Angola, un país situado no suroeste de África, na chamada África Austral, que limita ao sul con Namibia, con Zambia ao Leste, coa República Democrática do Congo no norte e no oeste co Océano Atlántico, e no que reside unha poboación de casi 16 millóns de habitantes, prepárase para as súas segundas eleccións lexislativas logo do fracaso das primeiras en 1992.
O país acadou a súa independencia de Portugal no ano 1975 cando, logo dunha guerra de liberación, sobrepúxose unha guerra civíl entre os movementos independentistas que protagonizaran dita independecia e que máis tarde tornaríanse en partidos políticos. Os contendentes foron o Movemento Popular de Liberación de Angola ou MPLA (que gobernaría o país dende aquel ano ata os nosos días) e a Unión Nacional Para a Independencia Total de Angola ou UNITA.
Como resultado daqueles primeiros comicios, chegouse a constituír unha Asemblea Lexislativa na que o MPLA acadaría a maioría, un total de 129 escanos(1) dun máximo de 220(2), dos que UNITA –dende sempre o principal partido na oposición e segundo partido relevante– conseguiría 70, seguido do PRS con 6, o FNLA con 5, e o PLD con 3 escanos(3).
Malia que aquelas eleccións foran consideradas libres e lexítimas pola ONU e polos observadores internacionais, UNITA remataría rexeitando os resultados e o conflito volvería ao país. Deste xeito, a Asemblea Lexislativa non tivo outro remedio que prolongar o período das súas lexislaturas ata un total de catro, rematando a última este ano.
Con todo, en 1994 chegaríase a un acordo de paz en Lusaka, a capital de Zambia, dando paso a un efímero goberno de unidade nacional en 1997 que desaparecería pronto cunha nova reanudación da guerra civil ao ano seguinte; un conflito que só vería o seu fin coa morte de Jonas Savimbi –o líder de UNITA– no ano 2002.
De cara ás vindeiras eleccións, sublíñase o esforzo por parte do goberno en que todo o proceso concorra nun ambiente de paz. Na revista África 21 de febreiro de 2008 infórmase que en Cabinda, un enclave con recursos petroleiros situado ao norte do territorio angolano e con movementos armados secesionistas, se lle está brindando a oportunidade aos membros guerrilleiros destes grupos de integrarse en postos da administración pública na rexión, co obxectivo de integralos na normalidade civil e evitar que se consoliden como axentes desestabilizadores. Tamén se ofreceu ao movemento ao que pertencen a posibilidade de inscribirse como partido político(4).
A sociedade angolana está aceptando o proceso con relativa normalidade; segundo a publicación África 21, o ano pasado rexistráronse para votar máis de oito millóns de persoas –ao redor da metade da poboación– e neste ano xa se ampliaron os prazos para rexistrarse –ata o pasado 31 de maio– co obxectivo de que as persoas que aínda cumpren neste 2008 os 18 anos –a idade mínima para votar tamén en Angola– poidan rexistrarse.
Con todo, e sen ter por qué suscitar preocupación, as polémicas políticas están á orde do día. Diferentes organizacións acusaron ao goberno do MPLA de irregularidades no proceso electoral. Por exemplo, criticouse o anuncio do goberno da posibilidade de ampliar a dous días a xornada de votación (5 e 6 de setembro), alegando que moitos partidos non dispoñen de medios para vixiar as urnas na noite entre eses dous días, alentando as sospeitas de fraude. A lei electoral só fala dun día de xornada electoral. Pola súa banda, o goberno defende a medida como óptima para que toda a poboación angolana rexistrada tivera a oportunidade de desprazarse dende calquera parte do territorio co fin de exercer o seu dereito ao voto, nun país onde as conexións –pobos mal comunicados por camiños de terra, etc– son deficientes.
Tamén se critica o requisito de reunir 15.000 firmas para que os partidos poidan rexistrarse ante o Tribunal Constitucional a fin de poder concorrer ás eleccións.
Arestora, MPLA, UNITA e outras forzas e coalicións, ultiman os trámites para inscribirse perante o Tribunal Constitucional(5).
Notas:
(1) Véxase http://www.parlamento.ao/toc.htm.
(2) A Asemblea Nacional componse, según fontes oficiais, de 223 deputados electos por sufraxio directo e universal, para un mandato de 4 anos. Os deputados son electos por 18 circunscricións electorais provinciais, unha circunscrición nacional e unha circunscrición que representa ás comunidades angolanas no extranxeiro, ainda que actualmente a non-elección desta última circunscripción fai que a Asamblea sexa só composta por 220 deputados. Fonte: ibidem.
(3) Os partidos políticos que acadaron os restantes escanos –un cada un, en concreto– foron o PAJOCA, o PNDA, o PDP-ANA, o FDA, o FDA, a coalición AD, o PSD e o PRD.
(4) Trátase do Fórun Cabindense para o Diálogo (FCD).
(5) Véxase AngolaPress, 07/07/2008.