Quen está á fronte do goberno iraquí? Ex militante do Baas, ex axente dos servicios secretos iraquís, norteamericanos e británicos, home de negocios, neurólogo "aínda que pouco asiduo da facultade de medicina nos seus tempos de estudiante", xiíta, pero laico, os méritos de Allawi para merecer o encargo da xefatura do goberno en Bagdad sen dúbida teñen que ver coa súa condición de experto en materia de seguridade, a longa tradición política familiar (comezando polo seu avó que participou no equipo negociador da independencia nos anos trinta) e o seu coñecemento desas interioridades que marcan a lóxica de funcionamento dun país con claves singulares que invitablemente se escapan a quen chega de fóra. A súa tendencia camaleónica, cun pasado en extremo cambiante e turbio, é fonte de desconfianza para os seus mentores, din con mil teazas axexantes, no que podería ser pouco máis que unha estratexia para facilitar a súa lexitimación ante unha cidadanía escéptica e descrida.
Allawai foi unha das ponlas principais da oposición externa a Sadam. En 1991 fundou en Arabia Saudita, e co inestimable apoio financeiro da democrática monarquía de Riad, o Acordo Nacional Iraquí, que basicamente aglutinaba a fuxidos do exército e dos servicios secretos de Sadam, máis confiantes nunha estratexia de derrubamento do réxime pola vía da preparación de golpes de estado que por unha mobilización popular de carácter insurreccional coa que nalgún momento chegou a soñar o seu rival Chalabi, co apoio dos curdos de Talabani. E chegou a facer un intento practico en febreiro de 1996 que se saldou con mais de trescentos detidos e varias ducias de oficiais executados.
Se algo significa a designación de Allawai é o triunfo da opacidade e non soamente polo seu nomeamento, operado con calzador. Cando en xullo de 2003 foi designado xefe do máximo Comité de Seguridade creado pola Autoridade provisional estadounidense, foi colocando os seus partidarios en postos clave e tecendo as súas propias redes de influencia, desmarcándose de Bremer e de Chalabi, quen daquela tiña todo ao seu favor. En pouco tempo soubo facerse coa situación e convencer a EEUU de que soamente el estaba en condicións de pacificar o país. Agora, con seis meses por diante ata as eleccións anunciadas para xaneiro de 2005 "contando con que en Iraq non se reproduza a situación de Afganistán", Allawai pensa botar man dos antigos cadros do Baas no exército, na policía, na administración, para poñer orde en primeiro lugar, é dicir, rematar coa violencia incontrolada que impide a normalización política do país, pero igualmente para edificar un discurso político crible, é dicir, distanciado dos ocupantes.
O seu programa dalgún xeito foi enunciado nun artigo publicado en decembro de 2003, no Washington Post, In search of Justice, not vengeance (queremos xustiza, non venganza) no que tomaba distancias coa política de Bremer e Chalabi, quen optaban por desmantelar o réxime por completo, para moitos primeira fonte do actual caos que atravesa o país.
Seis meses é pouco tempo para sentar as bases dun novo nacionalismo iraquí, que por forza non pode ser hostil a EEUU e que debe tomar en consideración a nova realidade estratéxica suxerida polo éxito da invasión (país amigo dese Israel que non acata os fallos da Corte Internacional de Xustiza) e un cadro interno fracturado non soamente en xíitas e sunitas, senón tamén en islamistas e baasistas, en árabes, curdos, cherqueses e turkmenos.
E non falta quen lla ten xurada polo colaboracionismo. O seu nome encabeza hoxe a lista de personalidades a eliminar de numerosas organizacións islamistas. Ese outro tempo tamén vai contra reloxo.