eduardo severim de morais 02

Angola, sexamos optimistas

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

 Eduardo Severim de Morais; clic para aumentar
Será excesivo, porén, aseverar que a economía angolana deixará de ser dependente do petróleo para o ano 2012, como ten feito o vice-ministro das Finanzas, Severim de Morais (na foto), por máis que a tal aseveración constate xa a consciencia do interese de non depender tan fortemente dunha materia esgotábel, de prezo variábel que no medio prazo deberá concorrer con outros produtos substitutivos.
 

Angola constitúe un dos países da Galegofonía ou Lusofonía con maior potencial de crecemento económico, quizá apenas por debaixo do Brasil. De feito, é xa un dos Estados que máis está a crecer no mundo neste século XXI, tendo previsto para este ano, despois da revisión orzamentaria á baixa realizada no pasado mes de agosto, un crecemento do PIB de 19,6%, superando o xa extraordinario crecemento do ano pasado, situado definitivamente en 18,6%.

Perante estes números positivos, os analistas acostuman contrapor nomeadamente dous argumentos para o pesimismo ou, no mínimo, para a extrema cautela: o crecemento económico non é acompañado de desenvolvemento socioeconómico, quere dicir, o que Angola gaña non se traduce na mellora das condicións de vida da populación xeral e até, proporcionalmente, cada vez máis riqueza vai parar a menos mans; o crecemento económico depende esencialmente do petróleo que, efectivamente, supón aproximadamente o 60% do PIB angolano.

Debendo concordar coa inexorábel cautela para a que remiten estes argumentos, desexaba no presente artigo pór a énfase naglúns indicios feitos públicos recentemente que, neste caso, son susceptíbeis de suscitaren algún optimismo.

Dun lado, a revisión de partidas de gasto público realizada coa modificación do Orçamento Geral do Estado no mes de agosto parece indicar a consciencia política da importancia de que o crecemento económico se vexa acompañado de desenvolvemento ao teren sido aumentados os investimentos infraestruturais e o gasto social, téndose optado, para compensar estes aumentos e a baixada do crecemento previsto, por reducir as partidas dedicadas a soster o aparello estatal e ao pagamento dos xuros das débedas do Estado.

Por outra banda, se o sector petrolífero é, como víamos, o que máis pesa na economía angolana, o sector non petrolífero tamén crece notabelmente e mesmo se espera que o seu crecemento sexa superior en 11 puntos ao do 2006, pasando de 15% para 26%, sendo en boa medida este crecemento o factor explicativo do aumento de postos de traballo do país en arredor de 300.000. Con toda probabilidade será excesivo, porén, aseverar que a economía angolana deixará de ser dependente do petróleo para o ano 2012, como ten feito o vice-ministro das Finanzas, Severim de Morais, por máis que a tal aseveración constate xa a consciencia do interese de non depender tan fortemente dunha materia esgotábel, de prezo variábel que no medio prazo deberá concorrer con outros produtos substitutivos, se concordarmos que os biocombustíbeis e outras formas de enerxía renovábel gañarán peso de modo sensíbel nos próximos anos.

Enfín, Angola crece moito e parece estar disposta a aproveitar en certa medida ese crecemento… Sexamos optimistas.