20080604 roma fao ban ki moon

Alto nivel, baixa moral

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ban Ki-moon; clic para aumentar
Trabucouse de primeiras Ban Ki-moon, o secretario xeral da ONU, ao centrar o discurso en que a produción de alimentos debe medrar un 50%. Se cadra serviría para prever crises futuras, mais a creba actual pouco ten que ver coa falta de alimentos e moito coa posesión destes polas corporacións que os almacenan até que alcanzan o prezo desexado na bolsa de Chicago.
 

Quen pensara que a conferencia de "alto nivel" convocada pola FAO para respostar á crise alimentaria mundial ía acalmar "e menos resolver" a desgraza de mil millóns de persoas é que estaba embargado pola virtude da inxenuidade. Si, a estas alturas a inxenuidade é máis unha virtude ca unha eiva, ou unha virtude eivada. Só un inxenuo esperaría que o resultado deste desfile de bandullos ben mantidos "como pode falar de fame o enchido?" ía ser diferente ao do Cumio Mundial da Alimentación de 1996 ou ao de 2002, como apuntaba nas rúas de Roma a iraniana Maryam Rahmanian, de Cenesta. "Non hai unha soa promesa para rematar coa fame que non fora xa feita no pasado", engadía Flavio Valente, de FIAN Internacional.

Foi, coma tantos, un cumio de erros. Erro foi excluír do debate e da toma de decisións a quen máis saben da cuestión, as labregas e os labregos do mundo, que ven como uns engravatados incompetentes e ben falangueiros xogan coas súas vidas. Erro foi, e é, deixar a busca de solucións nas mans de quen crearon o problema, o Banco Mundial e o FMI, que coas súas políticas dos últimos 30 anos esnaquizaron as producións agrarias locais e con elas as comunidades labregas do planeta, hogano concentradas en aglomeracións urbanas improdutivas para maior gloria da sociedade de consumo. O resultado da xuntanza era obvio: máis liberalización.

Erro foi o debate en si. Trabucouse de primeiras Ban Ki-moon, o secretario xeral da ONU, ao centrar o discurso en que a produción de alimentos debe medrar un 50%. Se cadra serviría para prever crises futuras, mais a creba actual pouco ten que ver coa falta de alimentos e moito coa posesión destes polas corporacións que os almacenan até que alcanzan o prezo desexado na bolsa de Chicago. Falouse moito de conter os prezos, pero nada da especulación que domina o mercado dos alimentos, nin dos monopolios da distribución, nin do cambio climático, nin das políticas de axustamento estrutural e da débeda que esgana ao sur e pouco, moi pouco, dos misteriosos efectos da produción en masa de biocombustíbeis.

Até o lema da conferencia, seguridade alimentaria mundial, foi un erro. Non é un simple problema de seguridade. É un problema de soberanía alimentaria mundial, desa que recae nos pobos e non nos mercados e gobernantes de baixa moral. Velaí a solución.