Arxentina xa non baila soa

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

"Xa non estamos sós na pista". Con este irónico sarcasmo, o ministro de economía arxentino Roberto Lavagna, daba a benvida ata o fondo da crise, á maioría dos países latinoamericanos. Dende principios de ano un tremor sacude América Latina de Norte a Sur para obrigar a bailar a ritmo de "efecto tango", "efecto Lula", "efecto golpe-Chávez", "efecto privatizacións-Toledo"…; a súa macabra danza. A semana pasada Brasil, Uruguai, Venezuela, Colombia,México, Paraguai e, mesmo, Chile ,depreciaban as súas moedas mentres lles medraba o déficit orzamentario. Quizais Lavagna recibía con entusiasmo estes novos compañeiros de baile, coa ilusión de poder entoar, ao unísono, unha mesma melodía desde América Latina, para facerse oír con máis vigor no FMI.

No primeiro trimestre do 2002 a economía uruguaia afundiuse un 10,1%, e movese en parámetros de recesión dende o cuarto trimestre de 1998. A Suíza de Latinoamérica pode pechar o PIB deste ano ao redor do 15.000 millóns de dólares, cando noutrora chegara superar os 20.000 millóns. Dende que comezou este ano, o risco país rubiu dende os 200 puntos ata os 1,259.

Desde México o encargado de pórlle letra a musica da crise foi o Secretario de Facenda, Francisco Gil Díaz, ao advertir que ao lonxe pódese ollar unha situación semellante á Arxentina se non se toman medidas para facer baixar o risco país e se reforza o debilitado peso mexicano.

En Chile hai un ano o dólar cotizaba por 616 pesos, hoxe esta nun record de 697.

Dende o país carioca viñan noticias que elevaban os temores xa apuntados semanas pasadas. A bolsa de Sao Paulo derrúbase, o risco país subiu un 44% en 10 días para levar ao Brasil ata o segundo lugar mundial con 1.727 puntos, só por detrás de Arxentina. A débeda externa supera os 245.000 millóns de dólares, dificultando o cumprimento dos compromisos de pagamentos ata fin de ano, mentres a moeda que hai só dous meses tiña un cambio de 2,30 por dólar, agora está moi preto dos 2,90.

Venezuela segue o mesmo camiño, sobre todo, logo da inestabilidade xerada polo fracasado golpe e o pouso de irreconciliable crispación que sementou.

Perú refaise das revoltas populares iniciadas no sur do país contra dos planos de privatizacións das empresas eléctricas Egasa de Arequipa e Egesur de Tacna. A capitulación do presidente, implicou o levantamento do estado de excepción, pero deixou dúas mortes entre os sublevados e varios cadáveres políticos no seo goberno polas dimisións do titular da carteira de interior Ferando Rospogliosi, o viceministro de xustiza Pedro Cateriano e o Presidente da Axencia de Promoción da Investimentos do Perú (Promoinversión), Ricardo Vega Llona. Cando o 28 de xullo cumpra un ano á fronte do país terá un panorama económico peor do que atopou.

Paraguai, Ecuador e Colombia piden ¡socorro!

Fracasou unha nova teoría, elaborada tras do Crac arxentino. O "Cordón sanitario" que o FMI tecera ao redor da capital porteña mostrouse inútil. Hai seis meses analistas, expertos e funcionarios das principais institucións financeiras do mundo, aseguraban ter inmunizado ao continente do virus que percorría o país austral.

Mediante transfusións puntuais de recursos financeiros foron vacinando países para soster as moedas e darlle vida aos deficitarios orzamentos: Brasil (15.000 millóns de dólares en agosto de 2001 e 10.000 en tramitación), Uruguai (1500), Ecuador, Colombia, Venezuela…

No último ano e medio, cada país buscaba a salvación en solitario, en sintonía directa cos EEUU, sen ollar cara aos veciños. Só Venezuela e Brasil fixeron manifestacións demandando unha estratexia continental conxunta.

Agora todos se axitan removidos pola sintonía do nerviosismo rexional. Na pista de baile non falta ninguén, é hora de cambiar de melodía.

Quizais niso andaba cavilando Lavagna, cando abandoando o serio ricto, que lle impón o drama arxentino, mostrou ilusión pola chegada de novos bailaríns, que poden atreverse a bailar danzas colectivas.

Pero quizais non sexa máis que unha nova ilusión do mesmo iluso ministro de economía que prognosticaba a saída da crise para o 9 de xullo, día da festa patria e agora bate coa realidade dunha economía que vai despenarse un 15% do seu PIB no 2002.

Tropeza coa dureza de Paul O"Neill, Secretario do Tesouro dos EEUU, plasmada nas declaracións a axencia Bloomberg "Tirar co diñeiro dos contribuíntes norteamericanos na incerteza política do Brasil non semella unha idea brillante".

Por máis que poda parecer coherente unha estratexia continental común, diante do fracaso económico colectivo e prepotencia dos países desenvolvidos; lamentablemente o desexo de Lavagna non deixará de ser a ilusión dun iluso.

Sobre poboada pista, todos bailarán individualmente o ritmo que marque o FMI.