Hai cousas que non se podían agardar do cumio que a FAO celebrou en Roma entre o 3 e o 5 deste mes. Por exemplo, que nun arrebato de indignación os participantes se revirasen contra os seus gobernos declarando unha especie de belicismo institucional contra a fame para tentar espertar así tantas conciencias dormidas. Sería moito pedir, aínda que a gravidade da situación e a escandalosa irresponsabilidade da comunidade internacional ben podía merecer esas e outras respostas máis graves. Todos eles coñecen as escalofriantes cifras da morte por inanición, traballan con elas todos os días, pero os representantes gobernamentais nestes organismos son coma o persoal médico dun hospital, semella que deben manter a distancia fronte ao problema para non ferirse con cada traxedia.
Pero o realmente lamentable xa non é a falta de decisións no sentido que se precisa senón que poñan aos lobos a coidar das ovellas. Esto é, a fin de contas, o que decidiu a conferencia de Roma, é dicir, restar poder á propia FAO mediante a creación dun grupo de traballo de alto nivel para a crise alimentaria, presidido polo propio secretario xeral da ONU, e no que se incluiría ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional, institucións claramente responsables do actual estado de cousas e seriamente desacreditadas ante a opinión pública mundial.
Fóra diso, plans e promesas, pero ningún compromiso obrigatorio, o que socava as necesidades da propia FAO, que, en palabras do seu director xeral, Jacques Diouf, precisa multiplicar por 10 o seu orzamento anual para afrontar a situación actual. A decepción foi a tónica dominante respecto ás declaracións dos xefes de Estado e de goberno que asistiron a Roma.
Os aumentos no prezo dos alimentos están a xerar múltiples conflitos e protestas en todo o mundo. Cúlpase ao petróleo, ao cambio climático, á elevación do nivel de vida en China e India, aos biocombustibles… Todos eses factores contan, pero o principal protagonista na crise da fame e responsable da inflación mundial dos precios dos comestibles é a especulación financeira, o cal require solucións estruturais, comezando pola liquidación efectiva dos proteccionismos e prácticas desleais que caracterizan o comercio agrícola mundial.