O pasado 5 e 6 de setembro, Angola volveu ser noticia internacional debido á celebración de eleccións lexislativas por primeira vez en 16 anos, por mor dunha guerra civil que, sumando diversos períodos, durou 27 anos e só chegaría ao seu fin no 2002.
A contundente vitoria do partido gobernante Movemento pola Liberación de Angola (MPLA), nuns comicios cualificados dun xeito xeral como “democráticos e transparentes” por parte da comunidade internacional (a pesar de determinadas acusacións de fraude por parte da oposición), confirman non só a hexemonía política do MPLA senón o aparentemente estable nivel de transición democrática no país africano.
Sen embargo, e tomando en conta os imperativos enerxéticos globais, resulta notorio constatar que o potencial petroleiro angolano determina, en gran medida, calquera consideración de tipo político e económico, de agora en adiante, acerca do país africano.
Un notable actor petroleiro
Angola é o terceiro produtor petroleiro na África subsahariana, tras Nixeria e Guinea Ecuatorial. Maila que as súas reservas comprobadas quedan moi lonxe de situarse no primeiro posto do continente africano (Libia ten unha capacidade de produción de 41,5 mil millóns de barrís mentres que a capacidade angolana establécese en 9 mil millóns), a estabilidade e transición política acaecida en Angola nestes últimos anos, xunto coas infraestructuras de explotación coas que conta o Estado, contribuíu decisivamente aos niveis de exportación actual de cru cos que está gozando o país.
O ano pasado, Angola pasou a formar parte da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP). Nese momento, o país superaba os niveis de exportación nixeriana, cunha producción diaria de 1,9 millóns de barrís, coa presumible posibilidade de acadar a cifra de 2 millóns para finais de ano, quitándolle deste xeito o tan disputado primeiro lugar a Nixeria en canto ao ranking dos países exportadores de petróleo do continente africano.
No mesmo 2007, Angola converteuse no principal exportador de cru cara a República Popular China. Así, China converteuse, xunto con Estados Unidos (onde a importación do petróleo angolano só representa un 5%), no principal país receptor de petróleo angolano, incrementando os seus investimentos en miles de millóns de dólares para a explotación e as infraestruturas neste país africano.
Deste modo, o factor petróleo fixo crecer no último ano á economía angolana un 24% do seu Producto Interior Bruto, colocándoo nos primeiros postos en canto a crecemento económico por países a nivel global. Incluso, unha investigación suxeriu que Luanda, a capital angolana, constitúe a cidade máis cara do mundo.
Pobreza e desigualdades
Non obstante, os datos macroeconómicos non se traducen nunha expansión do benestar económico, e menos social. O poder político e económico aínda está sobremaneira concentrado. Só unha pequena porcentaxe da poboación, moitas veces vinculadas á política e ao partido do goberno, MPLA, benefíciase directamente dos dividendos do petróleo estatal. Mentres, a meirande parte da poboación vive en condicións míseras. Incluso chegouse a demostrar que, dende 1996 ata 2004, existiu malversación de fondos cos beneficios do petróleo por un valor de mil millóns de dólares por ano. Nestes días, ata se pode ler nalgúns medios que a campaña electoral do MPLA foi financiada con cartos provenientes do cru.
Na actualidade, a esperanza de vida en Angola é de 47 anos e mais da metade da poboación vive baixo o limiar da pobreza. Existe un nivel de desemprego calculado en torno ao 65%. Así mesmo, vense denunciando dende diversos medios internacionais a carencia en canto ao abastecemento sanitario estatal, que só concentra os seus esforzos orzamentarios en materia de mellora da educación, polo demais necesarios pero que, visto dende outra perspectiva, tamén presenta síntomas de ineficacia.
A dependencia alimentaria
Aínda que, segundo o Banco Nacional de Angola, no 2007 o sector non petroleiro angolano creceu un punto por riba do petrolífero (21,5% do PIB, mentres que o sector petroleiro creceu un 20,4%), a dependencia económica de cara o petróleo é, a ollos vista, sumamente excesiva. O 80% dos ingresos do PIB veñen do petróleo e da extración de diamante, o outro gran recurso natural con que conta este país subsahariano.
Por outra banda, o Estado ten unha dependencia desproporcionada das importacións de alimentos. Deste xeito, aínda que os ata agora elevados prezos do petróleo estean baixando moderadamente, a suba dos prezos dos alimentos contrarresta sobremaneira a ganancia.
Recentemente, o goberno lanzou unha ”campaña de abastecemento total” de claro carácter electoralista, a fin de facer fronte á crise alimentaria a curto prazo. As protestas en contra da medida electoralista non tardarían en aparecer.
A longo prazo, outra das medidas que o goberno acometeu para reducir a excesiva dependencia da importación de alimentos foi a campaña de microcréditos dirixido ás economías familiares, coa que confía en reducir a importación alimentaria mediante a produción local. Paralelamente, o sector bancario observaría un aumento das súas operacións de capital e de investimentos propios, que permitiría estimular estes microcréditos. Diversos países africanos veñen aplaudindo este sistema, aínda que cumpre sinalar que os elevados prezos petroleiros no mercado global permiten a Angola levar a cabo, non sen dificultades, este tipo de políticas económicas.
Cara a reelección no 2009
Do resultado das recentes eleccións lexislativas non se podía esperar cambio algún. A un ano das eleccións presidenciais, a contundente vitoria lexislativa do MPLA configurará un Parlamento similar ao actual, polo que moito tería que cambiar a conxuntura política e a sociedade angolana para que o actual presidente Eduardo dos Santos, de 66 anos e no poder desde 1979, non sexa reelixido en 2009.
Moitos analistas consideraron que estas eleccións lexislativas simplemente lexitimaron a perpetuación no poder do MPLA mentres outros destacaron que os angolanos teñen medo de volver ás armas, caso de derrota do oficialismo. Asi pois, o temón do Estado angolano seguirá nas mans do MPLA e do presidente dos Santos, especialmente de cara a manter a actual política petroleira. Non obstante, a evolución das carencias da poboación e as flutuacións na balanza comercial dependerán, conseguintemente, da política a adoptar polo MPLA e o seu líder.