa para o laborismo de Blair e Brown? O panorama electoral británico para o 6 de maio

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

“¿Qué deu de sí o Novo Laborismo?”, preguntábase Chris Patten, que fora Presidente do Partido Conservador británico e gran figura política (derradeiro Gobernador de Hong Kong, foi quen devolveu a Colonia a China) e resumía: Unha autonomía en Escocia, media autonomía en Gales, unha solución con moito traballo en Irlanda do Norte, ningún progreso en Bruselas, un dispendio de caudales públicos, unha inmensa díbida…un escándalo sen precedentes na mai de todolos parlamentos…  Mais non acadou o que recentemente [o historiador] Tony Judt pedía: unha redefinición da social democracia, un final do economismo, e o restablecemento de valores no debate político.  Todo o que produciu a “terceira vía” foi, según Judt, “oportunismo con rostro humán”.  Comentaba Patten un libro recente (The End of the Party, título que cabe interpretar como “acabouse a festa”, mais tamén como “final da partida” ou “final do Partido”, quer dicir final do Novo Laborismo), dun ben coñecido xornalista de The Observer que xa tiña escrito unha historia dos primeiros tempos da “terceira vía” que predicaba Tony Blair. Trátase dun libro negativo, que, cando foi escrito hai poucos meses, pronosticaba a desfeita de George Brown nas vindeiras eleccións xerais.  Eran os días en que os conservadores aventaxaban en altos porcentaxes aos laboristas. Mais, en pouco tempo, as forzas semellan máis equilibradas e xa non está tan craro que os conservadores de David Cameron vaian ter unha maioría grande dabondo para formar goberno.

Pola sua parte, tal vez seguindo a táctica de Richard Nixon nos EE.UU. cando creou o concepto de “maioría silenciosa”, que o levou a unha victoria electoral, o líder conservador británico fala de que o seu proxecto é potenciar ao “gran ignorado”, o pobo que non ten voz.  Os conservadores, desde que Cameron ocupa a sua xefatura, teñen desenvolvido unha campaña de anovación do partido que, dalgún xeito, lembra a que realizara Tony Blair para crear o “Novo Laborismo”.  Blair tiña que afastarse dos vellos conceptos de loita de clases e dun certo “marxismo” moi licuado.  Cameron pretende mudar a imaxe de “partido noxento” que tén o conservadurismo e achegar o seu partido ao “gran ignorado”. Mais son moitas as voces no Reino Unido que non recoñecen que os conservadores teñan mudado fundamentalmente.

É curioso pensar que, si a norma xeral é que as eleccións non as gañan as oposicións, senon que as perden os gobernos, e que o goberno de Brown cometeu erros dabondo para perder as próximas, agora semella que son os conservadores os que deben demostrar que son quen para impor no país o “cambio” que tanto proclaman.  Ben certo é que “cambio” é a palabra máxica que proclaman os tres principais partidos británicos, mais aos que más se lles van esixir probas do cambio é aos conservadores.  E non se albisca cómo van cambiar o país.  O que se vai sabendo do seu programa electoral non esperta confianza.  Cameron escrebía hai poucos días en The Guardian que os laboristas son agora os reaccionarios e os conservadores, os progresistas.  Mais unha cousa é o que Cameron dí aos lectores de The Guardian, xornal de centro esquerda, e outra o que proclama a maioritaria prensa dereitista do país.  Trátase dunha volta ás políticas de Margaret Thatcher, pensan moitos observadores, considerando, máis que a figura de Cameron, a ideoloxía de quen é o seu candidato a Ministro da Facenda, George Osborne, craramente neoliberal.

O terceiro partido, o Liberal Demócrata, de Nick Clegg e de Vince Cable, o seu portavoz de economía, respectado por unha maioría do país, é o que, en teoría, promete un cambio más fondo en materia fiscal, constitucional e de política exterior.  É o único partidario dunha auténtica Unión Europea, tema que, como sinala Timothy Garton Ash, os conservadores tratan de silenciar para que non se lles vexa o seu radical antieuropeismo.

Con tal panorama xeral, a importancia que poidan ter a alianza entre os nacionalistas escoceses e os galeses do Plaid Cymru, a forza dos xenófobos do British National Party e dos “aislacionistas” do UKIP, medra a posibilidade dun resultado electoral indeciso, dun hung Parliament (un Parlamento “pendurado”, sen maioría absoluta). 

Constitucionalmente, se hai un hung Parliament, a Raíña debe propor, primeiro, ao xefe de goberno cesante, Gordon Brown, o encárrego de formar goberno.  De non lle ser posibel, o encárrego sería para David Cameron.  Mais resulta que hai unha terceira posibilidade, que un constitucionalista británico sinala: a de que Gordon Brown, se o Partido coida que non é a persona axeitada para formar goberno porque o seu descrédito é moi grande, como é, Brown podería decirlle á Raíña que outro laborista tería posibilidade de cumprir o encárrego.  Ninguén pensa que Brown poida estar disposto a tal sacrificio.  En todo caso, os que máis beneficiados poderían sair da situación son os liberal demócratas de Nick Clegg, que terían a posibilidade – por vez primeira en moitísimos anos – de determinaren a cor da nova administración e de participaren no goberno do país.