Alxeria, entre o drama e a esperanza

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

O pobo alxeriano leva practicamente dous anos sumido no máis absoluto terror. Máis de cen mil persoas morreron nesa peculiar contenda civil que, segundo a versión oficial, enfronta ao Estado co terrorismo islamista. Soamente no pasado ano 2000, faleceron 9.200 persoas (2.700 segundo o ministerio de defensa). O goberno de Abdelaziz Buteflika amósase totalmente incapaz de conter a espiral de violencia.

A persistencia das masacres, levadas a cabo cunha programacion sistematica, alenta as sospeitas de complicidade do exército na criminalización da vida política. En febreiro foi o subtenente Habib Souaïdia, quen aportaba en “La Sale guerre” o seu testemuño da implicación militar no terrorismo que amedrenta á poboación civil. Antes fora Nesrallah Yous, autor de “Matricule 89 120 08890”, quen documentara a masacre de 250 persoas en 1997 a mans de militares disfrazados de islamistas. Souaïdia sabe do que fala pois militou na loita antiterrorista dende o seu inicio en 1992, participando nun selecto grupo de 2.500 homes entrenados directamente polo xeneral Mohamed Lamari. Como lembraba hai pouco Amale Samie no xornal “Maroc le jour” xa non se acusa ao exército de impotencia ou ineficacia, senón de implicación directa, material e intelectual, nas masacres. Organizacións como Amnistía Internacional teñen denunciado a desaparición de máis de 4.000 persoas que foran arrestadas polas forzas de seguridade.

O pasado nove de febreiro, intelectuais franceses e alxerianos publicaban no diario Le Monde un chamamento ás autoridades galas para que se desmarquen desa versión oficial divulgada por Alxer que comeza a presentar as primeiras grandes fendas. O libro de Souaïdia desvela con todo tipo de concreccións e detalles, moi difíciles de desmentir, unha implicación activa do exército e mesmo abre o camiño para a persecución ante os tribunais dos principais acusados por parte das víctimas e dos seus familiares. O manifesto dábase a coñecer nun momento en que a diplomacia francesa insistía en expresar o seu tradicional respaldo ao goberno de Alxer, aínda a sabendas de que a faciana civil de Buteflika non deixa de ser unha mascarada e que coa excusa de perseguir o terrorismo islamista se pretende liquidar todo sesgo de oposición política. Nun encontro mantido recentemente entre Hubert Védrine e Abdelaziz Belkhadem, ministros de exteriores de ambos países, concertado para preparar unha próxima visita de Lionel Jospin e Jacques Chirac, evidenciouse esa cordialidade entre os dous países.

Pero o fracaso da política de concordia civil impulsada polo Presidente Buteflika semella ter chegado a un punto de difícil retorno e abre en Alxer, o debate sobre unha posible retirada anticipada. Recentemente, o diario Le Matin, especulaba sobre a inminencia desta hipótese. En dous anos de mandato, nada se conseguiu, nin no político nin no económico, e todas as variables que merman as posibilidades de normalización do país, semellan liberadas.

A muller

En Alxeria conviven actualmente unha Constitución que proclama a igualdade en todos os ámbitos da muller co home e unha Lei de Familia dos anos oitenta que defende a superioridade masculina e considera obrigatorio o sometemento da muller. Son moitas as familias tradicionais, con escaso acceso á cultura e instaladas no ámbito rural, que seguen a Lei de Familia. Por iso é tamén frecuente atopar nesa Alxeria “laica” que evitou cun golpe de estado o trunfo do chamado islamismo radical, a esa muller que vive á marxe de dereitos básicos, perfectamente encasillable nese prototipo mediático tan usual de “muller musulmana sometida”.

Un estudio minimanente rigoroso das leis de Mahoma permite comprender que nunca tal inferioridade foi proclamada e que as mulleres dentro do Islam poden e deben ocupar un lugar parello ó homne, gozando dos mesmos dereitos e idéntico respecto. Con todo, en Alxeria, se a situación política permanece instalada nunha canella sen saída, cabe apreciar pola contra, unha revolución feminina intensa, unha revolución silenciosa que está a mudar o concepto da muller dende a base, de forma lenta, pero continuada. A base social dese cambio non radica nas novas xeracións de mulleres, principais beneficiarias, senón sobre todo nas nais e mesmo nas aboas que padeceron en carne propia a humillación e o sofremento da dominación.

En Alxeria, o acceso da muller á educación non está vetado e ese dereito-oportunidade constitúe a súa principal aposta para lograr un cambio de situación. Será esta educación a que proporcione á muller máis consciencia e liberdade de elección, pois poderá emancipala e quebrar o tradicional vinculo de dependencia que a somete ao home ou ao fillo. A educación facilita o retraso da idade do matrimonio (postergado ata rematar os seus estudios e posiblemente ata atopar un traballo) e que este sexa voluntario e con libre elección de parella. Unha primeira consecuencia apreciable é a baixa na tasa de natalidade, que descendeu considerablemente nos últimos anos ata situarse nunha media de dous fillos por muller. A muller en Alxeria está moi incorporada á vida laboral e ten unha taxa de paro inferior á do home. Se unimos o apoio materno, a educación, o retraso do matrimonio, a baixa taxa de natalidade e a incorporación ao mundo laboral, conxugamos un abano de factores esenciais para a emancipación da muller.

Fin da impunidade, tamén en Alxeria

O réxime alxeriano permanece baixo sospeita. Cabe agardar que a comunidade internacional, tan sensibilizada e disposta ultimamente a protexer a comunidades en perigo e perseguir aos responsables de crimes contra a humanidade, adopte medidas de inxerencia humanitaria para superar a impotencia do pobo alxeriano, que tamén ten dereito a ser protexido internacionalmente. Resulta lamentable que a estas alturas, despois de máis de cen mil mortos, nin tan siquera se habilitase unha comisión internacional de investigación para averiguar que está realmente sucedendo no país e evitar que a sombra da impunidade facilite a evasión dos responsables deste xenocidio. Definitivamente, hai máis dunha vara de medir.

Por fortuna, o drama do terror cotidiano ten ese outro contrapunto na emerxencia social dunha muller máis dona de si mesma, indispensable para construír unha sociedade máis democrática sen a pesada bota dos militares nin a dogmática influencia dos islamistas máis recalcitrantes.

Por Marta Cabrera e Xulio Ríos.