No que ten toda a traza de ser unha represalia por mor do helicóptero Chinook que os resistentes abateron, cuns 16 soldados a bordo, a aviación dos EEUU matou a unhas vintecinco persoas, na aldea de Chechal, provincia de Kunar, preto da fronteira co Pakistán, que eran civís e non combatentes. Os veciños axudaban ás vítimas dun primeiro ataque cando unha nova pasada da aviación acabou tamén con eles.
O Tenente Coronel Jerry O’Hara, voceiro militar dos EEUU, dixo que na zona residencial bombardeada acubillábanse militantes do Talibán e Al-Qaeda, aínda que puideron ter morto civís inocentes. Dixo tamén que a forza aérea executou “un ataque sobre un obxectivo que consideramos debía ser bombardeado de inmediato”. Engadiu aínda que o branco foi “determinado pola intelixencia” e que para o ataque foran empregadas armas de alta precisión.
Poucas veces nos foi dado estar diante de tanto cinismo: primeiro, en canto aos militantes que aludiu, xa debe de ser difícil determinar se pertencen ao Talibán ou a Al-Qaeda e que mínima seguridade temos de que así sexa; segundo, non se xustifica a présa que din que había, polo que todo indica que alguén o decidiu pola súa conta e sen importarlle as consecuencias; terceiro, mellor fora que non se fixese esa alusión á “intelixencia”, e, no tocante ás armas, non sabemos se eran de alta precisión… pero matar mataron con moita eficacia.
Así as cousas, o máis lóxico é que, como está sucedendo xa, a violencia dos resistentes creza de día a día e, ademais, que acade xa certo grao de sofisticación, como o acredita o feito de teren abatido o antes dito helicóptero, así como o ataque, aínda non ben coñecido, a certas forzas de elite dos ocupantes. Violencia, non o esquezamos, que se multiplica xusto agora a poucos meses das eleccións previstas para setembro.
Esta violencia, e a súa eficacia destrutora, é algo que pon fóra de si a un exército tan poderoso e sofisticado. Porque se vai vendo –en Afganistán e o mesmo no Iraq– que a súa eficacia militar é máis que dubidosa, en comparanza cos medios da resistencia. De seguir así as cousas, as semellanzas con Vietnam xa non serán un tópico nin unha fácil explicación da realidade. Porque pode ocorrer que, agora no Próximo Oriente, a historia se repita.