Unha e outra vez repítese a situación. Ante calquera avance no proceso de paz no Ulster, os unionistas británicos buscan todo tipo de desculpas para demoralo. David Trimble tivo que suspender a reunión do Consello do Partido Unionista do Ulster (UUP) ante a posibilidade de que a proposta de restaurar o Goberno compartido cos nacionalistas irlandeses, despois dos compromisos de desarme do IRA, fose rexeitada.
O "ministro principal" do goberno suspendido tomou unha semana para tratar de convencer aos seus compañeiros de partido. Londres concedeulla e mesmo fixo varias cesións aos unionistas. O próximo sábado o UUP terá que decidir. Si a proposta de volver ao Goberno do Ulster é rexeitada, Trimble terá que dimitir como líder do partido e o proceso de paz verase seriamente ameazado.
Segundo as previsións de terse celebrado a reunión do máximo órgano de dirección do UUP o resultado sería de entre un 60% e un 70% en contra de volver ao goberno. Trimble ten unha semana para convencer á maioría dos 860 delegados que o próximo sábado votaran si aceptan ou non a última proposta de desarme do IRA e regresan ao goberno autónomo do Ulster. Londres cedeu de novo e aprazou a restauración do goberno.
As esixencias unionistas centráronse a semana pasada en cuestións simbólicas: permanencia dos símbolos reais na insignias policiais, da denominación Royal Ulster Constabulary, presencia da bandeira británica nos edificios oficiais. Londres volveu ceder, pospuxo durante un ano o cambio de nome da policía e aceptou incorporar o de RUC á nova denominación da mesma. A cuestión das bandeiras quedou en mans do ministro británico para o Ulster.
Con estas concesións na man os unionistas volveron á oferta de desarme do IRA. Segundo moitos dirixentes do UUP a proposta non é clara e o que diga o "premier" Blair non é máis que a súa interpretación sobre o que di o IRA. Estes lideres unionistas esixen que o IRA diga simplemente cando vai entregar as armas. Na súa oposición a regresar ao goberno autónomo con presencia do Sinn Fein son encirrados polos radicais do Partido Democrático do Ulster do reverendo Ian Paisley.
Diversas enquisas publicadas nesta semana indican que unha alta porcentaxe dos votantes unionistas (entre o 60 e o 70%) son partidarios de regresar ao goberno, o que contrasta coa posición dos dirixentes. Os partidarios de retomar o goberno pregúntanlle aos opositores sobre que alternativa propoñen. Mesmo algúns deixaron entrever que si o proceso de paz fracasa definitivamente, Londres e Dublín poderían poñer en vigor o documento asinado en 1995 segundo o cal poderían crear un miniexecutivo con poderes sobre o norte e o sur para avanzar cara a unificación, polo tanto os unionistas non poderían fixar os prazos dun proceso que uns tratan de demorar ao máximo e outros néganse a admitir.