Ben Laden as leva todas. Invisible, case mítico xa, é o sospeitoso número un e ideal. Acabaranlle atribuindo ata algunha conexión cos asasinatos de Washington que aquí vivimos con tanto seguemento coma se foran en Gondomar… Do criminal atentado de Bali rapidamente se derivaron sospeitas cara Al Qaeda e máis de presa aínda atribucións directas de responsabilidade por parte das autoridades indonesias, australianas e norteamericanas. Dende o 11 de Setembro de 2001, a súa man, que queira, que non, vai de Djerba, en Tunisia, a Karachi, Iemen, Kuwait, etc., e ben sexan ataques contra franceses, americanos, intereses turísticos, petroleiros, etc, Ben Laden estaría detrás de todos eles, aínda a pesar de que ninguén sabe a ciencia certa se está vivo ou non, como recoñecía hai escasas semanas o xeneral Tommy R. Franks, responsable máximo das operacións de Afganistán. Agora, ¿qué se lle perdería en Bali? ¿Que sentido ten atentar contra indefensos turistas? Houbo unha segunda bomba, de escasa potencia, que estourou preto do consulado de Estados Unidos, pero sen víctimas. O beneficiario directo de semellantes accións non é outro que Bush e a súa maquinaria bélico-electoral que coa mirada posta nos comicios do 5 de novembro e no “carniceiro” de Bagdad, se atraganta de argumentos para manter vivo o espiritu do 11S no seo da sociedade americana e evita debater sobre outros problemas: a crise económica, a corrupción empresarial, etc. Fontes, sen dúbida malintencionadas, non dubidan en salientar a oportunidade do atentado, xustamente cando as autoridades norteamericanas pretenden implicar de forma máis activa ao xigante indonesio na súa cruzada universal contra a Yihad internacional. Pero as visitas de Karen Brooks e as presións de Bush non se tomaban suficientemente en serio. Agora, si.
O ministro de defensa de Iacarta, Matori Abdul Jalil, sumouse a este coro ao afirmar que a rede de Ben Laden está presente en Indonesia, compartindo estreitas relacións cos seguidores de Abu Bakar Bashir, xefe da Jamaah Islamiyah, quen nunhas declaracións ao xornal australiano “The Age” declaraba tallantemente que non era un terrorista, que era un predicador disposto a utilizar unicamente as armas de que dispón, as palabras. Bakar Bashir tomaba distancias ademáis a propósito de Ben Laden, respectando a súa fé, a súa organización e as súas teses pero distanciándose dos seus métodos. O Washington Post, sen embargo, sinalaba esta organización como claramente ligada a Ben Laden que estaría intentando coordinar desde aquí e coa súa axuda as actividades terroristas en todo o Sudeste asiático. O Pentágono, ao pouco de recibirense as primeiras noticias do atentado, adiantaba o seu propósito de retirar parte da loxística presente na rexión… ¿ninguén lles pedirá que se queden e mesmo que reforzen a súa presencia para arrimar o ombreiro na loita contra o terrorismo?…
Se, como din, Al Qaeda é invisible, esvaiuse, Ben Laden está missing, etc, ¿cómo atribuir tan alegremente unha responsabilidade por tan grave acto criminal? Ninguén é capaz de aportar probas de nada, ninguén as reclama, dase por feito e seguro sen máis. É dogma de fe, sen fisuras. Coa excusa da loita contra o terrorismo internacional, tanto maniqueísmo simplificador neste asunto leva camiño de conducirnos a todos a un precipicio. A excesiva claridade, moita cegueira.
