Víase vir, dirán moitos. Poucos deberían darse por sorprendidos ante a invasión de produtos téxtiles chineses. A supresión das cuotas de importacións decidiuse nada menos que hai dez anos polo GATT (aínda non nacera a OMC). É difícil, pois, que tanto as patronais deste sector e os gobernos europeos poidan alegar descoñecemento. E de pouco valerán as queixas, acompañadas ou non da introdución de cláusulas de salvagarda tal como moitos reclaman, porque, aínda que dean un respiro, non resolverán en absoluto o problema de fondo.
O lamentable desconcerto que se está a producir arredor do téxtil ten unha lectura aínda máis negativa: crises semellantes van a rexistrarse noutros sectores de actividade nos próximos anos se ninguén se preocupa hoxe de anticiparse adecuadamente. Cómpre sinalar que China, nesa estratexia de modernización iniciada por Deng Xiaoping, apostou por toda unha serie de sectores nos que a man de obra é moi abundante, un recurso indiscutible neste país. O mil veces citado “taller do mundo” desenvolveu coma ninguén o plástico, a electrónica, o xoguete, ou o téxtil, entre outros. A orientación á exportación desa produción viuse facilitada pola rápida implicación dos distribuidores internacionais, amplamente seducidos polo baixo prezo dos produtos chineses. A primeira resposta á competencia propiciou unha vaga de deslocalizacións, das que China se beneficiou, pero tamén outros países en vías de desenvolvemento ou con estándares máis baixos (pensemos en Marrocos ou no veciño luso).
Bruxelas, como Washington ou Tokío, sempre cantou á libre circulación das mercancías, a sabendas, suponse, de que eses fluxos, unha vez dinamizados, son moi difíciles de controlar. China pode aínda “presumir” dun mercado no que as autoridades políticas dispoñen de capacidade para exercer unha influencia substancial en moitos aspectos. Simplemente, tomando como referencia a situación do iuán, a moeda pequinesa, cabe comprender o seu poder e efectos sobre a competitividade internacional dos produtos chineses. Nas economías occidentais esa capacidade está moi reducida e imperan as demandas dos consumidores, que se inclinan polo máis barato en moitos segmentos da poboación. E unha revaluación da divisa china non tería efectos máis acaídos: os chinos poderían beneficiarse dun curso do iuán mais elevado á hora de facer as súas compras no exterior, sen reducir moito as súas marxes comerciais dos produtos exportados.
Europa debe facer por prepararse e impulsar as vendas dos seus produtos en China. Trátase de mercancías cun alto valor engadido e que utilizan moita menor man de obra, co agravante de que moitas delas, ao cabo de poucos anos, poden ser vítimas da piratería máis sorprendente, fronte á que o goberno chinés non fai aínda canto debera. Ademais, por moito que se diga dos avances da economía de mercado e da liberalización da economía ou a expansión da propiedade privada, ninguén pode deixar de recoñecer que o Estado (ou, mellor, o Partido Comunista) controla os procesos económicos de principio a fin, impoñendo as súas restricións e caprichos. Desa asimetría tiran non poucas vantaxes. E será por algúns anos máis.