20050925kabul reconto votos eleccions01

Afganistán: vitoria das elites locais


 Kabul, reconto votos, clic para aumentar
Os resultados destas eleccións non se coñecerán completamente ata un mes despois do domingo electoral, sen embargo, distintos observadores xa adiantaron as súas conclusións. Hai quen afirma que Afganistán agora é un país onde a democracia está a florecer porque, entre outros elementos, o país conta cunha Constitución, un presidente, un Parlamento e un país que participa nas decisións importantes. Pero todo apunta a que isto non é suficiente: unhas eleccións non son totalmente limpas se os votantes e candidatos están baixo un clima de ameaza continua, onde as mulleres dependen dos seus maridos, e onde as prácticas tradicionais estanse a impoñer sobre o que deberían ser leis igualitarias.
 

A pasada semana celebráronse as eleccións parlamentarias afgás nun clima de violencia, resultado do caos socio-político que preside o país. Por primeira vez, os afgáns tiveron a oportunidade de votar para elixir o seu propio Parlamento que, segundo algúns analistas, vai perpetuar no poder ós señores da guerra e ós clans máis importantes do país. Un país onde aproximadamente un 70% da poboación é analfabeta e que debeu escoller ós seus representantes nunhas papeletas onde había uns 1.200 nomes.

A composición do Parlamento é bicameral. Os electores que se rexistraron tiñan que votar á Cámara Baixa ou Wolesi Xirga, e á Cámara Alta ou a “Casa de Anciáns”, ademais de elixir a Cámara de Representantes nos distintos 34 consellos provinciais. Máis de vinte millóns de persoas estaban chamadas a votar, pero só uns doce millóns rexistráronse para ter dereito a voto. A participación foi de pouco máis do 50% deses doce millóns de persoas, polo que, en realidade, unha porcentaxe significativa dos afgáns non votou o pasado 18 de setembro.

Mentres algúns países defenden estas eleccións como a expresión da chegada da ansiada democracia para a poboación afgá, outros denuncian o que cualifican de toda unha farsa dende o comezo da campaña, a mediados de agosto, e pasando polas ameazas e asasinatos dos candidatos que concorrían ás eleccións ata os últimos días. Os medios de comunicación sinalan que a responsabilidade de tales prácticas está nos talibán, que conseguen así ter máis presenza no centro e no sur de Afganistán, tratando de retomar o poder a través destas artimañas e presentándose ás eleccións como a única solución viable para acadar un control estable do país. A Comisión electoral afgá bloqueou a entrada no xogo electoral dun medio centenar de candidatos que tiñan unha relación evidente coas milicias radicais.

Polo que respecta á presenza das mulleres nestes comicios, máis de cinco centos delas presentáronse como candidatas, xa que 68 dos 249 escanos están reservadas para elas na Cámara Baixa (e unha presenza do 25% nos distintos consellos provinciais). Sen embargo, nun país tan grande, as campañas electorais son bastante caras, e tendo en conta que os maridos controlan as finanzas das súas esposas, poucas mulleres poden ter tanta independencia como para controlar elas mesmas as súas campañas.

Os resultados destas eleccións non se coñecerán completamente ata un mes despois do domingo electoral, sen embargo, distintos observadores xa adiantaron as súas conclusións. Hai quen afirma que Afganistán agora é un país onde a democracia está a florecer porque, entre outros elementos, o país conta cunha Constitución, un presidente, un Parlamento e un país que participa nas decisións importantes. Pero todo apunta a que isto non é suficiente: unhas eleccións non son totalmente limpas se os votantes e candidatos están baixo un clima de ameaza continua, onde as mulleres dependen dos seus maridos, e onde as prácticas tradicionais estanse a impoñer sobre o que deberían ser leis igualitarias.

Todo semella indicar que asistimos a unha perpetuación no poder dos “señores da guerra” e dos comandantes locais, auténticos donos da situación, enriquecidos a partires do narcotráfico. A compra de votos, a baixa participación, as ameazas a candidatos e votantes, secuestros, enfrontamentos coas tropas estranxeiras, etc., todo leva cara un camiño xa coñecido: a instauración dun réxime pseudodemocrático para favorecer ás relacións bilaterais cunha potencia foránea ou con varias potencias.

Segundo Amnistía Internacional, os deputados elixidos deberán encargarse de elaborar unha lexislación nova e establecer mellores prácticas para que o país teña en consideración, entre outros, os dereitos das mulleres. E, sobre todo, controlar a chamada “guerra contra o terrorismo”, unha guerra que, tendo coma escusa a loita contra o terror, alenta métodos que moitas veces violan os Dereitos Humanos, como a detención ilegal de persoas en lugares administrados por forzas estadounidenses e afgás. ¿Predicar co exemplo? Aquí, a menos común das virtudes.