América Latina en 2012

O próximo ano pecharase un ciclo electoral en América Latina iniciado en 2009, e que terá nos próximos doce meses a súa maior significación nos comicios presidenciais en México, Venezuela e EUA, con implicacións moi relevantes para o acontecer político e económico hemisférico.

Paralelamente, América Latina deberá seguir lidando coa recesión económica global, en especial en EUA e Europa, a pesar de que a rexión crecerá economicamente un 4% no 2011, segundo cifras da CEPAL. O 2012 tamén calibrará a consistencia dos mecanismos de integración xa establecidos (UNASUR, MERCOSUR, ALBA) e doutros recen creados, como a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC), este sen a inclusión de EUA e Canadá.

Entre México e EUA

No caso mexicano, absorbido polo ciclo de violencia lastrado polo peso dos carteis do narcotráfico na política local e da militarización da “guerra contra o narcotráfico” acaecida desde 2006, o seu proceso electoral previsto para xullo próximo amosa a posibilidade do retorno ao poder do outrora hexemónico Partido Revolucionario Institucional (PRI), renovado politicamente no liderado de Enrique Peña Nieto.

Un eventual triunfo do PRI abriría unha nova etapa na transición política iniciada en 2000, trala vitoria do conservador Partido de Acción Nacional (PAN), na presidencia mexicana dende entón. Pero para México é vital albiscar unha saída política á guerra contra o narcotráfico que está intensificando unha silenciosa guerra civil polo control do poder estatal, con decenas de milleiros de civís mortos nos últimos anos. Ao mesmo tempo, a estratéxica relación con EUA definirá o curso da política mexicana, moi pendente do proceso electoral estadounidense de novembro de 2012.

Este escenario estará determinado pola posible reelección de Barack Obama e do Partido Demócrata, onde o voto hispano (e por tanto da inmigración mexicana) suporá un factor clave para Obama. Cun panorama político atomizado polo control dos republicanos no Congreso e no Senado e polas secuelas da crise e recesión económica, o próximo goberno na Casa Branca deberá definir un draconiano axuste orzamentario, que se intensificará no caso de que os republicanos retornen ao poder, afondando igualmente nivel de distanciamento de EUA con América Latina.

A saúde de Chávez

Entre os procesos electorais en México e EUA se realizarán as eleccións presidenciais en Venezuela, previstas para outubro de 2012, onde o presidente Hugo Chávez buscará unha nova reelección baixo un panorama político alterado polo anuncio da súa enfermidade, polo impacto da crise económica (Venezuela é o único país latinoamericano sen crecemento económico sostido desde 2010 e coa inflación máis elevada do hemisferio) e ante a perspectiva dunha oposición con candidatura unitaria, a definirse a través dunhas eleccións primarias previstas para febreiro próximo.

Se ben as enquisas amosan unha eventual reelección para Chávez, o panorama político venezolano amosará unha sensible atomización para o próximo período presidencial 2013-2019, onde o estado de saúde de Chávez será vital para identificar o futuro da revolución socialista e bolivariana. Unha perspectiva que igualmente influirá na activa diplomacia hemisférica de Chávez, na súa confrontación política con Washington e , obviamente, nos procesos de integración como a ALBA e a estratéxica relación entre Venezuela e Cuba.

Brasil e Arxentina

Alén dos procesos electorais, dúas mandatarias latinoamericanas apréstanse a afrontar momentos decisivos nas súas respectivas presidencias. A brasileira Dilma Roussef acometerá o mid-term do seu mandato iniciado en 2010, coa perspectiva de axilizar unha reforma política que defina un novo marco de relación entre o poder central e as rexións, un aspecto clave na política da principal economía hemisférica tras EUA, cuxo peso no escenario global increméntase poderosamente. Roussef deberá igualmente afrontar diversos escándalos de corrupción no seu goberno que, ata agora, non semellan afectar a súa popularidade.

Pola súa banda, a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner impulsará un segundo mandato tras a súa abraiante reelección presidencial en outubro pasado. Para Cristina K, a estratéxica relación con Brasil (alén dos mecanismos internos no alicaído MERCOSUR) será tan vital como a necesidade de abrir unha nova etapa de negociación cos investidores estranxeiros nun panorama de posible reforma macroeconómica. Pero para o “kircherismo” agora encarnado en Cristina K, será igualmente importante a necesidade de solucionar o problema da sucesión política de cara aos comicios presidenciais previstos para 2015, incluso a través dunha eventual (aínda que sen certeza) reforma constitucional.

Cuba busca redefinirse

Finalmente, o proceso de transición dentro do socialismo en Cuba estará intimamente relacionado coa evolución das relacións con EUA e da consistencia do programa de reformas económicas adoptado no Congreso do Partido Comunista Cubano de abril de 2011.

A incontestable e lexitimada autoridade do presidente Raúl Castro impulsará a adopción de mecanismos de economía privada que non altere substancialmente a esencia do modelo socialista cubano. Pero a realidade cubana estará definida pola superación do seu illamento internacional, da eventual apertura de perspectivas e visións dende Washington e a diáspora cubana e da evolución dos acontecementos políticos en Venezuela, o aliado estratéxico hemisférico da Habana. A apertura cubana será, por tanto, mesurada e moi dependente de factores externos.

No 2012, América Latina observará con maior celeridade cal será a súa posición nun mundo encamiñado cara a multipolaridade. Así, o ciclo electoral que pechará América Latina no 2012 definirá o alcance do seu renovado rumbo político.