Angola: rexurdimento ou esquecemento

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Despois de máis de vinte anos de Guerra Civil, este país africano afronta un futuro incerto condicionado por moitas circunstancias, tanto internas como externas, algunhas que veñen de lonxe. Cómpre lembrar que a maior das excolonias portuguesas inicia a súa sona como conflicto no período de loita anticolonial 1961-1974, no que os dous grupos principais emerxían co apoio de intereses estranxeiros enfrontados, o MPLA (Movemento Para a Liberación de Angola) apoiado principalmente pola URSS, e a UNITA (Unión Nacional para a Independencia Total de Angola) co apoio dos Estados Unidos.

A situación non muda unha vez conseguida a independencia. A loita polo control das inmensas riquezas do país esperta unha inmensa avidez nos líderes dos bloques da Guerra Fría. Esta independencia, recoñecida en 1976 pola ONU, non traerá o acordo ou a paz entre os grupos fortes do país.

Cando as tropas cubanas se retiran de Angola en 1991, un acordo inclúe a celebración de eleccións como base indispensable e mutuamente recoñecida como lexítima e indispensable para abrir un novo período de paz. Sen embargo, o presidente electo, José Dos Santos recoñecido como tal por Portugal e polas Nacións Unidas, non o é por UNITA, o que desembocará de novo no conflicto.

Tres anos máis tarde, un punto de inflexión parece darse co asinamento dun novo acordo de Paz, o “Protocolo de Lusaka”, que permitirá unha tregua en 1995, fenómeno transitorio tanto polo rango de segunda orde dos asinantes como pola desconfianza entre as dúas faccións.

A pesares das intermitencias paz-guerra, a situación mudará definitivamente coa morte do líder de UNITA, Savimbi, anunciada en febreiro do pasado ano, dando paso á sinatura dun acordo, ogallá que definitivo, de cese do fogo.

A cuestión que agora se plantexa é o futuro dunha nación dividida e empobrecida, a pesares dos seus potenciais inmensos en petróleo, café e diamantes, e cal será o papel da sociedade internacional, tan cuestionada, na súa reconstrucción.

Non cabe dúbida de que tanto a desmobilización absoluta das forzas de UNITA coma o compromiso firme de cooperación entre as diferentes forzas é esencial para acadar dunha vez por todas unha paz estable, proceso no que tanto Sudáfrica como a antiga metrópole, Portugal, interviñeron e poden seguir intervindo de xeito importante. En idéntico senso habería que mencionar o interese da comunidade internacional en respaldar a pacificación deste país e por extensión de todo o continente africano. Sen embargo, a cuestión así plantexada pode non ser todo o optimista que desexaríamos. Por unha banda, Europa está nestes momentos centrada na ampliación, o que fai que os seus esforzos e axudas se concentren no leste do continente e se reduzan noutras frontes, Africa incluída, e, por outra banda, os protagonistas da Guerra Fría, noutrora protagonistas da pugna polo poder na zona, focalizan outros centros de interese: a Rusia sóbralle que atender no plazo interno e EEUU, pai benefactor da nova orde internacional, debe ocuparse de todo o mundo sen discriminar a ninguén…. Asi as cousas, Angola, rica en padriños en tempo de guerra, queda orfa agora, en horas de paz.