mx porteiro 5

As Benfaladas: 30 anos despois da IV Conferencia Mundial das Mulleres de Nacións Unidas en Beijing

María Xosé Porteiro presentou a finais do ano 2024 o seu último ensaio, As Benfaladas, publicado pola Editorial Galaxia dentro da colección de Feminismos. O libro, de 288 páxinas, destaca pola súa edición coidada, cun formato flexible, capa e contracapa brandas e unha gramaxe cómoda que facilita tanto a lectura como o traballo pormenorizado co texto.

A autora, cun perfil poliédrico que vai do xornalismo á política, posúe unha traxectoria chea de feitos, na que sobresae o compromiso feminista, ecoloxista e internacionalista, alén de galeguista. É, sen dúbida, unha das embaixadoras máis recoñecibles da Galicia universal contemporánea e unha das personalidades galegas máis queridas entre a nosa diáspora (aproveito enviarlle agradecementos pola súa determinante colaboración para o Maratón de Galeguidades da Deputación da Coruña que produce o IGADI).

O prólogo de -As Benfaladas, asinado por Priscila Retamozo, pon sobre a mesa a relevancia do ensaio de María Xosé no contexto actual: poñer en valor o coñecemento histórico acumulado dos movementos feministas e situar esa memoria nas particularidades do presente, nun tempo no que as posicións máis conservadoras e orgullosamente patriarcais avanzan a nivel global.

O ensaio eríxese así como un pé en parede fronte a unha axenda agresiva contra as conquistas do feminismo, impulsada polos grandes gurús dos algoritmos, ao mando da intelixencia desta onda reaccionaria. Diante diso, As Benfaladas non calan. Por todo iso, As Benfaladas é un ensaio chamado a reivindicar o legado dos movementos feministas e das súas referentes, tanto galegas como internacionais. Faino desde unha perspectiva histórica ampla, que percorre desde o preámbulo fantasioso arredor de Lilith ata a cuarta onda dos feminismos, o movemento #MeToo de 2017 ou as folgas mundiais de mulleres do 8 de marzo de 2018 a 2020.

Nese marco xeral, o ensaio consegue combinar un ollar universal cunhas lentes especificamente galegas. Entre as súas misións explícitas está a de nomear, recoñecer e visibilizar as protagonistas galegas no marco desta historia internacional: diferentes entre si, pero converxentes na pegada biográfica das benfaladas. Así, o libro achéganos de maneira orixinal, entre outras, a figuras da valía de María Balteira, Dorotea Bárcena, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Andrea López Chao, María Barbeito, María Araujo, Maruxa Boga, María Xosé Queizán… ou ás integrantes de Mulleres Galegas na Comunicación (Mugacom).

O ensaio posúe amplas virtudes, mais detereime en tres. A primeira é a súa facilidade e profundidade de lectura, nun equilibrio entre o rigor argumental e o espírito divulgador, que o converte case nun manual. A segunda, o repaso histórico polo fío lila que transformou a historia ao longo dos séculos —especialmente acelerada nas últimas décadas—, rescatando biografías amplamente descoñecidas (como a da primeira muller académica da RAG, Francisca Herrera Garrido, que nunca chegou a exercer como tal). A terceira, o exercicio de mosáico multisectorial, que retrata a longa marcha pola igualdade e o alcance oceánico da misión emprendida polas mulleres: do local ao global, do teatro á ciencia, exercendo un internacionalismo que a propia autora encarna de xeito paradigmático.

As Benfaladas e o Parlamento galego en Beijing

A lectura do libro neste 2025 conéctanos inevitablemente coa biografía da autora, quen desde hai décadas practica a máxima de “pensar global e actuar local”. Hai trinta anos, en setembro de 1995, unha delegación integrada por todas as parlamentarias galegas, de todos os partidos presentes no Parlamento da época, participou na IV Conferencia Mundial das Nacións Unidas sobre a Muller, en Beijing: un evento histórico que marcou un fito mundial na loita pola igualdade de xénero.

Trala volta da viaxe, un mes despois, o 25 de outubro de 1995, o Parlamento de Galicia ratificou o acordo da Comisión non Permanente para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres relativo á Declaración Parlamentaria de Beijing. Galicia converteuse así no primeiro Parlamento autonómico español en adherirse formalmente a aquel texto internacional, asumindo o compromiso de converter os principios de igualdade en medidas políticas efectivas. Naquel debate, ademais de María Xosé (PSdG), interviron outras parlamentarias históricas participantes da delegación, como Maite Fernández do PPdG ou Pilar García Negro do BNG, a persoa responsable de que naquela lexislatura o Parlamento creara a Comisión de Igualdade.

Trinta anos despois daquela axenda de Beijing —recoñecida globalmente como o momento crítico da incorporación da perspectiva de xénero á ONU—, a lectura de As Benfaladas non pode máis que outorgarlle a María Xosé e ás súas compañeiras de viaxe o título de Benfaladas. Daquelas eran unha minoría total na Cámara, 13 de 75 (1993-1997), hoxe as mulleres son maioría, 38 de 75 (2024-2028). O feito democrático ten aquí un indicador de éxito en Galicia que ben podería alcanzar máis visibilidade tres décadas despois. Ata onde sabemos, tan só a Asociación Alexandre Bóveda da Coruña ou o Ateneo Atlántico de Vigo proxectan actos para visibilizar a efeméride.

Unha xornada necesaria para o feminismo e a acción exterior de Galicia

O xoves 30 de outubro, ao longo de todo o día, o Consello da Cultura Galega organiza unha xornada monográfica-homenaxe titulada “María Xosé Porteiro: Activista das palabras”.

Pola mañá celebrarase a mesa “Feminismo, cultura, comunicación e política: esnaquizando teitos de cristal”, e pola tarde “O poder das benfaladas”. As distintas sesións reunirán expertas en políticas de igualdade, comunicación e literatura, tanto de longa traxectoria como novas voces e talentos.

O programa, xa de por si moi atractivo, podería acentuar aínda máis o perfil internacionalista de María Xosé, algo evidente na súa biografía e obra: desde Sándalo, onde retrata a epopea galega a Cuba, Tabiba, que viaxa do Atlas ao Magreb e o Sahel, achegándonos ao pobo amazigh, ata as súas ducias de colaboracións co IGADI e con medios como La Voz de Galicia. María Xosé exerce o internacionalismo con naturalidade, desde o Madrid que a viu nacer a súa infancia en Cuba, ata Galicia, pasando por Beijing, New York, Buenos Aires… —onde dirixiu a Delegación da Xunta entre 2007 e 2011—, ou o Consello Asesor do IGADI, do que forma parte desde 2010.

Tamén exerce a análise internacional con pericia e prospectiva estratéxica. Froito das súas achegas, en textos e Asembleas do IGADI, desde o 20219 integramos o seguimento e desenvolvemento da Política Exterior Feminista, como nova política de Estado, as potencialidades dunha paradiplomacia verde para Galicia, ou por exemplo, o seguimento e atención a relevancia da Antártida na xeopolítica actual.

En toda gran historia o factor humano é decisivo en calquera proceso colectivo. A capacidade de tender pontes no canto de barreiras, de abrir espazos de colaboración desde as diferenzas, fai —ao meu xuízo— da biografía de María Xosé unha referencia necesaria para proxectar Galicia no mundo desde o seu mellor perfil. A última mesa da xornada, plural e significativa, contará coa participación de Víctor F. Freixanes, Susana López Abella, Ana Miranda e Dolores Vilavedra.

Estas Xornadas-Homenaxe bríndannos unha oportunidade para aplaudir colectivamente a María Xosé Porteiro e, ao mesmo tempo, para que as novas xeracións se conecten coa historia, comprendan os logros alcanzados e asuman o compromiso de seguir tecendo ese fío lilá e universalista que tan ben retrata o seu último ensaio, As Benfaladas.