Anello Presidente para un século nacente

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Poucas cerimonias nas que tomaron posesión os presidentes dos EEUU, tiveron que soportar a tensión e protesta como a do flamante 43 mandatario na liña sucesoria norteamericana. George W.Bush desoíndo as discordantes voces que reclaman limpeza electoral, protección ao medio ambiente, investimento social…ten xa debuxado ás liñas básicas da súa actuación que desprenden o máis xenuíno sabor do anello republicanismo.

O líder do país que marcará o rumbo do século na travesía pola globalización xa ten trazada na carta de navegación e a ruta escollida para a nave, na que todos nos sentimos guiados, sen ter opción a exercer de contrapeso. Non hai excesivas novidades, anque no transito de milenio as directrices esperten certa sensación de vello anacronismo.

Contrario a interrupción voluntaria do embarazo, ten manifestado a súa intención de recortar os recursos que con cargo aos orzamentos federais se dedican a orientación sexual, prohibir o uso da RU-486 ou vetar as subvencións a aquelas ONGS que practican o aborto como xeito de planificación familiar en países superpoboados do terceiro mundo. En educación e sanidade propugna medidas privatizadoras como subsidiar as prestacións por empresas privadas.

Sobre o medio ambiente, o novo inquilino da Casa Branca non mostra un excesivo entusiasmo co tratado de Kioto, no que se defende unha reducción gradual das emisións á atmosfera de gases producto da queima de combustíbeis fósiles. É máis, é partidario de explotar as reservas que alberga Alaska, a risco da súa degradación ecolóxica. Aínda que, pola contra, os seu gabinete atallará o nivel de emisións das térmicas que queiman carbón e aceleran o efecto invernadoiro.

Como defensor das bondades da globalización neoliberal, aposta decididamente polo libre comercio, sen reparar nos desequilibrios que provoca na distribución da riqueza ou sen interesarse pola parella globalización dos dereitos medioambientais, sociais, laborais, culturais, dos Dereitos Humanos, tal como pretende o Tribunal Penal Internacional do que renega.

Soña cun área de intercambios comerciais sen barreiras que chegue de Iúkon (ao norte de Canadá) ata Terra de Fuego para conformar a ALCA (Alianza de Libre Comercio das Américas) que xa profetizara, no seu día, o seu pai.

Aínda que a súa intelixencia, coñecemento da política exterior e formación, é posta en dúbida, soubo rodearse, con intelixencia, dunha experimentada garda pretoriana, impregnada ata a médula de conservadorismo.

Pode que a superpotencia non se resinta en demasía dos cambios sucesorios entre Demócratas e Republicanos, sobre todo porque ambos os dous practican, en esencia, a globalización deshumanizada. Dende a derrota do comunismo, a conquista de territorios cedeu a prioridade á conquista de mercados e os dous manteñen este obxectivo como esencial . Pero a mesma partitura é interpretada con moi acusadas diferencias de sensibilidade. Afastase do recente internacionalismo aínda que con arbitrarias intervencións humanitarias, para entoar con forza a letra do seu egoísta himno programático. “defenderemos aos nosos aliados e aos nosos intereses”.

George Bush reemprende unha viaxe ao corazón do imperio para fortalecerse, blindarse e perpetuarse invencible na súa guarida interior, sen ter que saír en defensa de valores universais. O Escudo Nacional contra Mísiles(NMD) que con tanto ardor defende pode ser un paraugas nuclear para os habitantes da potencia, mais engade area nas engrenaxes das relacións con Rusia, China ou Europa.

Pero se hai unha estrela capaz de hipnotizar a unha boa parte da sociedade fragmentada da superpopencia e ser fervorosamente aplaudida polo espírito americano, é a de investir todos os aforros que se recorten no gasto social, nunha drástica reducción de impostos, que agrandará máis a fenda entre a puritana The real America e a outra norteamérica máis emancipadora, aberta, social e multirracial.

O presidente Bush atopa un imperio ben rexo, como líder único da Nova Economía mundial, asentado nas cinco sólidas patas dunha superpotencia militar, económica, tecnolóxica, diplomática e cultural.

Pode que o sucesor de W. Clinton dispoña de máis forza militar coa que gobernar o seu país, mais vai adoecer da suficiente autoridade moral para ser o presidente do mundo.

Enlaces relacionados:

Casa Branca
Partido Demócrata
Partido republicano
George W. Bush