O presidente Xi propuxo que as relacións bilaterais entre China e todos os países africanos cos que teñen vínculos diplomáticos (todos menos un, Esuatini) se eleven ao nivel de relacións estratéxicas e que a caracterización xeral das relacións China-África se defina como unha “comunidade de futuro compartido China-África intemporal na nova era”. Xi apelou a corrixir de vez as “inxustizas históricas” en relación a África, sumándose á reivindicación dun lugar permanente para o continente no Consello de Seguridade da ONU. China e África representan un terzo da poboación mundial. Na apertura do foro, reafirmou o propósito chinés de converter a relación con África nunha mostra dun “novo tipo de relacións internacionais”.
Entre as ausencias destacadas, a do presidente angolano, João Lourenço, feito chamativo tendo en conta que China é o maior acredor do país africano e Angola o maior socio económico de China na África subsahariana. Segundo a Universidade de Boston, Luanda, representada en Pequín polo ministro de Asuntos Exteriores, Téte António, contabiliza máis de 45.000 millóns de dólares entre 2000 e 2022 en préstamos e financiamento de China para 258 proxectos, principalmente en enerxía e transporte.
China converteuse nun actor importante en África dende que se fundou o foro en 2000. As súas empresas investiron moito na minería e os seus bancos de desenvolvemento proporcionaron préstamos para construír ferrocarrís, estradas e outras infraestruturas baixo a Iniciativa da Franxa e a Ruta.
China é o maior socio comercial do continente africano. O comercio bilateral alcanzou os 167.800 millóns de dólares no primeiro semestre do ano, segundo a prensa oficial chinesa. Agora, Xi prometeu aos líderes africanos miles de millóns de dólares en préstamos e investimentos privados durante os próximos tres anos. Como evidencia da crecente relación bilateral, foron anunciadas 10 “accións de asociación” que inclúen formación para políticos africanos e futuros líderes, unha maior apertura do mercado chinés, áreas de demostración agrícola, formación profesional e técnica, proxectos de enerxía verde e 1.000 millóns de yuans (140 millóns de dólares) en subvencións de asistencia militar, incluindo a formación de 6.000 militares. Do que se trata, no fondo, é de apuntalar a autonomía estratéxica e unha seguridade independente. A atención a estas capacidades nun continente abalado pola inestabilidade é un punto destacado.
Xi tamén prometeu que o país investirá polo menos 70.000 millóns de yuans no bloque africano. Anunciou 30 proxectos de infraestruturas e renovou a promesa de aumentar as importacións agrícolas procedentes de África, intención que xa se manifestara na anterior edición do FOCAC, en Dakar, en 2021. China, dixo, axudará a África a “promover a modernización ecolóxica, o desenvolvemento ecolóxico e a transición cara a tecnoloxía baixa en carbono”. O secretario xeral da ONU, António Guterres, dixo en Pequín que China e África poden “liderar a revolución das enerxías renovables”.
Os líderes africanos acolleron con satisfacción estes anuncios, pero tamén presionan para que a cooperación estea máis aliñada cos obxectivos de desenvolvemento do continente. Buscan industrializar as súas economías e ampliar as exportacións agrícolas para reducir o déficit comercial con China.
O anuncio de novas áreas de cooperación expresa a vontade bilateral de avanzar cara unha nova caracterización das relacións China-África. Non se trata de inundar o continente de mercadorías baratas e de baixa calidade ou de alentar unha dinámica construtiva avalada polos préstamos chineses co propósito de drenar os excesos de capacidade na Grande Terra senón de corresponder a diversidade e complexidade dunha África que rexeita a reiteración das dependencias do pasado.
O impulso das infraestruturas ou a transferencia tecnolóxica, especialmente no sector agrícola para afrontar un dos mais serios problemas de África -a persistencia da fame-, requiren dunha cooperación de longo prazo para impulsar o desenvolvemento económico, o emprego e o benestar, un crecemento a partires das súas propias necesidades que trascenda o mero intercambio comercial.
A boa saúde da cooperación entre China e os países africanos esperta rancores, e estanse a multiplicar os esforzos para cuestionar os proxectos de China no continente. Sen ser perfecta, é evidente que está a facer as cousas mellor que moitos dos países desenvolvidos. Pero son precisamente as nacións africanas as que teñen a última palabra sobre o sentido e idoneidade desta cooperación.