Loitas internas e manipulacións externas a parte, calquera que sexa o seu desenlace, as eleccións presidenciais de 2009 marcarán un punto de inflexión na vida política de Irán. Os cambios sutís que se foron acumulando ao longo dos últimos anos atoparon na “vitoria esmagadora” de Ahmadineyad a razón de ser dunha protesta cívica cunha dimensión que a ninguén deixou indiferente. A fortaleza do conservadorismo, o apoio do máximo líder Alí Jamenei e da Garda Revolucionaria, aseguran, de entrada, a unidade institucional necesaria para que o presidente oficialmente electo vexa confirmados os resultados proclamados polo ministerio do Interior o pasado día 13 de xuño. Salvo que a protesta esténdase obrigando a repetir os comicios, unha posibilidade remota no actual contexto pero non de todo imposible.
A multitudinaria esixencia da revisión das actas do escrutinio evidencia as arelas de cambio coas que viña soñando en silencio unha sociedade que acumula un forte descontento na clase media, nos máis novos e entre as mulleres, sectores que están á cabeza dos que erguen a súa voz polo cambio, desconformes coa multiplicación das restricións en materia de liberalización política e social, todo un xerro de auga fría despois do período “liberal” de Jatamí. Esas tendencias víronse agudizadas nos últimos meses polo impacto da crise financeira, a redución do prezo do cru e as dificultades económicas, asunto no que a xestión de Ahmadineyad non foi quen de calmar as críticas.
A segunda dimensión do cambio ten que ver cos retos diplomáticos de Irán, en especial, o descontento coa liña dura seguida nos últimos anos e moi especialmente dende a derrota reformista de 2004, empeorando as relacións con EEUU e afastando unha solución negociada do contencioso nuclear. As novas estratexias en curso de actores internacionais cualificados esixen de Teherán maior cintura e poucos confían que un Ahmadineyad reforzado na súa intransixencia con este resultado, sexa quen de propiciar ese imprescindible acomodo.