ALCA aproba datas, deixa pendentes disciplinas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Os 34 países reunidos no Quebec para asistir á terceira Cimeira das Américas fixaron para xaneiro do 2005 a entrada en vigor da ALCA. Só Cuba quedará á marxe deste gran mercado continental que representa o 40% do PIB mundial e que albergará máis de 700 millóns de consumidores. Será un área de libre cambio con lixeiras concesións para programas sociais. O Mercosur non quere converterse nun satélite da economía norteamericana, pero tampouco está en disposición de impoñer condicións ou de quedarse á marxe. Se axiña non hai un cambio na estratexia europea, a súa presencia diluirase paseniñamente no continente.

George Bush aproveitou a debilidade do Mercosur e a perda do interese europeo nas Américas para reforzar a súa cuestionada dimensión como estadista internacional. Mesmo logrou introducir unha cuña no Mercosur, que atravesa un momento crítico, para afastar a Chile do Mercado Común do Sur, tentando atraelo no prazo dun ano cara a Alena (Área de Libre Cambio de América do Norte), integrada polos EEUU, Canadá e México.

Para a cuarta cimeira de setembro, deberán traer os deberes feitos: Arxentina, México, Perú, Guatemala, Colombia e os EEUU. Cada un ( ) presentará os respectivos relatorios sobre cotas de importacións e cargas impositivas, as garantías para os investimentos estranxeiros, o dúmping, os aranceis agrícolas, lexislación antitrust e defensa do consumidor, e a propiedade intelectual. Estes serán os vimbios para facer o cesto da ALCA. Xa que logo, tratarase fundamentalmente un grande mercado con escasas concesións nos capítulos sociais que se centran en cinco áreas: Democracia considerada como condición esencial para participar nas Cimeiras, integración gradual, diminución dos gastos militares, combate do narcotráfico, implantación das novas tecnoloxías e mellora dos sistemas educativos.

Vagos e pobres obxectivos que non contentaron aos 30.000 manifestantes contrarios ás políticas neoliberais. Ao impulso do berro republicano do 36, repetían; ¡Non pasarán! e demandaban “outro modelo de mundialización que teña por obxectivo prioritario conseguir unhas Américas máis democráticas, solidarias e con menos abismos na distribución da riqueza.

A maioría dos presidentes latinoamericanos son partidarios do gran mercado das Américas, pero no Quebec non se atreveron a demandar con firmeza cuestións vitais que, a cotío, cuestionan no interior dos seus países. Preferirían un entendemento no eixo Washington-Brasilia, a imaxe da- locomotora- franco-alemana- na Unión Europea. Difícil equilibrio no eixo das Américas cando os EE UU representan o 75% do PIB da nova área económica e o do Brasil é 15 veces menor. Por riba das públicas discrepancias debidas á solicitude de apertura dos mercados norteamericanos para o zume laranxa, a soia ou o aceiro, ambos estados son as cabezas das dúas sensibilidades políticas de América. Un entendemento aumentaría a confianza entre os dous mundos culturais.

Tamén ollan cara europa cando consideran prioritaria a cohesión territorial dun continente roto pola desigualdade. Os países máis ricos que van ser os máis beneficiados polo xigantesco mercado, tamén deberían ser os que máis contribúan economicamente nos fondos de cohesión para políticas sociais ou económicas. Un acordo para o desenvolvemento continental tampouco debería esquecer un grande pacto contra da corrupción, xa que a maioría dos países ocupan postos destacadísimos no Táboa clasificatoria mundial e teñen crebada a confianza nas institucións políticas, xudiciais, militares etc.

América móvese e remóvese cara a data do crucial do 2005. En troques, Europa precisa dunha grande rexeneración de obxectivos e prioridades na súa relación con América, se aínda desexa coller un tren que xa comezou a andar e que pronto adquirirá velocidade de cruceiro.

Compre non esquecer o acontecido, logo da sinatura da Alena. Dende 1992 Europa perdeu máis da metade dos intercambios comerciais con México, que orientou definitivamente a súa economía cara a coordenación cos EEUU. O tardío acordo comercial UE-México do 2000, a penas modificou esta tendencia.

En Europa, e especialmente en Galicia, urxe prestar unha especial atención ás relacións de cooperación con América, pronto será demasiado tarde.