entrerios g4

Arxentina-Ence-Botnia-Uruguai

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Mapa Entreríos, clic para aumentar
Non é fácil nun contexto tan acalorado delimitar os temas da controversia, mais compre un esforzo informativo por separar estratexias políticas locais, conflitos fronteirizos, populismos electorais e consecuencias medioambientais.
 

Non hai abismo máis profundo, xélido e mesto que separe a Arxentina e ao Uruguai do 2006, que o que provocan as palabras Ence ou Botnia.

Se o Río da Prata e o Río Uruguai foron o espello ancestral no que compartían destino, hoxe en día, o nome das dúas celulosas, en mans de capital finlandés e maioritariamente galego, que se constrúen na beira do Río Uruguai, a carón da cidade charrúa de Fray Bentos, está a agrandar as distancias entre veciños, a causar graves conflitos diplomáticos, con chamadas a consultas dos respectivos embaixadores incluída, e acapara o interese mediático. O día 04/01/2006, aparecía publicada no xornal bonaerense Página 12, con destaque de titulares, unha entrevista co alcalde de Pontevedra, Miguél Anxo F. Lores, na que se cualificaba ás celulosas como unha peste.

Esta controversia pisou o acelerador dende o mes de maio de 2005, cando o flamante goberno progresista do Frente Amplio anunciou a instalación das fábricas.

Un dos puntos máis estraños do tema resulta ser o feito de que a maior oposición á construción das celulosas estea na cidade arxentina de Gualenguaychú, situada a 33 km da fronteira e a máis de 25 en liña recta do emprazamento escollido polas celulosas. Non está na cidade uruguaia de Fray Bentos, capital do departamento de Río Negro, e radicada mesmo a carón das celulosas en construción.

Chama a atención a distribución da porcentaxe nacional de participantes na gran marcha anticelulosas convocada no 30 de outubro, baixo o conciliador slogan "A aperta do Río", na que se congregaron 30.000 arxentinos (a cidade de Gualenguaychú rolda os 75.000 Hb.) e só 2.000 uruguaios (Fray Bentos ten uns 33.000 Hb).

Tamén resulta sorprendente que un proxecto, como a construción dunha das maiores celulosas de América, sexa defendido con unllas e dentes polo primeiro goberno de esquerdas uruguaio, no que están integrados socialistas, comunistas, ex-guerrilleiros tupamaros (MPP), esquerda radical (PPV)… Pola contra que os máis ardentes defensores do medioambientalismo sexan os xusticialistas arxentinos, como o gobernador local Jorge Busti, que mantén unha relación de estreita proximidade con Néstor Kirchner. O máximo mandatario da Provincia de Entre Ríos, está empeñando no seu "Plan Busti", que pretende unha reforma constitucional que inclúa unha cláusula que lle permita a súa reelección. O presidente Kirchner estaba interesado en plebiscitarse electoralmente en outubro, enarborando a bandeira do que denominou "causa nacional", a pesar de ter varias plantas de celulosa con tecnoloxía semellante en diversos lugares de Arxentina como Corrientes.

Nas pasadas eleccións de deputados do mes de outubro, Busti incluíu un referendo voluntario sobre a súa reelección que tivo unha participación do 77%, e colleitou unha vitoria do si esmagante. O seu liderado no conflito das celulosas explica, en parte, estas espectaculares cifras.

Paradoxal resulta, tamén, que gobernadores das provincias arxentinas limítrofes de Corrientes, como Arturo Alejandro Colombi, que encabezou unha alianza electoral entre radicais e peronistas nas eleccións de outubro, ou como o kirchnerista Carlos Rovira, de Misiones, teñan manifestado que aceptarían encantados algunha planta como a que rexeita o seu colega de Entre Ríos, ou como a que a firma sueco-finlandesa Stora Enso, sopesa un investimento de 1.000 millóns de dólares, nos departamentos uruguaios de Durazno e Tacuarembó, nos que xa anunciaron a compra de 100.000 Ha.

Ás portas da recente Cimeira de Mar de Prata, os respectivos embaixadores Hermán Patiño e Francisco Bustillo foron chamados a consultas, polo enfado de Tabaré Vázquez, ante unhas declaracións do gobernador Busti, nas que insinuaba que o presidente Uruguaio aceptara incentivos para aprobar estes investimentos empresariais. O Gobernador de Entre Ríos tivo que recuar tratando de xustificar a súa afirmación, enumerando unha seria de incentivos positivos para Uruguai, é dicir, que as celulosas significarían un dos maiores investimentos estranxeiros no país aportando 1.800 millóns de dólares (600 Ence +1.200 Botnia) que representan o 13% do PIB uruguaio (13.286$) e unha fonte de xeración de emprego, 1.000 directos e 8.000 indirectos, impulsando a economía local e incrementando o PIB, alomenos no 1%, coa chegada das celulosas.

Con certeza, as empresas estranxeiras chegan imantadas polo baixo custe da man de obra, gratuidade no acceso ao recurso primario da auga, pola flexibilidade medioambiental dos países en desenvolvemento, e polas inxentes plantacións forestais de eucaliptos na zona. Estas empresas son portadoras dun grande investimento, capaz de producir 1,6 millóns de toneladas de pasta de papel no Uruguai, e converterse no complexo sectorial maior do mundo, cos perigos que iso comporta.

A pesares de que acaba de emitirse un informe, dirixido polo Ombusdsman do BM Meg Taylor, no que se asegura que se cumpren cos requisitos medioambientais…. A pesares de que existen laboratorios e universidades independentes que certifican que as novas empresas vanse ater ao Convenio de Estocolmo sobre contaminantes orgánicos persistentes…. A pesares de que se vai aplicar a Tecnoloxía ECF (Elemental Chlorine Free) con dióxido de cloro, que logra reducir considerablemente a emisión de dioxinas e furanos, e non cloro gasoso elemental, tal como se fixo tradicionalmente, o certo é que se trata de un proxecto descomunal que vai cobrar un importante prezo medioambiental.

Para alimentar a semellante complexo industrial están plantadas 600 mil hectáreas cos seus efectos asociados: deforestacións, monocultivos de especies foráneas, perigo para a biodiversidade autóctona, concentración da propiedade da terra, esgotamento nos acuíferos como os que xa se detectan na provincia uruguaia de Soriano, contaminación nas capas freáticas, explotación laboral aos traballadores forestais, sobreutilización de herbicidas e agrotóxicos, monocultivo, aparición de pragas novas.

Tampouco vai ser aplicada no branqueo da pasta de papel a tecnoloxía TCF (Totally Chlorine Free), libre de todo tipo de cloro, utilizando branqueadores a base de osíxeno, que é mais cara. Por tanto, van persistir necesariamente elementos nocivos e consecuentemente: auga contaminada, diminución da pesca fluvial, aire viciado, enfermidades, depreciación das terras…

No medio de tan ácida controversia fronteiriza, están envolvidas Botnia e Ence, que ten como accionistas maioritarios a Caixagalicia co17,69%, Alcor Holding 10,01%, Bankinter 6,50%, Cajastur 5,77% e Atalaya Inversiones 5,01%. Empresa líder europea e segunda produtora mundial de pasta de celulosa branqueada de eucalyptus globulus, se instala no Uruguai nos anos 90, a través da filial Eufores, comprando terras e plantando 50.000 hectáreas de árbores. No 2001 participa no accionariado do complexo portuario, loxístico e industrial "M´Bopicuá", financiado polo BID con 23,1 millóns de dólares.

A terminal Loxística M´Bopicuá (TLM), está participada por varias das empresas forestais máis importantes que operan no Uruguai. Entre elas Eufores e Las Pléyades (do grupo ENCE), a Forestal Oriental (joint venture do Grupo Royal Dutch Shell e UPM/Kymmene), e Paso Alto, que é un Fondo de Investimentos forestais nacionais. Tamén forma parte do consorcio Unión Fenosa. Empresas todas, agás Paso Alto, con sede central en España, Reino Unido, Holanda e Finlandia.

Ence, a través das súas filiais Las Pléyades Uruguay e Las Pléyades, comercializa os seus produtos en Sudamérica: astillado de madeira da chipeadora de M´Bopicuá para plantas de celulosa, táboas aseradas presecadas e pallets para embalaxe do aserradeiro Maserlit, no que teñen comezado liñas para fabricar parquets ou madeira para mobles.

Tabaré Vázquez prometeu que o próximo mes de febreiro vai estar presente na colocación da pedra inaugural dunha das plantas de celulosa previstas, a beira da ponte internacional arxentino-uruguaia Xeneral Sanmartín. A mesma ponte que periodicamente bloquean os arxentinos contrarios ás celulosas. Ponte na que, segundo o chanceler uruguaio Gargano, se está a destruír a amizade fronteiriza, na que se está a quentar o ambiente de mal xeito, na que se está a agredir ao tratado do Mercosur polo que se creaba un área de libre circulación de persoas, produtos e servizos. O mesmo viaduto que une países ribeiregos aos que o gobernador de Entre Ríos ameaza con cortar, coas súas propias mans, o gasoduto que leva o combustible para Uruguai.

Non é fácil nun contexto tan acalorado delimitar os temas da controversia, mais compre un esforzo informativo por separar estratexias políticas locais, conflitos fronteirizos, populismos electorais e consecuencias medioambientais.

Como na maioría dos asuntos internacionais, se require abundante información, diplomacia, e tento. Presenta múltiples facetas que paga a pena seren valoradas, antes de precipitarse no posicionamento. Na controversia internacional no Río da Prata non só está en cuestión o desenvolvemento económico sostíbel. Presenta factores de política interna e fronteiriza que non se pode observar exclusivamente coa óptica da nefasta experiencia da Ría de Pontevedra.