Tres escenarios gravitarán na atención hemisférica e os pulsos xeopolíticos latinoamericanos para o 2016. O primeiro é, incuestionablemente, a crise política que vive Brasil ante o incremento da presión polo impeachment contra a presidenta brasileira Dilma Rousseff e a certificación dun cadro de progresiva recesión económica. Unha situación similar á venezolana, con maior probabilidade o escenario de maior tensión a nivel hemisférico, fraguada na elevada confrontación de poderes nun contexto de grave crise socioeconómica que determinará o incerto futuro da presidencia de Nicolás Maduro. O terceiro escenario ten que ver coa continuidade dun importante ciclo electoral en curso, que terá as súas próximas citas no referendo de reforma constitucional en Bolivia (21 de febreiro), nas presidenciais e parlamentarias de Perú (10 de abril), as estatais mexicanas (5 de xuño) e as presidenciais e rexionais nicaraguanas (novembro), todo isto sen esquecer o impacto hemisférico que terán as presidencias estadounidenses (1º de novembro). En perspectiva, estes e outros escenarios colaterais revelan diversas variables estratéxicas que permiten identificar os cambios nos equilibrios actualmente existentes a nivel hemisférico.
Tres escenarios gravitarán na atención hemisférica e os pulsos xeopolíticos latinoamericanos para o 2016. O primeiro é, incuestionablemente, a crise política que vive Brasil ante o incremento da presión polo impeachment contra a presidenta brasileira Dilma Rousseff e a certificación dun cadro de progresiva recesión económica. Unha situación similar á venezolana, con maior probabilidade o escenario de maior tensión a nivel hemisférico, fraguada na elevada confrontación de poderes nun contexto de grave crise socioeconómica que determinará o incerto futuro da presidencia de Nicolás Maduro. O terceiro escenario ten que ver coa continuidade dun importante ciclo electoral en curso, que terá as súas próximas citas no referendo de reforma constitucional en Bolivia (21 de febreiro), nas presidenciais e parlamentarias de Perú (10 de abril), as estatais mexicanas (5 de xuño) e as presidenciais e rexionais nicaraguanas (novembro), todo isto sen esquecer o impacto hemisférico que terán as presidencias estadounidenses (1º de novembro). En perspectiva, estes e outros escenarios colaterais revelan diversas variables estratéxicas que permiten identificar os cambios nos equilibrios actualmente existentes a nivel hemisférico.
Como fondo de armario, resta observar o efecto en clave de alianzas e modelos hemisféricos traducidos polo cambio de signo político na rexión, particularmente polos avatares da presidencia arxentina de Mauricio Macri, erixido como o principal expoñente dunha alternativa opositora ao hexemónico ciclo esquerdista observado durante a anterior década. Paralelamente, debe calcularse con atención o contexto de pacificación colombiano, que apunta a un 2016 historicamente decisivo, asunto no que colateralmente está inserido o proceso de apertura internacional de Cuba, actor garante deste proceso de pacificación.
Brasil e Venezuela: vidas case paralelas
En chave xeopolítica, a atención está estratexicamente pulsada na crise política brasileira, eventual epicentro de cambios que poden observarse a nivel hemisférico. A difícil cohabitación dunha presidencia con marcado descenso de popularidade, fracturada polo incremento das protestas cidadás, os casos de corrupción en altas esferas do poder e a intensa activación dunha campaña polarizadora por parte dos principais mass media, provocará un conflito de poderes entre o Executivo e o Lexislativo onde o reto do impeachment pode poñer final ao ciclo hexemónico do Partido dos Traballadores (PT), na presidencia desde 2003.
Con o sen impeachment á vista, e aínda que a presidenta Dilma Rousseff poida sobrevivir politicamente a esta a crise, o contexto 2016 abre claramente a veda de pre-candidaturas presidenciais para o 2018, onde un PT post-Dilma podería dar paso ao regreso dun lulismo aparentemente renovado. Toda vez a erosión de apoios dende a esquerda pode propiciar unha candidatura mais fortalecida para o opositor PSDB, con notables expectativas dun retorno á presidencia en 2018 que poña fin ao ciclo hexemónico do PT.
A falta de observar o manexo institucional da crise política brasileira, o escenario venezolano anuncia un 2016 tan decisivo como problemático, onde se albisca un dramático cadro de creba financeira e económica aderezado cunha imparable crise política e social. En 2015, Venezuela tivo a maior inflación a nivel mundial (275% aproximadamente) e o maior índice de violencia cidadá, toda vez a abrupta caída dos prezos petroleiros (menos de US$ 30) condiciona as dificultades de mantemento do tradicional modelo económico rentista venezolano. Non estraña, por tanto, que o propio presidente Maduro anunciara a comezos de 2016 a “emerxencia económica” e pedira a cooperación dos seus veciños a nivel rexional, vía CELAC, para evitar unha “crise humanitaria”.
Neste panorama, a inédita confrontación de poderes entre unha presidencia post-chavista fortemente cuestionada en mans de Maduro, ténsase cunha Asemblea Nacional monopolizada pola opositora Mesa da Unidade (MUD) trala súa abafante vitoria electoral de decembro pasado, un factor que reforza as súas expectativas electorais de cara aos comicios presidenciais 2019, dentro dun cadro de crise socioeconómica, en particular ante as insuficiencias no sector alimentario e a sensación de parálise dos servizos públicos.
Tanto como un hipotético colapso socioeconómico en Venezuela terá serias repercusións para o contexto hemisférico, a resolución da súa crise requirirá de grandes doses de consenso e pragmatismo que poden verse fortemente contrariadas no caso de reactivación da violencia política, particularmente ante o choque de poderes establecido entre o Executivo e o Lexislativo, e ante a eventualidade de activación dun referendo revogatorio contra Maduro. Esta confrontación pode igualmente potenciarse ante as expectativas de inercia e parálise do consenso entre goberno e oposición, así como polo impacto que impliquen as novas medidas lexislativas de cara á eventual transformación radical do errático modelo económico.
As crises brasileira e venezolana anuncian un período comprendido entre 2016 e 2017 que eventualmente tramite o hipotético final das presidencias de Rousseff e Maduro, en ambos casos motorizados polos camiños constitucionais, sexa pola vía do impeachment no caso brasileiro ou do referendo revogatorio no caso venezolano. En todo caso, ambas crises evidencian unha fractura estratéxica dentro da hexemonía política e electoral das esquerdas establecidas desde 1998 na rexión, potenciando a revitalización dun novo xiro político a nivel hemisférico que xa comezou a observarse en novembro de 2015 coa vitoria de Macri nas presidenciais arxentinas, e que consolidou a súa continuidade co triunfo da MUD nas lexislativas venezolanas de decembro pasado.
Un novo equilibrio hemisférico
Este xiro pode verse matizado no contexto electoral andino que se presenta neste 2016. Con enquisas que semellan albiscar unha incerta paridade preelectoral, é probable que o presidente boliviano Evo Morales volva a alcanzar outra vitoria electoral no referendo de reforma constitucional que posibilite a reelección indefinida, potenciando as súas aspiracións de alcanzar outra reelección para os comicios presidenciais de 2019.
Outra perspectiva obsérvase nas presidenciais peruanas previstas para abril próximo, en particular ante a posibilidade dun cambio político a favor dunha formación independente e liberal, tomando en conta a ampla variedade de candidaturas (Keiko Fujimori, Pedro Pablo Kuczynski, César Acuña, os ex presidentes Alan García e Alejandro Toledo) Este escenario fortalecería un sistema claramente desprovisto de partidos políticos hexemónicos, motorizados pola concreción de plataformas e candidaturas sen claro signo ideolóxico, algunhas delas visiblemente mais axustadas a legados de carácter personalista.
Outro contexto electoral relevante serán as eleccións en 12 dos 32 estados mexicanos (5 de xuño), marco electoral que eventualmente anunciaría un novo equilibrio político con vistas ás presidenciais 2018. Aquí imponse as puxas políticas entre o gobernante PRI e os opositores PAN e PRD, sen menoscabar o impacto de eventuais candidaturas independentes de claro cariz personalista e do narcotráfico na política local. Noutro ámbito a nivel centroamericano, as presidenciais e rexionais nicaraguanas previstas para novembro moi probablemente fortalecerán a hexemonía política do presidente Daniel Ortega e do FSLN, toda vez o propio Ortega semella confiado en superar o escollo constitucional sobre a súa nova reelección.
Paralelo a estes escenarios, abórdanse outros contextos non menos importantes. Macri asume un 2016 politicamente complexo e economicamente incerto polos compromisos cos acredores internacionais e a reformulación dun modelo económico de gasto público expansivo durante a era kirchnerista (2003-2015), que repercutirá nunha visible liberalización económica con consecuencias sociais imprevisibles.
En canto a súa política exterior, a misión de Macri vese claramente deseñada no cometido de potenciar a nivel rexional unha transición post-kirchnerista e post-chavista a través da remodelación de alianzas dentro dos sistemas rexionais de integración (MERCOSUR, UNASUR, CELAC). Aquí observase a intencionalidade por retomar as vías de relación con Washington, alterando o predominio establecido nos derradeiros anos pola implicación estratéxica doutros actores externos (China e Rusia), e abrindo así canais de relación cara outros mecanismos, en particular a Alianza do Pacífico.
Esta nova etapa, igualmente determinada polo cada vez maior impacto da crise económica global en economías basicamente monoprodutoras como as latinoamericanas tras unha década de boom económico exportador, pode dar pe a un clima de pragmatismo nos procesos de integración, reducindo notoriamente os síntomas de confrontación, en particular co respecto aos principais centro de poder occidental.
O epílogo electoral 2016 serán as presidenciais estadounidenses (novembro) e o final da era Obama na Casa Branca. Con todo o espectro dunha dereitización radicalizada nas candidaturas republicanas (Donald Trump, Marco Rubio) e as incertezas de sucesión no bando demócrata (Hillary Clinton), as relacións hemisféricas de Washington estarán basicamente establecidas nos efectos da apertura diplomática con Cuba establecida durante 2015.
Aperturas en tempo de crises
O impacto estratéxico a nivel hemisférico que supuxo en 2015 a reapertura de relacións entre A Habana e Washington terá no 2016 unha continuidade inevitable, aínda que mediatizada polo contexto electoral estadounidense, en particular ante a posibilidade do retorno dos republicanos á Casa Branca.
Con todo, apréciase certo consenso en Washington por avanzar na distensión con Cuba, un factor estratexicamente importante para A Habana no seu cometido de reinserirse nos mecanismos de integración hemisférico e internacionais (particularmente con Europa) a fin de reducir a dependencia estratéxica de actores en declive (Venezuela) e recuperando un notable papel de conciliador a través da súa mediación na pacificación colombiana, que se anuncia como o acontecemento histórico de 2016 a nivel latinoamericano.
Con non menores inconvenientes, apréciase igualmente un consenso en Bogotá por selar un histórico acordo de paz entre o goberno de Juan Manuel Santos e as guerrillas das FARC e do ELN, antes da data establecida para o próximo 23 de marzo. O eventual final de cinco décadas do conflito mais lonxevo a nivel hemisférico repercutirá igualmente nun novo equilibrio das relacións rexionais, con implicacións historicamente importantes para Colombia, considerada a nova estrela económica latinoamericana, así como colateralmente para Cuba e incluso Venezuela, en particular polos seus históricos nexos coa guerrilla colombiana e o efecto que este conflito tradúcese na porosa e conflitiva fronteira colombo-venezolana.
A apertura cubana, a nova correlación de forzas hemisféricas, a pacificación colombiana e incluso, fóra destas fronteiras, a hipotética apertura con Irán en Oriente Medio, son factores que traducen cómo o legado de Obama busca sentar as bases da nova correlación de intereses estratéxicos que Washington agarda acometer para os próximos anos, claramente focalizados en Asia Pacífico (TTIP, China), en detrimento doutras áreas xeopolíticas.
As súas repercusións a nivel latinoamericano serán igualmente estratéxicas para este novo equilibrio hemisférico, o cal explica igualmente a magnitude do cambio político que se está actualmente vivindo en América Latina. As súas consecuencias vense igualmente establecidas polo cambio de perfil demográfico e socioeconómico, que repercute na eventual prosecución dun modelo económico menos rentista, en particular polas continuas distorsións nos mercados das materias primas e pola correlación de forzas que vense establecendo no sistema internacional.