Artigo publicado no IGADI Annual Report 23-24: "Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade"
A Xunta militar de Níxer anunciou o 26 de xullo de 2023, o derrocamento do goberno do presidente Mohamed Bazoum. O 4 de agosto a Xunta militar informou do derogamento de todos os acordos militares con Francia.

África reoriéntase ante os cambios globais

En 1995 Mozambique, unha ex colonia portuguesa, foi o primeiro país sen lazos históricos co Reino Unido en adherir á Commonwealth1. En 2009 Ruanda tamén sumouse á Mancomunidade Británica e en xuño de 2022 fixeron o propio Gabón e Togo. Ningún destes catro países foi colonia británica. Se nos quedásemos con esa información poderíamos sospeitar que África estase inclinando cara o que se denomina o «mundo occidental» ou que o Reino Unido está tecendo as súas redes no continente, tendo en conta a habilidade británica para «tecer» ou para tirar a pedra e esconder a man. Pero esta tendencia parecería ser unha excepción.

A outra tendencia é a que nos amosa que en varios países producíronse unha serie de golpes de Estado desde 2020, en particular desde Guinea ata Sudán, país no que dúas faccións do exército disputáronse o poder.

A rexión do Sahel viuse convulsionada por golpes de Estado, os que se produciron en Chad ―onde o presidente Mahamat Idriss Deby Itno asumiu o poder encabezando unha xunta militar en abril de 2021 tras a morte do seu pai, Idriss Deby Itno―, Guinea, onde se supón que a reacción debíase á grande corrupción que se observaba no país, mentres que os que tiveron lugar tanto en Malí ―cuxo golpe tivo lugar en 2020― como en Burkina Faso ―onde en setembro de 2022 foi destituído o presidente interino Paul-Henri Sandaogo Damiba― serían motivados pola crecente onda de violencia dos grupos yihadistas. Segundo fontes das Nacións Unidas, os factores que levaron á desestabilización en Burkina Faso serían a violencia interétnica, o conflito armado, a pobreza, as desigualdades, a inseguridade alimentaria e o cambio medioambiental2.

En Malí as forzas francesas foron substituídas polos mercenarios do grupo Wagner pero en todos estes estados os golpes non favorecerían a estabilización da rexión senón que obrarían en sentido contrario. Cabe agregar que as tropas francesas tamén deberon retirarse da República Centroafricana logo dos golpes en Malí e Burkina Faso. O 15 de agosto de 2022 produciuse a retirada das tropas francesas que compoñían o último destacamento da forza «Barkhane» de Malí, o que levou a que o presidente Macron anunciara o 9 de novembro do mesmo ano o fin oficial desta operación antiyihadista no Sahel.

O 26 de xullo de 2023 un golpe de Estado en Níxer derrocou ao presidente Mohamed Bazoum. A súa propia garda sería a responsable de detelo no pazo presidencial sito na capital do país, en Niamey. Inmediatamente as novas autoridades comezaron a distanciarse de Francia e os manifestantes que apoiaron o golpe despregaron numerosas bandeiras rusas e expresaron o seu apoio ao grupo paramilitar ruso Wagner.

En Gabón o 30 de agosto de 2023 levouse a cabo un novo golpe de Estado ―pois no do 7 de xaneiro de 2019 os militares fracasaron na tentativa― que foi anunciado a través da televisión, anulando os resultados das eleccións xerais celebradas o día 26 de agosto que levarían a Ali Bongo a asumir o seu terceiro mandato. O argumento dado polos golpistas é que as eleccións carecían de credibilidade3. Bongo obtería o 64,27% dos votos mentres que o seu principal rival, Albert Ondo Ossa, acadou o 30,77%. Ondo denunciara «fraudes orquestrados polo bando de Bongo» dúas horas antes do peche da votación e chegou a adxudicarse o triunfo electoral. Cabe destacar que a elección celebrouse sen a presenza de observadores internacionais4. Non obstante, o golpe de Gabón, a diferenza dos outros, deixa abertas sospeitas de que o seu obxectivo é darlle continuidade ao réxime e garantir os investimentos de Francia no país.

Máis arriba referínme á Commonwealth, a institución que Londres creou para manter ás súas ex colonias dentro da súa esfera de influencia logo do proceso de descolonización. Francia, quizáis con menor sutileza, creou a Comunidade Financieira Africana, a cal mantén aos seus membros co franco CFA, o que implica que non houbo unha independencia real deses países xa que esa moeda é administrada polo goberno francés. Como se puido apreciar, varios países que foron colonias francesas comezaron a tomar distancia da súa ex metrópole e parecería que desexan afastarse aínda máis xa que agora propuxeron crear unha moeda única e abandonar o franco CFA, utilizado actualmente por oito países de África Central e Occidental. En novembro de 2023 os ministros de Finanzas de Malí, Burkina Faso e Níxer reuníronse en Bamako, a capital de Malí, para debatir acerca dunha futura unión económica e monetaria5.

Do mesmo xeito, en novembro, os ministros de Asuntos Exteriores da Alianza de Estados do Sahel (AES), Malí, Burkina Faso e Níxer, ―selada mediante o acordo foi difundido como a Carta Liptako-Gourma, asinado o 16 de setembro de 2023― reuníronse o 30 de novembro en Bamako para dar forma completa á coalición militar entre os tres países6. Os ministros reuníronse para dar á alianza unha dimensión política e diplomática. A AES naceu como un pacto de defensa entre ostres países co obxectivo de xuntar os seus recursos militares para loitar contra grupos rebeldes ou yihadistas pero tamén pretenderían fundar unha verdadeira unión económica e política para fortalecer os seus intercambios comerciais, realizar proxectos enerxéticos e industriais en forma conxunta e crear un banco de investimento e incluso unha liña aérea.

A todo isto debe agregarse que o 29 de decembro de 2023, África do Sur levou a Israel ante a Corte Internacional de Xustiza baixo a acusación da comisión de actos de xenocidio contra o pobo palestino de Gaza. Dada a gravidade da situación, debido a que o xenocidio está en curso, outorgóuselle un tratamento de urxencia e solicítaselle á Corte que adopte medidas para que Israel suspenda con carácter inmediato a ofensiva militar que está levando a cabo contra os palestinos. Cabe destacar que cando África do Sur estaba baixo o réxime do apartheid ambos países eran aliados, dado que os dous eran considerados ―dalgunha maneira― como parias internacionais.

Os acelerados cambios aos que asistimos desde que Rusia emprendera a que denominou «Operación Militar Especial» sobre Ucraína en febreiro de 2022, a reacción da OTAN en apoio ao réxime do presidente Zelensky, a ofensiva de Israel sobre Gaza e tamén Cisxordania a partir das mortes perpetradas polo grupo Hamas en territorio israelí ―sen que sorprendentemente as forzas israelíes reaccionaran, máis aínda tras a advertencia da Intelixencia de Exipto―, o posicionamento dos BRICS como un espazo económico de desenvolvemento que aspira a un mundo multipolar, serán razóns para que probablemente os países africanos se encamiñen cara a un distanciamento maior do «mundo occidental». A isto deberían engadirse as «predicións» que se están a facer en Alemaña dunha guerra con Rusia no corto prazo.

Sen dúbida, este ano 2024 traeranos moitas máis novidades inesperadas ou non contempladas que introducirán fortes cambios xeopolíticos e de poder tanto en rexións específicas como globalmente.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón