Alianzas moscovitas de comenencia

A chegada de Putin ao Kremlin comeza a notarse. Aínda que escasos, os relevos na administración presidencial indican que hai outro patrón dirixindo o navío, quen, ao tempo, vai marcando o novo rumbo deseñado no artigo Rusia, ante o cambio de milenio, no que defende unha estratexia a 10 ou 15 anos de fortalecemento do estado ruso, garante da orde, regulador e impulsor dunha reformas fundamentadas na propia tradición e non nunha adaptación do modelo americano ou europeo. Orde e crecemento económico para alcanzar, nese prazo, aos países medios da UE. Dentro desta lóxica entra a, en principio estraña, alianza parlamentar co Partido Comunista.

Só a guerra de Chechenia, que elevou a Putin ao poder presidencial, segue a interpoñerse no camiño cara a confirmación de marzo.

Se Putin gaña as presidenciais, a UE e Rusia van ter que redefinir cando menos tres cuestións: a Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) da UE, a ampliación cara o Leste da UE e a política exterior rusa. As dúas primeiras semellan cruciais para Moscova, onde os dirixentes están cada vez máis convencidos da incapacidade europea para distanciarse dos EEUU "nomeadamente en canto á política exterior e de seguridade", a terceira preocupa en Bruxelas. Mentres, no conflicto checheno Moscova négase a calquera caste de internacionalización aínda que estarían dispostos a permitir a presencia de certos observadores internacionais.

Neste ambiente de cambio, pausado, de rumbo é no que podemos inscribir a alianza entre a forza inspirada por Putin, Vredme (Unidade) e o PCFR para reelixir ao comunista Guenadi Selezniov como presidente da Duma. O entendemento entre os dous grupos maioritarios da cámara semella incongruente, nomeadamente se temos en conta que a aritmética parlamentar facía previsible unha alianza entre Vredme, a Unión de Forzas da Dereita (SPS) de Kiriienko, os liberais de Xirinovski e os grupos recen constituídos, Rexións de Rusia e Deputados do Pobo que sumarían os 227 deputados necesarios. Nesta lóxica quedarían na oposición o PCFR e os seus aliados, e en todo caso Iábloko é unha diminuída Patria-Toda Rusia que, despois do fracaso electoral, tivo que contemplar o abandono de parte dos deputados elixidos nas súas listas que pasaron a apoiar a Putin para as presidenciais. Mais esta lóxica no seu cumpriu.

A presidencia e a composición dos distintos órganos parlamentares da Duma foron acordados entre o Kremlin e o PCFR deixando á marxe aos grupos liderados por Primakov, quen pretendía ser elixido presidente da Duma, Iavlinski e Kiriienko. Os deputados destes tres grupos non participaron nas votacións e seguen a boicotear a constitución das distintas comisións. Nos medios de comunicación coñéceselles xa como os menxeviques.

A estraña alianza parlamentar non vai ser duradeira, mais pon de manifesto que as coincidencias entre o PCFR e Putin van máis alá da similitude nas proclamas patrióticas ou de referencias á grandeza rusa. Na súa intervención ante os deputados Putin indicou que se tiñan rematado os enfrontamentos entre a Duma e o Kremlin, que presidiron os dous mandatos de Ieltsin, e chegara a hora da cooperación para levantar a Rusia da prostración. Uns e outros coinciden na necesidade da colaboración para deseñar un marco político estable que consolide ás dúas forzas. Deste xeito o camiño de Putin cara a presidencia quedaría definitivamente aberto e Ziuganov aseguraríase o pase á segunda volta para ser derrotado. Ao tempo a Duma polarizaríase entre dous grupos que, nestes momentos de naufraxio, colaborarían para recuperar a estabilidade e a grandeza de Rusia. Os demais grupos terían que arrimarse a un ou outro polo ou ben sobrevivir en difíciles condicións.

Mentres a guerra de Chechenia segue a encerellarse, mais coa tranquilidade de que en Moscova non vai ser causa de discrepancia. É estrictamente unha cuestión militar.