Novas inquietantes chegan do país árabe dúas semanas antes das decisivas eleccións presidenciais. O informe final do xefe dos inspectores estadounidenses en Iraq, David Kay, amosa unha confesión para nada secreta: o réxime de Saddam Hussein non posuía armas bacteriolóxicas, químicas nin nucleares, nin tampouco tiña capacidade para producilas.
Isto provocou que o propio presidente Bush, a escasos días de investirse no seu segundo mandato presidencial, admitira a realidade deste informe e informara que as operacións de búsqueda daquelas armas finalizaron en decembro pasado. A noticia apareceu, case "baixo da mesa", no xornal The Washington Post. Polo tanto, se confirmou a falacia da principal razón da invasión anglo-estadounidense de Iraq en marzo de 2003.
Mentres Washington dixería esta confesión, o presidente francés Jacques Chirac recibiu no palacio do Elíseo ao presidente interino provisional iraquí, Ghazi al-Yaouar, nun tácito recoñecemento e aceptación da etapa de transición no país. Chirac aparcou as súas demandas de retirada de tropas en Iraq e preferiu un achegamento a Washington nunha conxuntura máis favorábel. Deste xeito, o conflicto entre Chirac e Bush pola guerra en Iraq parece chegar ao seu fin. E, recibindo a al-Yaouar en París, o presidente francés opacaba o labor do primeiro ministro iraquí Ayad Allawi, de quen se comenta que paga aos corresponsais estranxeiros en Bagdad para que asistan ás súas roldas de prensa.
Washington e Europa asisten con ansiedade ao desenlace electoral do próximo 31 de xaneiro. Noutra confesión inédita, o presidente Bush recoñeceu que non se podería votar en catro das 18 provincias do país, sendo estas principalmente as que concentran a comunidade sunnita (o famoso "triángulo) e cidades tan importantes como Mosul, Faluja e Tikrit. É unha zona que comprende a totalidade da fronteira iraquí con Siria (a quen Washington acusa de estar detrás de boa parte da insurxencia iraquí) e parte de Arabia Saudí.
A razón se debe a que esta zona concentra a maior cantidade de ataques terroristas provocados por diversos e heteroxéneos grupos, polo que facer campaña política é prácticamente imposíbel. Uns 230 partidos foron rexistrados para as eleccións presidenciais pero a maioría dos grupos sunnitas boicotearán os comicios, entre eles o radical Partido Islámico. Para garantir unha seguridade cada vez mais precaria, o Pentágono anunciou en decembro pasado un incremento dos soldados a 150.000 efectivos e unha maior mobilidade vía aérea para evitar as rutas terrestres, terreo fácil para o labor da insurxencia. Un promedio de 100 soldados norteamericanos morren ou son feridos ao mes en Iraq, e as comparacións con Vietnam son cada vez mais frecuentes.
Pola súa banda, a outrora marxinada comunidade chiíta goza dun momento propicio para dominar o Iraq post-electoral, grazas ás preferencias populares cara o partido auspiciado polo ayatolá Alí Sistani, que encabeza o dirixente do Consello Supremo da Revolución Islámica, Abdul Aziz al Hakim, o chamado "home de Irán" no país. Os sunnitas e Washington recean dun goberno chiíta pro-iraní e as acusacións de interferencia iraní nos asuntos de Iraq son cada vez mais periódicos. Sen embargo, Washington podería estar negociando secretamente con Teherán un reparto político territorial en Iraq, aínda que os principais temores xorden pola posibilidade da explosión dunha guerra civil.
Con este panorama, é posíbel a democracia en Iraq? Washington, e agora Francia, buscan a estabilización do país nunhas eleccións non completamente lexítimas, debido a que non todo o espectro socio-político estará alí representado. A sucesión de atentados terroristas, secuestros e desgoberno chegou ao punto de que o propio presidente Chirac desaconsellara aos periodistas franceses viaxar a Iraq. A inestabilidade de Iraq trala guerra, non será esa a verdadeira ameaza?