América Latina: Democracia atascada

O recente traballo global de investigación realizado polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, co financiamento da Unión Europea, titulado "A Democracia en América Latina. Cara a unha democracia de cidadás e cidadáns", se ben vén completar exitosamente unha serie de traballos de investigación sobre a consolidación dos sistemas democráticos en Latinoamérica, deixa serias interrogantes sobre o futuro sociopolítico na rexión.

O extenso informe realizado a partir de 2002, con entrevistas a 20.000 persoas en 18 países e análises realizadas por un selecto grupo de economistas, politólogos, sociólogos, estatísticos, políticos e líderes sindicais e sociais, deixa no aire un reto ineludible: a necesidade de profundizar a democracia en América Latina e pasar dunha "democracia electiva" a unha "democracia cidadá", onde o compromiso cidadán, no que toca á participación política e social, aumente de xeito considerable.

É indubidable que a rexión experimentou avances significativos en materia democrática na última década: tódolos países latinoamericanos gozan hoxe de sistemas de democracia electiva, con niveis paritarios de lexitimidade democrática, un escenario moi diferente ao que existía na rexión hai 20-30 anos, onde só Colombia, Costa Rica e Venezuela gozaban de sistemas democráticos, xa que a maior parte dos países latinoamericanos, especialmente en América do Sur, estaban rexidos por gobernos militares amplamente represivos.

A mediados dos oitenta e, especialmente, na década dos noventa, aconteceron os cambios, fomentados principalmente dende os EEUU a través do denominado "consenso de Washington", un programa de reforma estructural nos países latinoamericanos cara á democracia e á economía liberal tutelado polos EEUU. Salvo escasas excepcións, a época dos golpes de Estado e dos gobernos populistas e autoritarios semellaba quedar atrás, mais non así as súas secuelas. A pesar da consolidación democrática, a inestabilidade política sigue sendo un problema: catro presidentes (Bucaram e Mahuad en Ecuador, Fujimori en Perú e De la Rúa na Arxentina) caeron nos últimos anos producto de rebelións sociais, mentres antigos problemas como a insurxencia armada, a criminalidade e o narcotráfico ameazaban a natureza do sistema democrático. E a lexitimidade do "consenso" imposto dende Washington foi posta en cuestión.

Da mesma maneira, e a pesar do lixeiro aumento do crecemento económico producto da liberalización económica, os fondos desaxustes socioeconómicos continúan manifestándose en altos niveis de pobreza, desigualdade e exclusión social. Hoxe en día, de acordo co informe, preto de 225 millóns de persoas viven baixo o nivel da pobreza en Latinoamérica.

Algunhas das conclusións do informe deixan sinais aínda máis preocupantes. Para un 43% dos enquisados, a democracia é considerada o mellor sistema de goberno, mentres un 30,5% mantén actitudes ambivalentes e un 26,5% actitudes non democráticas. Isto revela que, a pesar do carácter democrático da maioría dos latinoamericanos, existe un profundo descontento coa calidade da democracia existente. Velaí que o informe reflicta o preocupante dato de que un 54,7 % dos enquisados preferiría un "rexime autoritario" a un democrático, se lle "resolvera" os seus problemas económicos, unha especie de reivindicación do "modelo Pinochet" en Chile.

Ao mesmo tempo, o informe revela unha fonda desconfianza cara aos partidos políticos tradicionais: un 59% dos enquisados sinalan que os partidos "non están cumprindo adecuadamente o seu papel". Sendo os partidos políticos un elemento imprescindible nas democracias modernas, a súa caída en desgracia en América Latina é un mal síntoma que, ao mesmo tempo, podería demostrar un repentino avance da sociedade civil cara á conformación de novos movementos políticos con ampla lexitimidade social.

Na dinámica histórica na que se atopa América Latina nestes momentos, visiblemente relegada coma rexión de interese xeopolítico, a necesidade de repensar a democracia e afondar nos seus valores é a principal conclusión do informe do PNUD. A nivel global, unha xeración de latinoamericanos vive baixo sistemas democráticos, con experiencias diversas e fondos desaxustes socioeconomicos, pero aínda moi incipiente no que toca á natureza cívica da democracia.