ARTIGO PUBLICADO NO IGADI ANNUAL REPORT 23-24: "ELECCIÓNS E GUERRAS PERFILANDO A MULTIPOLARIDADE"
igadi annual report 2023 2024 424x600 1

Acelerar a acción climática nunha década crítica

No combate á crise climática estamos hai décadas instalados nun permanente “agora ou nunca”. Cómpre actuarmos “agora” para evitarmos un quecemento global agravado. Se a adopción en 1992 da Convención Marco da ONU sobre Cambio Climático tivese sido o comezo dunha vigorosa acción climática hoxe non estariamos a tentar non exceder o límite de 1,5ºC de aumento da temperatura media global con respecto á época preindustrial, senón outro ben inferior e menos prexudicial, pois cada décima de grao importa moito.

Todos os anos das últimas décadas foron decisivos para o futuro do clima pero 2023 e 2024 poden ser especiais. O veterano científico climático James Hansen afirmou en 2023: “cando os nosos fillos e netos ollaren para a historia do cambio climático, este ano e o próximo serán contemplados como o punto de inflexión no que a inacción dos gobernos ficou definitivamente ao descuberto”. Este agoiro cumprirase se non se intensificar a acción climática e se se confirmar que o cambio climático vai aínda máis rápido do agardado.

A máis relevante e urxente acción climática non é outra que o abandono rápido da enerxía fósil, a maior fonte de gases de efecto invernadoiro (71% das emisións totais en Galicia, sen irmos máis lonxe). Houbo que agardar a 2023 para que nun cumio climático da ONU, a COP 28 celebrada en Dubai, se enviase ao mundo un sinal débil mais claro sobre a necesidade de acabarmos coa queima de combustíbeis fósiles, incluíndo un chamado a “acelerar a acción nesta década crítica”, na que nos xogamos superar ou non o límite “seguro” dos 1,5⁰C.

A procrastinación da acción climática ten sido tal que hoxe é moi difícil, aínda que non imposíbel, mantérmonos abaixo do límite dos 1,5ºC, a meta máis ambiciosa do Acordo de París. Para iso, as emisións mundiais de gases de invernadoiro deberían diminuír un 43% en 2030 con respecto a 2019. Porén, en 2023 continuaron a medrar, o que nos afastou aínda máis da meta, aínda que a traxectoria ascendente das emisións podería estar chegando ao fin. Semella factíbel atinxirmos o pico antes de 2025. A partir de aí terían que caer de forma rápida e continuada.

Non hai que ser pesimistas sobre a evolución da sociedade e a economía mundiais nos próximos anos para temer que o límite dos 1,5ºC, xa demasiado próximo, acabará por ser superado. A Organización Meteorolóxica Mundial asegurou que a temperatura media do planeta en 2023 estivo 1,45ºC por riba dos niveis preindustriais. As tendencias climáticas baséanse nos datos de decenios, non dun ano en particular, mais o acontecido en 2023 foi alarmante, e non só por ser o ano máis cálido endexamáis rexistrado, senón tamén considerando outros indicadores climáticos e a incidencia de eventos climáticos extremos. En palabras de António Guterres, secretario xeral da ONU, “no ano 2023 vimos un mero anticipo do futuro catastrófico que nos agarda se non actuamos agora”.

Algúns científicos xa están a advertir sobre a necesidade de minimizar a magnitude e a duración da superación dos 1,5ºC sen, por suposto, deixar de facer todo o que for viábel para a evitar. Habería que ir alén do obxectivo de emisións netas cero (emisións equivalentes ás absorcións pola natureza e por tecnoloxías de captura de carbono) para lograr o aínda mais difícil de emisións netas negativas, de forma que se retirase máis carbono da atmosfera do que é emitido e non apenas a mesma cantidade. Ao seren os grandes responsábeis da crise climática, os países (sobre)desenvolvidos terían que ser os primeiros en acadar emisións negativas e apoiar a mitigación climática nos países empobrecidos. Galicia debería asumir a parte que lle toca, diminuíndo ao ritmo necesario as emisións propias e incrementando a axuda ao Sur global. Dous factores xogan ao noso favor: o importante potencial enerxético renovábel -excluída a biomasa sen captura e almacenamento de carbono, por ser emisora de CO2, o principal gas de invernadoiro- e unhas condicións ambientais propicias para as plantacións forestais e os bosques, que actúan como potentes sumidoiros de CO2. A concreción destas vantaxes debe ser moito máis coidadosa do que ten sido até hoxe, coa finalidade de evitar ou minimizar danos sobre a biodiversidade. Precisamente o declive desta é, xunto co cambio climático, o elemento máis preocupante da crise ecolóxica global.

O aumento da capacidade natural de absorción de CO2 non pode ser escusa para atrasar a transición enerxética, sobre tendo en conta que no futuro a propia crise climática pode facer que se reduza a absorción de CO2 pola natureza. O abandono rápido e xusto dos combustíbeis fósiles é requisito indispensábel para evitarmos os peores escenarios de cambio climático. Un imperativo aínda non plenamente asumido. Por exemplo, o Production Gap Report do Programa da ONU para o Ambiente conclúe que a extracción de carbón, petróleo e gas fósil (tamén chamado gas natural) planificada polos gobernos para 2030 máis que duplica en conxunto a que sería compatíbel coa limitación do quecemento a 1,5ºC.

É probábel que as previsións dos países produtores non se cumpran, se ben en menor medida do que sería desexábel. A velocidade do desenvolvemento das enerxías renovábeis e da mellora da eficiencia enerxética, xunto coa evolución do PIB e a poboación, determinarán o consumo de enerxía fósil. O principal escenario enerxético de referencia para os gobernos compatíbel co Acordo de París, o Net Zero by 2050 da Axencia Internacional da Enerxía, sinala que, a escala mundial, cómpre duplicar o ritmo de mellora da eficiencia enerxética e triplicar a potencia renovábel entre 2022 e 2030. O compromiso (non vinculante) con estes obxectivos foi un dos resultados da COP28. Que se tornen realidade dependerá do que aconteza nos vindeiros anos en cada país. Por suposto, tamén en Galicia, onde é preciso acelerar unha transición enerxética que, coa excepción do peche das centrais térmicas de carbón, pouco avanzou desde 2010.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón