Aposta por Cuba: dobre ou nada

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

A revolución cubana, dende o primeiro momento do trunfo e mesmo antes, en plena etapa guerrilleira na Serra Maestra, pode dicirse que non experimentou mudanzas radicais. É, de feito unha revolución continua, procurando conservar un elevado índice de participación social e popular en todo o proceso. Despois de 40 anos, e a pesar dos cambios producidos no mundo, Fidel Castro resistese a abandonar a loita, e non pensa nin mudar nin edulcorar os seus principios ideolóxicos para adaptarse a un novo escenario internacional que navega á contra dos valores que simboliza a Revolución cubana.

¿É Fidel un terco dogmático? Erramos se consideramos este fenómeno soamente dende a visión dunha figura case mitolóxica ou tomando como referencia un punto de vista exclusivamente interno. Ás circunstancias da illa non é allea a actitude da comunidade internacional, e, concretamente, dos EE.UU. Cómpre reivindicar o dereito á discrepancia en todo tempo e lugar. Ninguén debe estar en prisión por "delictos" de opinión. Pero ese mesmo respecto que se reclama das autoridades cubanas para os disidentes, debe ser igualmente aplicado pola comunidade internacional á hora de admitir no seu seo, plenamente e en igualdade de condicións, a un Estado como o cubano, cun modelo social, económico, político e cultural diferente do hexemónico a nivel planetario. O bloqueo conculca a legalidade internacional pero, ademais, é unha mostra evidente dunha práctica represiva contra Cuba por non someterse a certos dictados. Hai que esixir a Cuba o pleno respecto de todos os dereitos humanos, pero tamén hai que predicar co exemplo.

Ese cambio de actitude é a unica posibilidade efectiva, hoxe, para que se inicie un minimo proceso de cambio en Cuba. A esperanza dun derrumbe despois do sucedido en Europa Oriental e na antiga Unión Soviética, non ten visos de transformarse en realidade. A illa demostrou a súa capacidade de resistencia, de autoabastecemento, e mesmo de certa estabilidade fronte a tanta debacle en América Latina, por mor das crises financeiras. O bloqueo reforza o numantinismo da dirixencia cubana e convirte en utopía toda hipótese de cambio substantivo.

Sen mudanzas na actitude da comunidade internacional, que tanto se agardaban despois da visita papal, a política cubana endurécese, tal como se pode deducir do resultado dos xuízos recentes. A mensaxe é clara: non se darán pasos adiante en tanto os demáis non fagan o propio. Outra interpretación suxire que o réxime se tambalea e que a represión é a mellor mostra da súa precariedade. Sen embargo o réxime sintese o suficientemente forte como para exercer a represión sen importarlle a reacción internacional, a sabendas de que os seus principais ingresos proveñen de sectores con forte dependencia exterior. Non parece, sen embargo, que estas sentencias teñan un único destinatario interno, en especial, para os que reivindican un cambio democrático desde dentro e que nada queren cos anticastristas de Miami. Non cabe imaxinar unha "rendición".