20050912alemancha schroder merkel

Alemaña decide

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Schröder-Merkel, clic para aumentar
Un entendemento entre centro dereita e centro esquerda é posible, e xa se deu en 1966, sen grandes resultados. Tal vez agora estamos no caldo de cultivo ideal para un novo experimento. Pero ata qué punto sería comprensible?
 

As eleccións alemás entran na recta final. Esta é a derradeira semana de campaña e os resultados comezan a facerse visibles. O Schröder que depositou nos indecisos as esperanzas de vitoria, conta xa co 34% de apoio electoral se as enquisas non fallan, e achica a marxe de manobra dos partidos da dereita. Dous puntos máis na estimación de voto que, unido ó apoio que poida recibir dos verdes, achegarían ó chanceler ó entorno do 41%, case un empate técnico coa dereita, que tamén depende dos resultados do partido liberal para conseguir a maioría absoluta suficiente para gobernar.

O relevante deste ascenso é que estes dous puntos de alza proveñen das perdas da dereitista Anxela Merkel. En alianza cos liberais -ós que se lles estima un apoio do 6,5% nas enquisas-, e incapaz de afianzarse como unha líder carismática, corre o risco de non obter a maioría necesaria para gobernar.

Schröder sempre creu nos indecisos, e neles concentrou boa parte dos esforzos da campaña. En torno ó 20% dos electores quedaban pendentes de decidir o seu voto a unha semana das eleccións, e era previsible que o SPD (os socialdemócratas), podería inclinalos no seu favor. A estratexia do chanceler alemán está a obter máis resultados dos previstos e iso sorprende ós analistas que aínda cren na vitoria de Merkel.

Schröder tira partido do medo para recoller votos indecisos e anunciando unha política reformista deixa sen recursos ó centro dereita, que insiste no seu programa pola reforma fiscal, asustando ás clases medias. Unha reforma fiscal que, demonizada dende os postulados da esquerda, beneficia as expectativas do actual chanceler. Schröder aproveita o discurso de Merkel para amedrentar sobre o posible cambio, en especial centrándose en certos aspectos como a seguridade social, a fiscalidade e as xubilacións. Asuntos todos eles, moi sensibles na masa electoral. Por outra banda, Merkel ten dificultades para mobilizar ás súas bases en torno a un proxecto que ela define como serio e realista, pero que non convence ó cen por cen.

Pero existe outra estrataxema electoral que dana a imaxe de Merkel. A influencia da política "feminizada á americana" ten as súas repercusións. A muller de Schröder -Doris Schröder-Köpf-, exercendo de Hillary Clinton, enrédase nunha liorta con Merkel, arredor da comprensión dos problemas das mulleres e das familias. Un terreo onde Ánxela, parece ter pouco que gañar.

O nerviosismo aflora e barállanse escenarios no caso de que a vitoria da dereita sexa máis axustada do previsto.Tal vez a necesidade obrigue a formar gobernos co grupo co que exista menos distancia ideolóxica e un mínimo acordo no programático.

Neste escenario, Oskar Lafontaine e Gregor Gysi -Alianza de Esquerda (coalición entre o PDS e a WASG)-, poden ter máis éxito do esperado, podendo mesmo distorsionar o resultado final das eleccións cunha política de alianzas complexa. As estimación adxudícanlle en torno ó 8 ou 9% de intención do voto. O que prexudicaría a Schröder e poría en xaque unha alianza entre a dereita da CDU e os Liberais.

É posible, por tanto, forxar un entendemento entre o SPD e o CDU, á hora de formar goberno. Lafontaine xa adiantou que entre Schröder e Merkel, só cambia "o peiteado".

Un entendemento entre centro dereita e centro esquerda é posible e xa se deu en 1966, pero sen grandes resultados. Tal vez agora xurda un novo experimento. Pero ata qué punto sería comprensible? Ninguén máis que as elites políticas matinan en serio nesta posibilidade. Deixase todo ás habilidades en campaña e, como é lóxico, á espera dos resultados acadados finalmente. Un gran goberno formado entre os dous grandes partidos da dereita e da esquerda non semella que responda ás expectativas dun electorado tan dividido.

Lafontaine e Gysi poden saír beneficiados do desgaste de Schröder e a inseguridade de Merkel. O primeiro foi membro do SPD ata maio do 2005, cando o abandonou para formar unha alternativa de esquerda que converxe na coalición do Alternativa Electoral polo Traballo e a Xustiza Social (WASG), co Partido do Socialismo Democrático (PDS), sucesor do Partido Comunista da Alemaña do leste. Cando en 1995 fora presidente do SPD, tirou do carro contra Helmut Kohl e a CDU, fuxindo dunha estratexia dialogante co goberno no poder, que levou ó SPD a fortalecerse e gañar a dirección do país na que participou como ministro de finanzas, no primeiro goberno Schröder. Partidario da harmonización fiscal a nivel europeo, en Marzo de 1999 dimitiu, acusando de "falla de cooperación" a Schröder.

Gregor Gysi, por outra banda, é un dos artífices principais da conservación dun electorado fiel ao ideario de esquerda no leste alemán. Despois da vitoria nas municipais de 2001 formou coalición co SPD, sendo tenente de alcalde en Berlín e senador. Os dous grandes activistas forman un tándem que aínda aspira a construír unha nova política en Alemaña á esquerda do SPD.

Merkel, Schröder, Lafontaine, Gysi… todo un panel de propostas de altura para unha Alemaña que vive momentos cruciais para definir o seu futuro inmediato.