O 2025 resultou ser un período vertixinoso no país do Cono Sur, marcado por unha actualidade que a miúdo superou a ficción, obrigándonos a reler os titulares con incredulidade. Non obstante, trala voráxine do caos diario, o ano deixou pegadas e leccións que esixen, sen dúbida, unha análise sosegada. A continuación, debullamos os fitos máis determinantes que marcaron o pulso do país neste 2025:
O primeiro gran trazo foi a economía de dúas caras. Por unha banda, instalouse con forza un discurso crítico que falaba dun fracaso rotundo do programa económico. A recesión técnica (Universidad Torcuato Di Tella, 2025), a caída do consumo (INDEC, 2025) e a perda de poder adquisitivo (Zentrix Consultora, 2025) configuraban un escenario no que as clases máis vulnerables estaban a soportar un axuste sobre outro axuste. Porén, de maneira simultánea, os datos oficiais describían unha realidade radicalmente distinta. O INDEC (2025a), no seu último informe técnico, sinalaba un crecemento do 3,3% do PIB, un superávit comercial histórico e un dato de inflación positivo debido a que, dende o ano 2017, a variación interanual non era tan baixa (INDEC, 2025b). Esta situación leva a unha gran contradición: os grandes números mostraban signos de recuperación mentres o peto da maioría confirmaba empobrecemento. Esa fenda entre a macroeconomía dos informes e a microeconomía da vida diaria converteuse na principal fonte de tensión social do ano.
O segundo punto clave foi a exposición á dependencia externa. Cando o rescate financeiro de 20.000 millóns de dólares acordado co FMI en abril (Fondo Monetaria Internacional, 2025) resultou insuficiente para manter a economía arxentina, o centro de gravidade da política económica desprazouse de Bos Aires a Washington. Decisións cruciais quedaron condicionadas a mensaxes e xestos de altos cargos estadounidenses, ata o punto de que a subida e a baixada do dólar dependeu duns poucos caracteres nunha rede social. Este aliñamento chegou ao seu punto máximo co encontro entre Javier Milei e Donald Trump, no cal se pactou o apoio económico do país norteamericano a través dun swap de 40.000 millóns de dólares (Embajada de EE. UU. en Argentina, 2025) sempre e cando, nas eleccións parlamentarias de outubro de 2025, La Libertad Avanza conseguise obter un maior número de escanos. Deste xeito, a estabilidade financeira deixou de ser unha cuestión técnica para converterse nunha moeda de cambio política, deixando a soberanía nacional suxeita integramente aos intereses da Casa Branca.
O terceiro elemento foron as eleccións que se viviron nos últimos meses do ano. En setembro, a derrota nas eleccións da provincia de Bos Aires parecía marcar un límite ao proxecto de goberno. O peronismo bonaerense mostraba que conservaba músculo territorial e moitos daban por feito un mal resultado nas lexislativas nacionais do mes seguinte. Con todo, e contra todo pronóstico, La Libertad Avanza obtivo un triunfo contundente en outubro. O máis chamativo é que esa vitoria coincidiu con escándalos graves de corrupción e con renuncias forzadas de candidatos chave por parte da La Libertad Avanza. Lonxe de penalizar ao goberno, estes episodios tiveron un impacto electoral mínimo. Para unha parte relevante do electorado, o voto respondeu máis ao medo económico que significaría a vitoria do peronismo que a unha adhesión plena ao oficialismo. O resultado consolidou a posición do goberno no Congreso, permitindo que de agora en adiante poidan saír adiante as medidas formuladas polo bloque oficialista, e demostrou unha capacidade de supervivencia política pouco habitual.
O cuarto punto foron as numerosas cuestións xudiciais e de corrupción que viviu o país. Javier Milei promocionou a criptomoneda $LIBRA nas súas redes sociais, disparando o seu valor e lexitimidade xusto antes de que se observase como unha posible estafa. Tras o colapso inmediato, o presidente borrou as publicacións e alegou ser enganado, desatando unha crise institucional e xudicial por avalar unha fraude financeira desde a Presidencia. En xuño, a confirmación da condena xudicial a Cristina Fernández de Kirchner marcou o peche definitivo dun ciclo que dominara a política arxentina durante dúas décadas. Máis alá das valoracións, a sentenza tivo un forte contido simbólico: o remate dun capítulo central da historia recente, cunha condena a seis anos de cárcere e a inhabilitación de exercer cargos públicos. En agosto dese ano, filtráronse diferentes audios que expuxeron un esquema de coimas onde a Axencia Nacional de Discapacidade (ANDIS) cobraba subornos do 8% a farmacéuticas, das cales o 3% ía directamente a Karina Milei, segundo confesou o propio titular da axencia. Estes episodios evidenciaron unha preocupante degradación ética no máis alto nivel do Estado, sementando a desconfianza nunha cidadanía que viu como a corrupción salpicaba tanto a vellos liderados como á nova cúpula do poder.
O quinto e último trazo foi, como tantas veces, a convivencia permanente entre a traxedia e o orgullo nacional. O 2025 estivo atravesado por golpes duros: a morte do papa Francisco, apagóns masivos en Bos Aires, inundacións devastadoras en Bahía Blanca e unha crise sanitaria provocada por fentanilo contaminado que causou decenas de vítimas. Mais, en paralelo, emerxeron motivos de orgullo colectivo. Un neno prodixio do xadrez, Faustino Oro, sorprendeu ao mundo coa súa capacidade e pouco a pouco estase a converter nun personaxe relevante, e Franco Colapinto conseguiu instalarse na Fórmula 1, converténdose nun símbolo de talento e perseveranza. Esa dualidade, vivir entre o desastre e a esperanza, segue a ser unha das marcas máis persistentes da identidade arxentina.
En definitiva, o 2025 quedará gravado como o ano da dualidade extrema. Foi un tempo que non deu respiro e que puxo a proba os alicerces da nación, obrigando a redefinir o significado de soberanía e benestar. Arxentina demostrou, unha vez máis, que o seu motor segue a ser esa estraña capacidade para habitar a fenda que separa o colapso inminente dunha esperanza inquebrantable.
Referendas bibliográficas
Embajada de EE. UU. en Argentina. (2025, noviembre 10). Declaración conjunta sobre el acuerdo de cooperación financiera bilateral. https://ar.usembassy.gov/es/acuerdo-bilateral-2025
Fondo Monetario Internacional. (2025, abril 18). IMF Executive Board Approves 48-month US$20 billion Extended Arrangement for Argentina. Comunicados de Prensa.
Instituto Nacional de Estadística y Censos. (2025a, diciembre). Encuesta nacional de centros de compras. Octubre de 2025 (Informes técnicos, Vol. 9, n.º 324; Comercio, Vol. 9, n.º 46).
https://www.indec.gob.ar/uploads/informesdeprensa/com_12_2548C3B79DEB.pdf
Instituto Nacional de Estadística y Censos (2025b, noviembre). Índice de precios al consumidor (IPC). Cobertura nacional. Noviembre de 2025. Informes técnicos, Vol. 9, n.º 306; Índices de precios, Vol. 9, n.º 38. Buenos Aires: INDEC. ISSN 2545-6636.
Universidad Torcuato Di Tella. (2025, noviembre). Índice Líder. Centro de Investigación en Finanzas.
https://www.utdt.edu/ver_contenido.php?id_contenido=13121&id_item_menu=31593
Zentrix Consultora. (2025, diciembre). Monitor de Opinión Pública. Diciembre 2025.
https://www.zentrix.com.ar

