Alemaña e a deconstrución de Europa

Dicíame Lois Tobío na súa casa da rúa Bonetero ao pouco de caer o muro de Berlín, que Alemaña retornaría ao epicentro da política continental. “Todos a aprender de novo alemán”, sentenciaba. Semellaba que as cousas ían discorrer por outro camiño. Berlín aceptaba diluírse na nova Europa e ata non vía mal que abarcara do Atlántico aos Urais facendo dela a casa común que anhelaba Gorbachov. Tobío, non obstante, razoaba a súa prospección coa mirada posta máis no pasado ca nas inercias do momento.

Por unhas e por outras, o tempo parece darlle a razón. O mercado interno subsistirá e pode que ata o euro aguante, pero Europa non irá máis aló. Iso equivale a certificar a súa incapacidade ou desinterese colectivo para afirmarse como un polo de poder no mundo multipolar que está a emerxer. Os acordos serán de mínimos, mentres as vellas potencias irán retomando o seu papel tradicional ao constataren a imposibilidade de falar cunha voz propia nos asuntos clave. Esta tendencia vai máis aló das inclemencias da crise.

Semellante percepción non é só interna. Se observamos a conduta das grandes potencias, xa falemos de EEUU, Rusia, Brasil ou China, nos últimos tempos, mesmo aqueles que non vían con malos ollos una Europa unida e forte, réndense ante a evidencia e comezan a definir políticas fragmentarias que interiorizan una tendencia “natural” que se superpón ao escenario “voluntarista” das décadas pasadas.

A Berlín só lle interesa unha Europa alemá. A súa conduta na crise financeira evidencia a relativización do seu compromiso. Como tamén da maioría dos seus socios, desprendidos ata no formal do discurso que asociaba a Europa coa introdución no sistema internacional de medidas innovadoras e relativamente progresistas nos mais diversos campos. Aínda tres anos despois de todo o que choveu, nada se solventa en Bruxelas para contar, poñamos por caso, cunha axencia propia de rating que contrarreste a insultante omnipotencia estadounidense. Poda que Berlín cree a súa propia. China dispón das súas propias axencias de medición de riscos desde 1994 e a internacionalización das máis fortes avanza sen demora.

Alemaña non é a esperanza de Europa nin da esperanza a Europa. Pero sairá fortalecida da crise.