Co 98’48% dos votos escrutados, o candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), Luiz Inácio Lula da Silva, é o claro vencedor das eleccións brasileñas, rozando a maioría absoluta cun 46’5% dos votos válidos. Esta victoria, sen embargo, resulta insuficiente para obter a presidencia do país, e Lula terá que batirse o 27 de outubro nas urnas co candidato oficialista José Serra, que na primeira volta obtivo case o 24% dos votos. Isto obrigará a Lula a facer novas alianzas cos principais ex contendentes excluidos do "ballottage" (Ciro Gómes e Anthony Garotinho). Estas alianzas implicarán novos compromisos na conformación do futuro gabinete, como sinala Roberto Bouzas en Clarín, pero Lula gañou unha enorme experiencia en establecer alianzas, estimulado pola convicción de que o seu partido debe traballar para asumir a responsabilidade de conducir o goberno federal. Esas coalicións sempre resultarían necesarias, aínda gañando na primeira volta, xa que a súa base de apoio parlamentario sería sempre insuficiente.
Os mercados financeiros internacionais, fortemente sacudidos estes últimos meses pola probable victoria do ex sindicalista Lula na octava economía do mundo, recibiron con escepticismo este primeiro resultado electoral, a pesar das promesas do líder do PT de respectar os compromisos internacionais de Brasil co FMI -que en agosto lle concedeu un crédito de 30.000 millóns de dólares para evitar o afundimento do real- e outros organismos financeiros. Hai uns días, Anne Krueger, primeira subdirectora xerente do FMI declaraba que "Brasil superará a súa situación sen unha reestructuración da súa débeda porque están en posición para seguir crecendo". A creación de débeda de Brasil se asemella á de Arxentina, cun amplo incremento na proporción de debeda pública respecto ao PIB, a 62% actualmente, dende o 29,2% en 1994 e un déficit orzamentario que é de arredor do 6% do PIB. As reformas de Cardoso modernizaron a economía pero non reduciron a desigualdade nin a vulnerabilidade externa.
En materia de política exterior, algúns sectores ultraconservadores influíntes nae Administración Bush apuntan á creación dun eventual Eixe do Mal latinoamericano Castro-Chávez-Lula en caso de que finalmente este último se impoña nas urnas, a pesar de que Estados Unidos anunciou que colaborará con calquera dos candidatos que resulte elixido. William Barr, quen foi xefe da sección política da embaixada americana en Brasil ata o seu retiro hai unhas semanas, declaraba ao Miami Herald que non creía que Lula fose tan malo como o pintan algúns conservadores en Washington. "Lula non será un Chávez, nin por asomo", asegura. "Ten máis perspectiva e máis balance que Chávez" e non dará marcha atrás ás reformas de libre mercado, insiste, porque abundan xenerosas limitacións económicas, políticas e legais que o fan imposible. Lula se esforzará por evitar que o ala radical do PT arruine a súa Presidencia. Os líderes do PT "moitos deles se exiliaron en Chile durante dictadura brasileña da década dos setenta- teñen fresca a memoria do ocaso do presidente socialista chileno Salvador Allende.
No ámbito político-económico, unha victoria de Lula fai previsible unha profundización dos procesos de integración rexionais latinoamericanos (MERCOSUR, ALADI) en detrimento do ALCA. Se Lula resulta eleito en Brasil é probable que a súa primeira viaxe sexa a Arxentina. A diferencia de Serra, que considera que Brasil cedeu demasiado ós seus socios do MERCOSUR, Lula propón fortalecelo seguindo as liñas do proceso de integración europeo.
No marco das negociacións UE-MERCOSUR da Conferencia de Madrid (maio de 2002), Brasil obtivo a apertura dos mercados europeos ao seu téxtil, e o compromiso de apoio político europeo nalgúns foros multilaterais. Os efectos dun xiro á esquerda en Brasil sobre outros países do subcontinente están aínda por ver, pero en calquer caso poderán verse confirmados ou desmentidos na primavera de 2003, cando Ecuador, Perú, Costa Rica, Arxentina e Paraguai celebren os seus respectivos comicios.