A traxedia de Nagorno-Karabaj deixa sen palabras. Ducias de miles de persoas, a práctica totalidade dos seus habitantes armenios, fuxindo atemorizados tralo ataque de Acerbaixán. Todo o mundo é testemuño dunha brutal operación de limpeza étnica, e ese mesmo mundo prefire mirar para outro lado sen mais desexo que a inxustiza remate pronto e deixe de ser noticia. O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, o austríaco Volker Türk, limitouse a pedir respecto do “dereito ao retorno”… Quen vai volver aos seus fogares? Máis de 100.000 persoas fuxiron a través das montañas amoreando as súas escasas pertenzas. Revivimos as estampas dramáticas dos séculos XIX e XX.
A poboación armenia é a que paga as consecuencias. A solución militar chega tras meses de bloqueo dos subministros mais básicos. Exhaustos, era imposible calquera forma de resistencia da cidadanía e todos o sabían. O momento non foi improvisado.
Do punto de vista de político, péchase un dos conflitos conxelados mais longos da historia recente: nin os EUA, nin a UE, nin Rusia, conseguiron establecer algunha fórmula de convivencia factible e duradeira a pesar das múltiples roldas de conversas. Moscova, tradicional aliado armenio, absolveu a Bakú.
Difícil precisar que vai pasar con Nikol Pashinyan, o primeiro ministro de Armenia. Quizais resista se todo acaba aquí. Se como outros temen, as accións militares van dar pulo aos intereses e ambicións de Bakú e Ankara para abrir un corredor sobre territorio armenio, confirmaríase que a rexión rebautizada co seu nome antigo, Artsaj, é só unha pequena peza dos xogos de poder. Os equilibrios da rexión están en movemento.
As beiras que Ereván ten feito ultimamente aos EUA dificilmente poden salvar a Armenia se a guerra se estende. Ankara e Bakú soñan con unir o Mediterráneo co Caspio por terra. Os imperativos da xeografía marcan e tamén limitan das decisións dos respectivos actores.
Deixados da man de deus: armenios, palestinos, saharauís… malos tempos para as causas xustas coas que levamos décadas convivindo. Menos mal que o comisario Josep Borrell vai pasear por estes enclaves aos ministros de exteriores da UE para conxurar silencios cómplices e dar fe da solidariedade desa Europa dos valores, ideais e nobres principios !!!