Pois si! Do proceso de Oslo entre 1993 e 2000 saíu a idea da adhesión de Israel á UE. Tratábase de animar ós dous actores en conflicto e en negociacións, palestinos e israelís, a integrarse á carreta de entrantes potenciais á UE, para que chegasen dunha vez por todas a un acordo. Pero o nacemento da Segunda Intifada deu co proxecto no chan.
De non existir outras variables incidentes, a posible adhesión israelí podería ser un asunto de longo percorrido, e tal e como pasou con Turquía, que dunha vella promesa da guerra fría pariu o interese agudo pola adhesión. Pero neste caso, o de Israel, hai unha verdadeira repulsa e desconfianza cara á idea da adhesión hebrea.
O rexeitamento é mutuo. Os israelitas perciben Europa como un agregado de estados sen capacidade ou vontade política de pesar no contexto internacional e menos en Oriente Medio. Ademais hai Estados hostís como poden ser España actualmente, ou mesmo Francia, por contraste cos EEUU. Engádese a iso que Europa para os hebreos é o continente masacrador, e hoxe é un ente exposto ós intereses árabes tanto pola dependencia enerxética como pola inmigración. Os israelís están contentos co seu partenariado económico dende os 90, que non implica ningún compromiso político. E ó mesmo tempo poden facer e desfacer co beneplácito norteamericano.
Facendo historia, dende os tempos de David Ben Gourion, estableceuse o principio de que Israel debe ser independente en termos de defensa. Así entre 1955 e 1956 nace un partenariado privilexiado entre os estados europeos e Israel, que tiña por obxectivo común atacar ó nacionalismo exipcio de Nasser. Pero esta alianza foi menos profunda que a que a había de suceder. Despois da guerra dos seis días, Israel orienta as súas preferencias e alianzas desta vez cara os Estados Unidos da América. Unha alianza que se irá reforzando ó longo do tempo, ate o punto de forxar un enrocamento norteamericano a proba de bomba, que xustifica, por inxusta que sexa, toda acción hebrea.
Non obstante, a pesares dos atrevementos israelitas, Europa nunca se planta. Tan só en 2001 o ministro francés de asuntos exteriores, Hubert Védrine, partidario dunha Europa potente, intentou que os 15 presionasen a Israel para castigala súa represión durante a Intifada. Pero tanto italianos como alemáns se opuxeron. Máis tarde, en 2004, unha resolución da Asemblea de Nacións Unidas de condena pola barreira de seguridade de Israel, foi votada polos 25. Iso foi toda a contundencia europea sobre o veciño estado mediterráneo.
Quen se imaxina ó estado de Israel dentro da UE? E os palestinos cos israelitas? E tamén, con Turquía? Israel sostén a adhesión de Ankara para que sexa o cabalo de Troia dentro de Europa, pero probablemente a plebe lle sexa menos amistosa que as elites. É difícil negociar cos israelís. Cada quilometro de terra se negocia polo seu valor bíblico e pola súa necesidade de ter que acoller novos xudeus occidentais a curto e medio prazo. Xudeus que se van instalar en zonas estratéxicas de pouca densidade demográfica, para que non acerten os foguetes de hezbolà.