Exercicio de memoria colectiva e oportunidade de concretar a Galicia Ideal con máis dereitos e representación para os cidadáns de ultramar. Un mapa, un espello e un proxecto de nós.
O Ano Castelao é, probablemente, un dos exercicios de memoria colectiva máis estimulantes que se nos teña presentado nos últimos tempos. É tamén un desafío punzante. Quen foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao?¿Queremos facer realidade a Galicia ideal que albiscou hai un século? A 75 anos do pasamento do político, médico, funcionario, pintor, humorista gráfico e escritor que puxo a súa vida e a súa obra ao servizo dun proxecto de país, volver sobre él é unha oportunidade de instalar na axenda pública o debate sobre identidade, política, dereitos e as dimensións dun mapa de Galicia que vai máis alá do territorio do noroeste peninsular.
A finais do ano pasado diciamos aquí: Arxentina (o río da Plata e a diáspora en xeral) merece un capítulo principal para comprender a Galicia actual. O 15 de novembro de 2024, o Parlamento autonómico fixo unha homenaxe polo 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza e abriuse o debate sobre cal era o lugar que se daba á diáspora nese recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia e deu paso ao Ano Castelao, situándonos fronte a un espello no que mirarnos cada un de nós e interpelándonos para recoñecernos como pobo que se proxecta no futuro.
Temos un mapamundi inzado de estrelas titilantes, que latexa e medra. Unha rede enorme de galegas e galegos arredor do mundo. E si, Castelao finou na habitación 202 do Centro Galego de Buenos Aires, pero o río da Plata é quilómetro cero desta experiencia porque esta “Galicia de Ultramar” acompañouno na súa vida, na realización das súas obras. Aquí se publicou “Sempre en Galiza”, onde recolle as ideas que alumeou nesa viaxe que fixo entre a terra que o expulsou e as latitudes que o recibiron e, trala súa morte, coidaron do seu legado.
A conmemoración do Ano Castelao fai que volvamos sobre as bases do país que temos hoxe, o xurdimento do autogoberno e as condicións que fixeron do exilio e a emigración o berce dun pobo novo. E mentres facemos a homenaxe e recuperamos dos andeis da memoria as historias que foron escondidas, silenciadas, imos repensando quen queremos ser e como conseguilo nos distintos puntos xeográficos do mundo.
A efeméride está a permitirnos contar que é Galicia de Ultramar. Poñer en contacto as múltiples Galicias. Unha parte do país que xa existe, que ten vida propia e mesmo medra, pero que parece descoñecida para a Galicia territorial. A través dunha serie de entrevistas cos responsables dos centros galegos a ambas marxes do río da Plata que impulsaron o proxecto de recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia, puidemos entrar nas institucións, entrevistar aos seus referentes, indagar nos motivos que os levaron a apoiar esta iniciativa e coñecer un pouco das súas historias de amor por un país e un pobo que ás veces semella non telos tan presentes como merecerían. E nos preguntamos ¿estamos a escribir a crónica dun amor non correspondido?
Mirar o mapa ampliado é saber que os cidadáns galegos residentes no exterior, ademais desta ponderada labor de embaixadores ad honorem, representan o 20% do total do padrón. E coas novas solicitudes a través da Lei de Memoria democrática para o recoñecemento de nacionalidade para fillos e netos de españois no estranxeiro, o censo vai medrar exponencialmente. Buenos Aires vai converterse en breve na terceira cidade en número de habitantes con pasaporte español, por detrás de Madrid e Barcelona. Trátase dun novo chanzo, imposible de obviar, na reconfiguración da idea de cidadanía. Agora, dos 500.000 galegos inscritos no CERA, 170.000 están en Arxentina. En tempos de estratexias de política exterior centradas en revertir o “reto demográfico”, recuperar a historia e a dignidade do “propio” nun mapa estendido é prioridade. E esa recuperación histórica e de memoria, ten que ir acompañada dun recoñecemento de dereitos e a posibilidade de exercelos en igualdade de condicións.
Para o especial, entrevistamos tamén aos partidos políticos encargados de representar e defender a a estes cidadáns e ás súas institucións. Tanto Óscar González do PSOE de Arxentina, como Fernanda Lores do BNG no país austral achegaron unha mirada propia que complementa as posición expresadas polas súas forzas políticas na Cámara galega cando se recolleu esta iniciativa. O presidente Alfonso Rueda avanzounos que o Conselleiro de Cultura visitaría Buenos Aires en novembro para desenvolver actividades vencelladas ao Ano Castelao, pero os representantes locais do partido declinaron facer a entrevista. Tamén o exdiretor do IGADI, Xullo Ríos, o Comandante do Tercio de Galegos, Horacio Vázquez; a psicóloga social Adela Fernández Cruz e os presidentes da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e da Fundación Castelao, Miguel Ánxo Seixas Seoane, expuxeron a súa mirada especializada sobre o que motiva e o que provoca esta celebración. E adoro destacar a entrevista co “guardián do legado” de Castelao, Juan Carlos Gómez, traballador do Centro Galicia de Buenos Aires, pechou a edición do Maratón deste ano.
Nestes meses fomos tecendo coas entrevistas unha idea que parece confirmar unha evidencia: Galicia xa é un país mundial. Algo que sabemos, pero que parece que aínda non estamos a aproveitar en todas as súas dimensións. Polo que levamos visto e escrito nestes meses de 2025 coa fin de contar o Ano Castelao, son necesarias as achegas locais dos distintos puntos da Galicia Universal no deseño de políticas e medidas que afectan aos cidadáns, tanto aos residentes no exterior como na península. O coñecemento mutuo e o feedback potencian as iniciativas promovidas a unha e outra banda do atlántico. Semella que as sementes da Estratexia Galega de Acción Exterior cara ao 2030 estaban xa plantadas hai décadas. Agora hai que alimentalas. As lingua, a cultura e o patrimonio de Galicia están en moitos puntos do mundo, non asumilo como un feito consolidado con toda a súa riqueza sería perdernos de nós.
Descarrega desde aquí o Informe anual Nós No Mundo 2024-2025
Podes coñecer as 16 edicións do Informe Nós No Mundo aquí.
Podes ver aquí o Especial Ano Castelao que fixemos na IGADI TV o 7 de xaneiro do 2026.


