20040930kerry vs bush

América a debate

 Clic para aumentar
No debate, Kerry insistiu no erro do presidente Bush en desviar a atención na loita contra o terrorismo, coa invasión de Iraq. O presidente republicano respondeulle que "o mundo é moito más seguro sen Saddam Hussein", polo que o abandeirado demócrata espetoulle aquelo de que "non foi Saddam o que nos atacou, foi Osama ben Laden". Palabras aparte e aínda cos ecos do debate electoral, horas despois os combates en Iraq deixaban 100 mortos. (Foto: John Kerry e George W. Bush no primeiro debate presidencial na Universidade de Miami en Florida, 30/09/2004).
 

¿Teñen os EEUU de hoxe unha política exterior definida? Tralo primeiro debate presidencial entre George W. Bush e John Kerry, as dúbidas saltan á vista. Quedaba claro que o centro deste debate ian ser Iraq e a ameaza terrorista, pero as aproximacións de ámbolos dous contendentes, se ben foron dispares e diametralmente opostas, manifestan a presunción de que Washington continuará coa súa política belicista no período 2004-2008. Como di Bush, "América está en guerra e eu son un presidente en guerra".

Alén das proxeccións electorais do primeiro face to face entre Bush e Kerry, que se resumen nunha lixeira vantaxe do candidato demócrata, aínda non se coñece con exactitude se Washington fará un xiro audaz na súa diplomacia para os próximos catro anos, contrario ao estilo de confrontación da actual administración.

No debate, Kerry insistiu no erro do presidente Bush en desviar a atención na loita contra o terrorismo, coa invasión de Iraq. O presidente republicano respondeulle que "o mundo é moito más seguro sen Saddam Hussein", polo que o abandeirado demócrata espetoulle aquelo de que "non foi Saddam o que nos atacou, foi Osama ben Laden". Palabras aparte e aínda cos ecos do debate electoral, horas despois os combates en Iraq deixaban 100 mortos.

Evidentemente, hoxe o mundo non é máis seguro. É mais belicoso e incerto, perigoso, caótico, farto de liderazgo moral sólido, sumido na política de poder e na creba da institucionalidade e a legalidade global. O caos iraquí arrastra por completo a Oriente Medio, como o afgano desestabiliza Asia Central; o terrorismo global segue a golpear de calquera xeito, en calquera latitude, a pesar dos tímidos éxitos na captura dalgúns xefes de organizacións, vencelladas ou non a Al Qaeda. Palestinos e israelís profundizan o clima de odio e violencia, mentres o Cáucaso é unha polvoreira que aumentará de temperatura. A democracia enfróntase ao ascenso de liderazgos personalistas e caudillescos mentres a desigualdade entre pobres e ricos é cada vez máis notoria. A carencia de recursos naturais, as epidemias e a sobrepoboación tamén son pandemias olvidadas polos gobernos. Bush e Kerry nen sequera falaron destes problemas, que son temas claves para a gobernabilidade global, porque se dirixían a un público polarizado e atomizado pola paranoia da seguridade.

No asunto da carreira nuclear, o caso de Corea do Norte segue a ser un reto ineludible para Washington, Beijing e Pyongyang, con profundas repercusións en materia de seguridade na área de Asia Pacífico. Se agora engadimos o programa nuclear iraní, respaldado por Rusia, China e Paquistán, e o ascenso de India como potencia atómica, o escenario está servido para os "fillos de Marte". Todo isto enmarcado nunha percepción global de "guerra de civilizacións" como síntoma do noso tempo.

¿Acaso Bush e Kerry pensaron conscientemente na grave perda de credibilidade e poder dos EEUU tralo 11/S e, por riba de todo, trala ilegalidade da guerra de Iraq? O candidato demócrata enfatizou nesta perspectiva, acusando a Bush de facer dos EEUU un país menos creíble e mais odiado. Pero non se sabe aínda ata onde pode chegar Kerry, de gañar o 2 de novembro.

De Bush xa coñecemos o seu estilo, os seus plans e os intereses que arrastra a súa política, pero ¿sabería Kerry cómo facer fronte ás verdadeiras ameazas en seguridade para os EEUU e o mundo? ¿sabería cómo "tender pontes" cara Europa e mellorar as relacións transatlánticas, sepultando a arrogancia e o unilateralismo de Bush? ¿Cal é a súa verdadeira política en Iraq, en Oriente Medio, cara China, Rusia, e o terrorismo global? ¿Ten en mente ao chamado "Terceiro Mundo", América Latina, África, etc? O ansiado debate electoral deixou máis incógnitas que definicións.