Aínda non chegou a hora da esquerda uruguaia

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Jorge Batlle candidato do Partido Colorado gañou a segunda volta das eleccións uruguaias co 51,59% dos votos. As esperanzas depositadas pola esquerda en Tabaré Vázquez non se viron confirmadas e o EP-FA quedou a sete puntos e medio, obtendo o 44% dos sufraxios.

O 54% dos votos colleitado por Tabaré Vázquez en Montevideo, superando ao seu adversario político, non foi suficiente para que o Frente Amplio chegase á presidencia de Uruguai. Na capital o candidato da esquerda superou en doce puntos e 115.000 votos a Jorge Batlle ao candidato dos partidos tradicionais Brancos e Colorados. Na zonas menos urbanas do interior, Batlle distanciouse e máis de 22 puntos superando aos encuentristas en 281.000 votos conseguindo nas zonas rurais do interior 730.672 sufraxios dun total de 1.138.067 recollidos en toda a xeografía uruguaia.

O presidente electo non ocultou a súa satisfacción pola victoria, logo dunha disputadas eleccións nas que tiveron que pactar cos seus tradicionais inimigos do Partido Nacional: "..sinto neste momento que como candidato electo polo pobo do país e representando a todos os cidadáns da nación, ratifico o meu sentimento de cara ao que vai ser un goberno que terá que contar coa participación activa de toda a cidadanía para poder levar adiante no próximo século os ideais de progreso, democracia, liberdade e o respecto que nos merecemos uns aos outros…"

Pola súa banda Tabaré Vázquez quixo dar a volta á derrota presentándoa coma un paso adiante cara novos e inmediatos obxectivos políticos: "…esta forza tense transformado na maior do país a partir do 31 de outubro. Temos unha importante representación parlamentaria, en calidade e en cantidade, e serán os nosos compañeiros desde o parlamento e Mariano dende a IMM (Intendencia Municipal de Montevideo) e aqueles que chegarán ás intendencias do interior do país, cos que seguiremos traballando cóbado con cóbado, …invítovos a seguir traballando sen baixar por un segundo as nosas bandeiras, os nosos valores e principios. Sigamos traballando por todos os uruguaios, brancos, colorados…¡Viva o Uruguai! ¡Deica a victoria, sempre compañeiros!".