Horror e espanto. Imaxes que permanecerán con nós o resto dos nosos días: as persoas tirandose das torres, os máis valentes dos bombeiros atrapados no derrubo, o horror, o infinito horror nos avións. E as emotivas imaxes dos americanos erguéndose sobre as ruinas, que nos lembran por qué simpatizamos coa terra dos "brave and free". Tra-lo horror, tra-lo espanto, cómpre a reflexión.
Podería iniciar o meu comentario afirmando, como fai tanta xente, que todo o mundo se condole coa traxedia americana, pero sería deshonestidade intelectual. Amica America, sed magis amica veritas. Nun mundo coma o noso, de tan profundas desigualdades, onde ferven tantos odios, non serán poucos os que celebren a destrucción dos símbolos dos poderosos. Os profetas da Biblia, por exemplo, serían desta opinión.
Por tanto, recoñezamos simplemente que o espantoso atentado do 11 de setembro pretende ser unha declaración de guerra, coa intención de rachalo status quo do New World Order, sobre todo no Oriente Medio. Este status quo era tan inestable, tan insano, que moitos agardabamos que algo ocurrise. Ninguén podería imaxinar que o método de ruptura fora un ataque tan tremebundo e brutal.
Moitos que o calificaran de acto de guerra, refrénanse de engadir "inxustificable". A nosa simpatía xeral polos norteamericanos non pode chamarnos a engano: a política angloamericana, da que nós somos silenciosos cómplices, na última década no Oriente Medio, ben sexa en apoio de Israel, a ocupación militar de Arabia Saudí, ou a guerra de atrición contra Irak, supón un casus belli. Os modos desta guerra, golpear por sorpresa os centros de poder militar e económico, figuran na primeira páxina de calquera manual de guerra do Pentágono. Vide Irak, vide Iugoslavia. E na guerra moderna, por moitas venerables leis que algúns edifiquen, hai tempo que se esqueceu a distinción entre civil e militar. Todo iso engade forza ó noso espanto.
Desdeñemos, entón, como analistas en caer na moralina, isa dexeneración da ética, na que con tanta insistencia se descende nas análises políticas do noso tempo. Non se trata dun ataque á liberdade e á democracia, e a súa pueril variante de Ben versus Mal, ou, en palabras de Vargas Llosa, sociedade aberta contra fanatismo. Quen así pensa está intoxicado pola súa propria propaganda. Os obxectivos atacados eran bastións dun poder que non defende nen a democracia nen as liberdades. Deféndese a sí mesmo, e os seus privilexios como dominadores do mundo. E ese mundo rico, o noso, que se horroriza ante o uso da violencia como resposta ós conflictos, esquécese dunha obviedade: Occidente está a ser defendido por medio da violencia. Tempo é de recordar as coñecidas palabras do influinte comentarista do New York Times, Thomas Friedman: "A man oculta do mercado nunca funcionará sen un puño oculto. McDonalds non florecerá sen McDonnell Douglas".
É doado deducir que o atentado é unha demostración de que o illacionismo non ten sentido no mundo de hoxe. Unha América illacionista, fiel ós consellos dos pais fundadores, é dicir, "comercio con todos, alianza con ningún", non tería tan radicais enemigos. É a América que percorre o mundo "in search of monsters to destroy", e a que pón os seus afectos en países estranxeiros quen foi atacada.
Amáis, se éste un acto de guerra, este ataque ten una calidade táctica tal que o converte no Austerlitz, na Salamina, da guerra asimétrica. Quen o acometeu é dez veces máis poderosa hoxe que onte. Dinnos que o culpable é Bin Laden, a pesares de que parece difícil organizar isto desde Afganistán. Semella estraño que alguén pase nuns meses de por una pateira-boma en Yemen, a plantexar este xaque ó Imperio. Ou de que os kamikazes levasen anos agochados en Estados Unidos.
Sexa como for, quen decide decidiu que a mente mestra do ataque foi Bin Laden, quen por outra banda de seguro está implicado dalgunha maneira. Onde toda-la súplicas dos moderados se estrelaron, el triunfou. Onde todos recibiron humillacións, el levou dano e destrucción. Esta é a mensaxe que resoa no mundo árabe e musulmán. Quizais non gustan de Bin Laden, quizais pensen que é un "fillo de puta", pero é "o seu fillo de puta", que actuou cando os demais soamente se lamentaban. Non lles será fácil ás élitas corruptas dos fracasados estados da rexión convencer a opinión pública que se poña da parte dos Estados Unidos contra os novos guerreiros islámicos.
Soa dubidoso ligar o atentado cos últimos episodios da política israelí. Palestina é para os poderosos da zona (e quen ideou este ataque quere ser un dos poderosos de Oriente Medio) unha molestia que se pode utilizar ás veces como chivo expiatorio. Teño para mín que se alguén desexa buscar unha relación política directa entre o ataque e algo que aconteza agora na rexión non se debe buscar en Israel, nin en Iraq. ¿A quén lle importan eses países, cando nestes momentos se está a loitar pola sucesión do trono en Arabia Saudita, sede dos santos lugares e do petróleo? Sospeito eu que é no seu país de orixe donde Bin Laden quere que resoe con especial intensidade a súa mensaxe, entre as xentes que pugnan hoxe turbiamente nos palacios de Riad argandando a morte do Rei Fahd. Moitos saudíes entre os mártires.
As consecuencias estratéxicas son difíciles de discernir hoxe e dependen do alcance das medidas punitivas que tomen os americanos. A primera vista, o obxectivo dos falcóns parece ambicioso: "eliminar santuarios, eliminar sistemas de apoio, acabar cos estados que os apoian.", nas verbas de Paul Wolfowitz, números dous da defensa americana. Cando descenda das fortes palabras á realidade, terá que definir qué é un santuario, aclarar se una escola coránica é un sistema de apoio, ou ata que punto manifestar certas simpatias ou manter certos lazos significa que un estado apoie o terrorismo. Nalgún momento neste camino que se trazou Estados Unidos, deberá elexir entre a guerra total contra o mundo árabe, e a concertación e afortalamento dos moderados. Para chegar a un tal acordo, tería que vender a Israel, abandonar Arabia Saudita e deixar en paz ó resto. Ningunha das dúas posibilidades parece posible hoxe.
No noso horizonte, aparecen ominosos o estado orwelliano, o pánico institucionalizado, o terror como espectáculo de masas, e a guerra eterna en pos da paz final.