Rematou o cumio africano da Unión Europea en Lisboa sen moitas novidades substanciais, aínda que deixando en evidencia varios asuntos de gran calado. Primeiro, a constatación de que se ben a historia pesa o seu nas relacións entre os dous continentes, as regras comerciais que desexa impoñer a UE aos países africanos provocan tanto ou máis descontento. Segundo, Bruxelas segue a aplicar diferentes varas de medir en relación aos dereitos humanos, en función de consideracións pouco inocentes (todos denuncian o que acontece en Sudán ou en Zimbawe, pero nin unha soa mención, por exemplo, á Guinea Ecuatorial de Obiang ““quen controla aquí o petróleo?”“, por citar só un caso). Terceiro, en relación a outros actores, a curto prazo, as dificultades evidenciadas neste cumio non permitirán á UE manter a súa supremacía en África.
A promesa de establecer de cara ao futuro un marco de cooperación de igual a igual, é un anuncio do que desconfían moitos países africanos. A ninguén se lle oculta que, ante tanta asimetría, falar de igualdade non deixa de ser un eufemismo cargado de retranca. O compromiso, lastrado por décadas de relacións conflitivas e unha colonización que, pese ao tempo transcorrido, non saíu aínda da axenda bilateral, tivo o seu contrapunto na dificultade de chegar a acordos comerciais que afondan na desigualdade. A Bruxelas non lle importa aumentar os euros da cooperación, pero a cambio reclama máis liberalización e acordos máis restritivos en materia de inmigración.
A UE, que elaborou en 2005 unha nova estratexia para África, é o primeiro socio comercial deste continente, pero teme verse desprazada moi pronto por esa China que xa o sinalou como unha das súas prioridades diplomáticas, especialmente desde novembro de 2006, cando se celebrou en Pequín o Cumio China-Africa. O avance experimentado nos últimos anos en presenza inversora, man de obra, capacitación, comercial, etc, disparou as alertas occidentais. Se EEUU, sen moita imaxinación pero con evidente afán hexemonista, decidiu promover un novo comando militar (Africom), Europa, case á desesperada, convoca este cumio, sete anos despois da reunión do Cairo, aceptando “moderar” as súas esixencias en materia de dereitos humanos ou de bo goberno e facendo a vista gorda ante a presenza de Mugabe, presidente de Zimbabwe e demonizado expropiador dos latifundios branco-británicos, quen ten formalmente prohibida a estadía en territorio da UE. Este cumio estaba previsto celebralo en 2003 e foi adiado en varias ocasións, precisamente, entre outros, por este motivo. Os africanos acabaron gañando o pulso que lle botaron á UE.
Contrarrestar a influencia crecente de China é a motivación de fondo que animou este intento europeo de establecer un novo marco de cooperación con África. O comisario europeo de desenvolvemento, Louis Michel, dixo que Europa debe deixar de lado a visión caritativa e moralizante de África, pero, á sombra das boas intencións, os inmensos recursos naturais e non as dificultades dos seus mil millóns de habitantes son, lamentablemente, a principal causa da competencia e o flirteo de EEUU e China, seguidos de Xapón, que o ano próximo tamén celebrará unha conferencia internacional sobre o mesmo tema. Pobre África: todos a “axudala”!
Sócrates, primeiro ministro portugués, propuxo unha asociación estratéxica como expresión da nova relación política, pero tropezou cos acordos comerciais que a xuízo de moitos países africanos aumentan as dificultades económicas en prexuízo dos máis pobres do planeta. Reclaman, non sen razón, acordos comerciais máis equilibrados e xustos. De momento, só 13 estados africanos están dispostos a asumir a proposta inicial da UE. Pero Senegal, Sudáfrica ou Nixeria opuxéronse radicalmente, dando outro toque de alerta aos organismos comunitarios e financeiros multilaterais que ata hai pouco ignoraban as demandas africanas. Esa falta de acordo é, tamén, unha boa noticia para China.
Moitos líderes africanos detestan o discurso sobre dereitos humanos, bo goberno e responsabilidade, conceptos que non están en boca de Pequín que segue incrementando a súa influencia económica e financeira a pasos axigantados, sen que, polo momento, sexan notorias as alarmas nas capitais africanas pola dependencia política que tamén van xerando. Os chineses dan o diñeiro más rápido, tanto que ninguén pode rivalizar con eles; son menos esixentes na burocracia (aspecto no que non é difícil gañar á UE), e non hai controis parlamentarios que investiguen que foi do diñeiro empregado. Para moitos, especialmente para aqueles países inmersos en procesos de reconstrución despois de duros conflitos internos, é o socio ideal: poñen diñeiro, poñen empresas e obreiros, e van rápido, aínda que a calidade a veces deixa que desexar. Difícil competir con eles.
Cincuenta anos despois de pór fin ao proceso descolonizador, Europa, baixo a forma que sexa, ten complicado manter a súa posición dominante en África, laminada dende hai tempo polo igualmente pouco escrupuloso interese de EEUU. Pero os africanos non reciben ao Tío Sam cos brazos abertos. Basta ver as dificultades da Condi Rice para atopar un país onde instalar a sede do Africom. China, sen ser a panacea, ofrece outro modelo. No económico, xestionando directamente boa parte da axuda, condonando débedas, ofrecendo oportunidades de formación con retorno e abrindo progresivamente as portas aos produtos africanos sen impoñerlles plans de axuste. No político, concedendo prioridade á loita contra a pobreza sen arrogancias nin imposicións. Despois, que cada quen decida por si mesmo. Sen desenvolvemento non hai futuro. Pero coa soberanía hipotecada, tampouco.