De cara ás eleccións xerais alemás do próximo domingo 18, que enfrontará ao chanceler Gerhard Schröder e á líder democristiá Ánxela Merkel, varios factores inflúen no futuro do país considerado o "motor económico europeo". Entre eses factores atópase a realidade da ampla comunidade turca, clave importante porque revela tamén a situación da inmigración musulmana en Europa.
Segundo datos oficiais alemáns (2002) e do Centro de Estudos Turcos de Essen, no país habitan un millón, 947 mil turcos, que equivale ao 26% da poboación estranxeira. A comunidade turca é a maioritaria entre a poboación inmigrante alemá, principalmente composta por ex iugoslavos (croatas, serbios, macedonios e bosnios), italianos, gregos, polacos, portugueses e españois. En territorio de países da Unión Europea conviven 3,9 millóns de turcos, aos que deberán engadirse as etnias turcas de Romanía e Bulgaria, países que ingresarán no 2007 na UE. Cando isto ocorra, a poboación turca na UE superará os cinco millóns de persoas. Dos turcos que actualmente viven en países da UE, o 37,1% está naturalizado.
Uns .000 turcos están facultados para votar nas próximas eleccións alemás. A ampla maioría apoia a candidatura socialdemócrata de Schröder. Esta elección semella lóxica: xunto ao primeiro ministro británico Tony Blair, Schröder é o principal político en avalar as aspiracións turcas de ingresar na UE, que entrarán en fase de negociación directa a partir do próximo 3 de outubro. Polo contrario, Merkel é a principal detractora do eventual ingreso turco, posición tamén defendida en Francia polo actual ministro de Interior Nicolás Sarkozy, presumible candidato ás presidenciais galas do 2007.
A potencialidade económica desta comunidade é considerable. En Alemaña, as contribucións económicas dos turcos elévanse á cifra de 48.100 millóns de euros no PIB dese país para o ano 2004. Isto corresponde ao 66,3% do total dos turcos que viven na UE. Sen embargo, a porcentaxe de turcos alemáns no desemprego está por riba da media dese país, que ascende ao 11,6% da poboación economicamente activa. Neste sentido, a fenda socioeconómica entre os alemáns e os turcos inmigrantes é relevante.
A pesar de que Merkel comanda as enquisas, que presaxian a posible vitoria dunha muller que aspira a ser a primeira en converterse en chanceler, o recente avance da esquerda mais favorable a Schröder coloca ao voto turco como a eventual "bisagra" decisiva da contenda electoral. Merkel caeu en popularidade tralo debate televisivo con Schröder e teme unha revalida de votos na súa contra o próximo domingo.
O frontal rexeitamento de Merkel á candidatura turca constitúe unha demanda das clases medias, contrarias a aceptar a existencia de turcos con nacionalidade alemá e, polo tanto, cidadáns de plenos dereitos. Nalgúns casos, existen temores sociais, maioritariamente infundados, sobre o avance do integrismo islámico entre os mozos turcos e a instigación ao odio contra a civilización occidental nas mesquitas musulmáns do país.
Do mesmo xeito, existe un problema de integración entre a comunidade turca e o resto da sociedade: neste momento Alemaña asiste ao ascenso da segunda xeración de turcos inmigrantes, mozos que falan mais turco que alemán e que presentan diferenzas de identidade entre a considerada "modernidade occidental" e as tradicións orixinais dos seus proxenitores, principalmente provenientes das zonas rurais de Turquía. Deste xeito, a fenda cultural semella, aínda, mais importante que a socioeconómica.
¿Será o voto turco decisivo nas próximas eleccións lexislativas alemás? Semella pouco probable que isto ocorra pero esta realidade constitúe un factor primordial no estudo das relacións entre a sociedade europea e súa inmigración musulmana, sexa turca, alxerina ou marroquí.