andres manuel lopez obrador

AMLO, desaforado

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
Ninguén ten necesidade de precisar os nomes e apelidos de Andrés Manuel López Obrador. A marca "AMLO" xa goza de visibilidade, popularidade e vida propia. Este controvertido personaxe, militante do Partido da Revolución Democrática, chegado das filas do PRI, que goberna a maior cidade da América Latina, quebrou moitos vellos moldes da política mexicana. Practica unha mestura de eficacia, política social e xestos populistas que o teñen encumiado na "pole position" da carreira electoral presidencial. Mora nun predio rodeado de conveciños de clase media baixa; cada día convoca unha rolda de prensa ás 6,30 da mañá, á que ninguén ousa faltar, na que lle marca a axenda aos contrincantes…
 

Será o próximo xoves 7 de abril cando, moi probablemente, se consumará no Distrito Federal mexicano o sorprendente, irregular e atípico proceso de inhabilitación do xefe do Goberno do DF, considerado como un dos tres mellores alcaldes do mundo.

Ese día en México se consagrará un mártir populista que estaba chamado a ser presidente no 2006, no país de Latinoamérica co maior PIB, mesmo superior ao de Brasil. Canto máis o acurralan, máis sobe a súa popularidade, tal como anuncian as máis prestixiosas marcas de analistas financeiros internacionais.

Ninguén ten necesidade de precisar os nomes e apelidos de Andrés Manuel López Obrador. A marca "AMLO" xa goza de visibilidade, popularidade e vida propia. Este controvertido personaxe, militante do Partido da Revolución Democrática, chegado das filas do PRI, que goberna a maior cidade da América Latina, quebrou moitos vellos moldes da política mexicana. Practica unha mestura de eficacia, política social e xestos populistas que o teñen encumiado na "pole position" da carreira electoral presidencial. Mora nun predio rodeado de conveciños de clase media baixa; cada día convoca unha rolda de prensa ás 6,30 da mañá, á que ninguén ousa faltar, na que lle marca a axenda aos contrincantes…

O primeiro de abril, a comisión instructora acendeu a luz verde para que a Cámara de Deputados actúe como Xurado e Procedencia para deixar sen aforo a un AMLO, que se considera víctima dunha conxura urdida entre o PRI e o PAN, nos cenáculos da Residencia Presidencial de Los Pinos: "Son o novo Martín Luther King, aquel loitador dos dereitos civís ao que pretendían sacar do medio, acusándoo de exceso de velocidade na condución… Van cometer unha inxustiza e unha canallada, máis eu irei ao cárcere, nin vou pagar a fianza, nin vou permitir que ninguén a pague".

Asumindo como inevitable o seu sacrifico político, se erixe como vítima para unha necesaria purificación democrática. "Isto só ten comezado… Emprenderemos un grande movemento transformador que sexa quen de crear unha nova legalidade, unha nova economía e unha nova política con menos desigualdade, máis xustiza e igualdade. Moita xente de boa fe sempre pensou que non se atreverían a consumar esta canallada do desaforo".

A inhabilitación do xefe de goberno capitalino, inserta nun proceso de dubidosa coherencia xurídica, ten ás súas orixes nunha expropiación do predio "El Encino", feita pola anterior xefa de Goberno Rosario Robles, en novembro de 2000, para abrir novos viais. Cando o propietario de "El Encino" solicita amparo, os tribunais resolven a nulidade do proceso expropiatorio e a paralización da apertura das Rúas Carlos Graef e Vasco de Quiroga, orde que é desoída, polo que se abre un proceso de desacato ao actual xefe de Goberno. Nunca se demostrou a participación de AMLO, no desacato, mais foi procesado polo desacato que terían cometido os seus subordinados, que nunca serían encausados.

Resulta difícil de explicar que o Ministerio Público xa tivese aberta una indagación previa contra López Obrador por este suposto delicto, en novembro de 2001, con dous meses de antelación á acusación do xuíz.

A lóxica parece indicar que o apartamento de AMLO da carreira presidencial de 2006, obedece máis a criterios políticos que a criterios xurídicos.

As incógnitas sobre o futuro inmediato do país se abren, poucos se atreven a despexalas, pero a maioría dos analistas teme a apertura dun período de convulsións incertas, con mobilizacións populares xa anunciadas, en medio dun descreto xeralizado da vida política e xudicial mexicana. Case o 60% dos mexicanos están en desacordo co proceso xudicial.

Grandes sombras percíbense no horizonte das previsións das consultoras, analistas ou políticos pouco afíns ao PRD. Para os augures do HSBC os custes políticos, asociados co desaforo, para o PRI probablemente teñan máis peso que os beneficios. Para a maior consultora do mundo, Merryll Lynch , a decisión do desaforo só ten conseguido aumentar a popularidade do gobernante da cidade de México, e prevén que siga aumentando a curto prazo. O desaforo tería conseguido consolidar a sempre fráxil unidade interna do PRD.

A preocupación tamén se palpa en senadores do PRI, como Humberto Roque Villanueva, quen diagnóstica que se radicalizarán os movementos sociais no país, e mesmo pode rexurdir a guerrilla.

Para estas semana, o coordinador dos senadores do PRD, Jesús Ortega, xa anunciou que o seu grupo político vai facer que se arrepintan desta arbitrariedade, desde "golpe á democracia": Chamaremos a mobilizacións, a resistencia civil e a rebeldía pacífica.

Resucita o lema da vella política mexicana: "aos meus amigos… todo, aos meus inimigos… todo o peso da lei". Ábrese en México un período de menor credibilidade nos tres poderes sobre os que se asenta a democracia, mentres os tres partidos políticos, PRI, PRD e PAN, soben as apostas do xogo político ata o todo ou nada.