“Alerta vermella” en Chiapas

 Chiapas, alerta vermella, clic para aumentar
O líder do Movemento Zapatista sinalou que a "alerta vermella" non supón un recomezo da loita armada senón a formulación da necesidade dunha consulta interna. (…) O subcomandante Marcos semella querer reclamar o seu espazo de atención, especialmente en torno ao esquecido problema social e indíxena en Chiapas, co presumible obxectivo de exercer a súa marxe de influencia no futuro devir electoral.
 

Tras meses de silencio, Chiapas volve a ser noticia. O recente anuncio do subcomandante Marcos de declarar a "alerta vermella xeral" na rexión, comeza a preocupar a unha sociedade máis concentrada nas eleccións presidenciais do 2006 e a alternativa de cambio personificada en Manuel López Obrador.

O subcomandante Marcos racha así un silencio que, ante a negativa a explicar as razóns desta decisión e a evidente desinformación sobre a problemática, acrecenta o misterio en torno á realidade chiapaneca. Días despois do anuncio, o líder do Movemento Zapatista sinalou que a "alerta vermella" non supón un recomezo da loita armada senón a formulación da necesidade dunha consulta interna.

Pero as dúbidas aumentan en Chiapas en momentos en que o goberno e a opinión pública consideran que a rexión está "en calma". O anuncio do EZLN estoupa nunha conxuntura clave para o país. A atención pública se concentra na carreira presidencial para o 2006 e o baile de candidatos. O presidente Vicente Fox observa os posicionamentos das candidaturas políticas: Roberto Madrazo no PRI; o eterno candidato polo PRD, Cuahtémoc Cárdenas, aínda non decidido ante o ascenso popular, nese partido, da "opción AMLO" do alcalde de Ciudad de México, Manuel López Obrador. Incluso Cárdenas estuda a posibilidade de saír do PRD e integrar a lista do oficialista PAN.

Nesta conxuntura, o subcomandante Marcos semella querer reclamar o seu espazo de atención, especialmente en torno ao esquecido problema social e indíxena en Chiapas, co presumible obxectivo de exercer a súa marxe de influencia no futuro devir electoral.

Esta é a terceira "alerta vermella" convocada polo EZLN dende o comezo das súas reivindicacións sociais en xaneiro de 1994. O anuncio supón, segundo palabras de Marcos, "o abandono do territorio rebelde" dos voluntarios mexicanos e estranxeiros e a súa permanencia "baixo a súa conta e risco"; o desligamento momentáneo do EZLN das ONGs e da sociedade civil; o acuartelamento de "tódolos combatentes que estaban realizando labor social nas comunidades" e o peche dos centros políticos e culturais das Xuntas do Bo Goberno (popularmente coñecidos como caracoles). A finalidade é inaugurar un período de consultas internas para decidir "os pasos a seguir".

En realidade, a decisión de Marcos é unha consecuencia das súas renovadas críticas cara a clase política mexicana e, especialmente, á esquerda. Acusou a López Obrador de ser sinónimo de "ganancias crecentes para os ricos, miseria e despoxos crecentes para os desposuídos e garante dunha orde que controle o descontento". Con Madrazo non foi mais livian: "gánster sen escrúpulos". E de Fox e o seu partido PAN, dixo que se trataba dunha formación "de ultradereita, con candidatos mediocres".

Con Chiapas de retorno, a situación mexicana toma outro cariz. Aparte do debate electoral a máis dun ano para os comicios, o que realmente preocupa á sociedade é o aumento do crime organizado e a actuación do narcotráfico, coa súa violenta arremetida. O exército mexicano tomou o control de oito cidades fronteirizas con EEUU, para arremeter contra os carteis da droga e as bandas delictivas mais organizadas. E dun xeito inédito, pediu ás autoridades estadounidenses que tamén colaboren na vixilancia fronteiriza.

Tamén son noticia os crimes do pasado: a Corte Suprema ditaminou a posibilidade de enxuizamento contra o ex presidente Luis Echeverría pola matanza de estudiantes en 1971 e a desaparición de activistas políticos entre 1960 e 1980. Non deixa de ser significativo o caso de Echeverría: a última "alerta vermella" en Chiapas ocorreu despois da matanza dos indíxenas en 1997, presuntamente cometida por efectivos paramilitares. As autoridades xudiciais aínda non impartiron xustiza contra os responsables. No México actual, a "alerta vermella" semella non estar limitada, exclusivamente, a Chiapas.