Queda clara, a todas luces, a sutil “estratexia de embude” orquestrada dende Washington para pechar o círculo en torno á ALBA. A practicamente anunciada vitoria electoral de Juan Manuel Santos o próximo domingo 20 nas presidenciais colombianas certificaría este escenario, coa vista colocada obviamente na reacción que isto provocará no presidente venezolano Hugo Chávez.
Con Santos se definiría unha nova etapa política do “uribismo” en Colombia e a evidente expansión andina do Plan Colombia, agora fortalecido pola ampliación da cooperación militar estadounidense con sete bases militares en territorio colombiano. A recente visita a Ecuador da secretaria de Estado Hillary Clinton permitiu concretar un círculo de achegamento labrado durante meses entre Quito, Bogotá e Washington, escenario que deixa ao mandatario ecuatoriano Rafael Correa nunha complicada situación co respecto á ALBA.
Outro caso é Paraguai, país que se ben non forma parte da ALBA está sendo convidado nos derradeiros cumios deste organismo, como apéndice para unha futura e eventual integración. A situación interna complícase para o presidente Fernando Lugo dentro dun inestable panorama interno que semella reproducir o exemplo golpista hondureño que levou ao derrocamento do presidente Manuel Zelaya fai case un ano, precisamente polo seu achegamento ao eixe da ALBA e a Chávez.
Precisamente, resulta notoria a táctica de Washington por lexitimar no exterior ao actual presidente hondureño de Porfirio Lobo. En abril pasado, a visita de Lobo a Nicaragua, outro país membro da ALBA, certifica este “fait accompli” lastrado de realpolitik. A pesar de non poder asistir ao cumio da Unión Europea-América Latina e o Caribe celebrado o mes pasado en Madrid, Lobo adquiriu a lexitimación exterior necesaria ao estar presente no cumio UE-Centroamérica celebrado un día antes.
Nestes últimos días son igualmente notorios os chamamentos por parte de Washington e da OEA para que o hemisferio latinoamericano termine por recoñecer a presidencia de Lobo. Neste apartado, o papel de Costa Rica, a través do ex presidente Óscar Arias, pode resultar decisivo nesta estratexia da Casa Branca por lexitimar a Lobo e dar curso a unha especie de “entente” anti-ALBA, con outros aliados como Colombia e Panamá.
Estes escenarios se parcelan, igualmente, dentro do panorama venezolano. O presidente Chávez e o seu Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) xóganse varias cartas políticas nas eleccións lexislativas pautadas para o próximo 26 de setembro. Non obstante, e se ben diversas enquisas dan conta dunha sensible baixa na súa popularidade, as perspectivas consideran outra posible vitoria electoral para Chávez.
Cun clima de polarización e desgaste político aderezado pola difícil crise económica, Chávez concentra a súa atención no panorama interno, acelerando un proceso de expropiacións e “socialización” do sector económico mentres arremete contra os medios de comunicación opositores, en especial Globovisión. Así, parece pouco probable esperar unha audaz reacción de Chávez ante os cambios que están ocorrendo no seu “patio traseiro”, en especial en Colombia, Ecuador e Centroamérica.
Baixo esta perspectiva, o eixe da ALBA segue invariablemente definido en torno a Venezuela e Bolivia, con Cuba observando unha nova conxuntura. As recentes liberacións de presos políticos e as negociacións entre o goberno cubano e a Igrexa católica anuncian posibles novos escenarios para a illa caribeña, que terán obviamente consecuencias na política hemisférica.
Con todo, o período 2010-2012, que abre un novo ciclo electoral en América Latina, parece perfilar unha etapa decisiva para a consolidación da ALBA e para a estratexia estadounidense de retomar a súa iniciativa no contexto latinoamericano, con especial atención en concretar un círculo de illamento en torno a Chávez.