As reaccións polo premio outorgado ao presidente Obama son as que cabería agardar. Felicitacións e críticas xiraron arredor da existencia ou non dos “extraordinarios esforzos” que en Oslo, pola contra, recoñeceron con nitidez á hora de promover o multilateralismo e a cooperación, especialmente no que atinxe ao mundo árabe e na cuestión nuclear, nunha liña abertamente contraria á seguida polo seu antecesor. As indefinicións en Oriente Medio ou a aposta belicista en Afganistán pesaron menos. Fidel Castro leuno así: o premio á Obama é un “varapau” á política exterior impopular de EEUU no pasado e, acrecentou ironicamente, unha compensación polo fracaso de Chicago ante Rio. No Guardian, Peter Beaumont falou dun premio ao “futuro cumprimento das súas promesas”. Na propia Noruega, numerosas voces reclamaron a dimisión do presidente do comité Nobel, Thorbjörn Jagland, cuestionando non só a pertinencia do agraciado, dado o escaso balance da súa acción, senón a idoneidade de simultanear este cargo co de secretario xeral do Consello de Europa.
En EEUU, as interpretacións enfiaron por aí. Segundo os conservadores, o premio é un intento de Europa de manipular a política exterior de Washington, instando a Obama a rexeitar o premio por “antiamericano”. Na Fox News, Liz Cheney, filla do ex vicepresidente de Bush jr., acusou ao comité do premio de reivindicar un mundo no que EEUU non ocupe a posición predominante. O premio, visto así, sería unha trampa, unha especie de corpiño que restaría liberdade ás decisións de Obama en materia de política exterior e seguridade nacional. O galardón, pois, fraco favor lle faría, brindando outro pretexto á oposición para abrir fogo contra el, defensor dunha política ilusoria que alimenta o populismo de dereitas duns republicanos que tildan de “vaporoso” o internacionalismo do novo liberalismo encarnado por Obama.
Sen dúbida, Obama trouxo novos aires á política internacional e este premio permitirá que a burbulla siga medrando. Por outra banda, cabe sinalar que o Nobel non premia resultados, ou non unicamente, senón unha orientación ou unha estratexia. Por iso tamén premiaron no seu día a Aung San Suu Kyi (1991) ou a Shirin Ebadi (2002). Non obstante, pese ás promesas dun mundo sen armas nucleares, ben difíciles de cumprir, cómpre non esquecer que Obama segue representando á nación máis militarizada do mundo e así será novamente en 2010 e por bastantes anos. O premio non é tanto unha recompensa como unha carga que lle obriga a conseguir resultados na liña do seu discurso. De ser así, o premio aínda podería servir para moito.