O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 25-26
Nós no Mundo 2026 — Acción exterior de Galicia  nun sistema internacional inestable

Acción exterior de Galicia nun sistema internacional inestable: a visión empresarial

A acción exterior de Galicia atópase nun momento decisivo. Nun contexto internacional caracterizado por inestabilidade xeopolítica, fragmentación de mercados e redefinición das regras do comercio global, a proxección exterior non é unha opción estratéxica, senón unha necesidade estrutural. Dende a perspectiva da Confederación de Empresarios de Galicia, cómpre realizar unha análise rigorosa do seu estado actual, identificar potencialidades e definir con claridade as liñas de mellora que permitan reforzar o seu impacto.
Liñas de investigación Paradiplomacia Economía

Galicia avanzou, de maneira significativa, na construción dun marco institucional neste eido. A aprobación da Lei 10/2021 que regula a aprobación da Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029 representa un paso relevante na consolidación dunha arquitectura que busca integrar aos distintos actores implicados.

Este marco institucional non só se refire ao ámbito económico e da empresa, e á súa internacionalización, senón que tamén atinxe á protección e vinculación dos galegos na diáspora, á promoción da lingua e a cultura, á dimensión atlántica e cun capítulo específico ás estreitas relacións con Portugal.

Dende a CEG poñemos o foco no dinamismo do tecido empresarial galego, que permitiu acadar fitos destacables en materia de internacionalización, cun volume de exportacións á alza, evidenciando a capacidade competitiva das nosas empresas e a súa adaptación aos mercados globais.

Sen prexuízo desta evolución positiva, Galicia conta cun gran potencial e cun camiño importante a percorrer. Para iso, será importante reforzar a coordinación efectiva entre os distintos niveis institucionais cos axentes económicos. A existencia de múltiples iniciativas, programas e organismos, aínda sendo positiva, pode derivar nunha certa dispersión de esforzos, se non se articula unha gobernanza integrada e orientada a obxectivos medibles e compartidos. Como membros do Consello Galego de Acción Exterior, insistimos na importancia de fortalecer os espazos de diálogo e colaboración público-privada, especialmente no ámbito da internacionalización.

Galicia conta con importantes fortalezas que constitúen a base das súas potencialidades exteriores. Dispón dun tecido empresarial diversificado e con experiencia internacional en sectores estratéxicos como automoción, naval, téxtil, agro-mar alimentario ou enerxías renovables… Esta diversidade sectorial proporciona resiliencia fronte ás crises e facilita a adaptación a distintos mercados.

Tamén posúe unha identidade cultural e lingüística singular, que pode actuar como vector de proxección internacional. A súa vinculación coa lusofonía representa unha oportunidade diferencial que, dende a perspectiva empresarial, aínda non foi plenamente aproveitada. A intensificación das relacións económicas con países de fala portuguesa, tanto en Europa como en América e África, pode abrir novas vías de negocio: a lusofonía da acceso a un mercado duns 300 millóns de persoas, que engadido ao espazo de fala hispana, ofrece a Galicia un amplo mercado no que a lingua é unha chave diferencial de acceso.

Outra das grandes potencialidades reside na súa posición xeoestratéxica. Galicia, como porta atlántica de Europa, pode desempeñar un papel relevante nas conexións comerciais e loxísticas con América e África. Para iso, resulta fundamental potenciar infraestruturas de transporte, mellorar conectividade e desenvolver plataformas loxísticas que reforcen a súa capacidade como nodo internacional.

Non obstante, cómpre abordar unha serie de liñas de mellora prioritarias. A primeira é a diversificación de mercados. A elevada concentración das exportacións galegas na UE, aínda sendo unha fortaleza pola integración existente, supón un risco nun escenario de desaceleración económica e cambios regulatorios. É necesario intensificar a presenza en mercados emerxentes, apoiando ás empresas na súa entrada e consolidación, mediante instrumentos financeiros, información de mercado e acompañamento técnico e institucional.

Outra liña clave é o reforzo da dimensión empresarial na acción exterior. As empresas deben situarse no centro da estratexia, non só como beneficiarias das políticas públicas, senón como actores activos na súa definición. A colaboración público-privada debe evolucionar cara a modelos máis participativos, nos que o coñecemento práctico do tecido empresarial contribúa á toma de decisións estratéxicas.

A atracción de investimento estranxeiro constitúe tamén un ámbito no que Galicia pode mellorar significativamente. Nun contexto global, no que os fluxos de investimento son cada vez máis selectivos, é fundamental ofrecer un entorno competitivo, estable e atractivo. Isto implica avanzar na simplificación administrativa, garantir seguridade xurídica, fortalecer o ecosistema innovador e asegurar a dispoñibilidade de talento cualificado.

Precisamente, o capital humano é outro dos factores críticos. A internacionalización require profesionais preparados para operar en contornos globais, con competencias lingüísticas, dixitais e interculturais. É necesario reforzar os programas de formación e mobilidade e estreitar a colaboración entre o sistema educativo e as necesidades reais das empresas.

Dixitalización e sustentabilidade deben integrarse plenamente na acción exterior. A transformación dixital permite ás empresas acceder a novos mercados e mellorar a súa competitividade, mentres que a transición ecolóxica responde ás esixencias dos consumidores e reguladores internacionais. Galicia ten a oportunidade de posicionarse como referente en ámbitos como enerxías renovables, economía circular ou innovación verde, sempre que impulsemos unha estratexia coherente e ambiciosa.

Non podemos esquecer o papel das pequenas e medianas empresas, que constitúen a columna vertebral do tecido produtivo galego. A súa internacionalización presenta maiores dificultades: é imprescindible reforzar os mecanismos de apoio, facilitando o acceso á financiación, á información e ás redes de cooperación internacional, así como o deseño de accións que permitan compartir medios, recursos e coñecementos na súa saída a outros mercados.

Dende a CEG consideramos esencial fortalecer a capacidade de análise e anticipación. Nun sistema internacional volátil, o coñecemento é ferramenta clave para tomar decisións. Galicia debe avanzar na creación de instrumentos de intelixencia económica que permitan identificar tendencias, avaliar riscos e detectar oportunidades con maior rapidez.

A acción exterior de Galicia conta cunha base sólida, pero require unha evolución cara a modelos máis coordinados, avaliables e orientados a resultados. As empresas galegas están preparadas para competir nun entorno global complexo, coas limitacións que pode supoñer o seu limitado tamaño, pero precisan dun ecosistema que acompañe ese esforzo.

A internacionalización é unha aposta de país. Galicia ten talento, capacidade e identidade para reforzar a súa presenza no mundo. O reto é transformar esas fortalezas en vantaxes competitivas sostibles, mediante unha acción exterior eficaz, integrada e aliñada coas necesidades reais do tecido empresarial.

Descarrega o Informe anual Nós No Mundo 25-26 desde esta ligazón.