20071023 washington rodrigo cabezas

As contradiccións venezolanas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Rodrigo Cabezas; clic para aumentar
Mentres as exportacións, principalmente petroleiras, alcanzaron os 69.000 millóns de dólares, a economía venezolana creceu a niveis do 9-10% nos derradeiros anos, a inflación superou os 20 díxitos no 2007 e o desemprego está no 17%. Rodrigo Cabezas (na foto), ministro de Finanzas, recoñeceu que o déficit nalgúns productos alimenticios alcanzou o 60%, mentres a enquisadora Datanálisis calculou nun 25% o déficit total en alimentos e productos básicos.
 

Resulta complexo sopesar unha aproximación á realidade venezolana actual. Semella oficialmente confirmarse unha preocupante escaseza de productos básicos de alimentación e hixiene nos mercados e supermercados venezolanos, tanto privados como gobernamentais, co seu lóxico efecto nas sensibilidades sociais.

Paralelamente, os grandes centros comerciais caraqueños e do interior do país ofrecen unha ampla variedade de bens de luxo importados, así como de grandes marcas de automóbiles, que confirman o impresionante aumento en Venezuela das importacións destes artigos de consumo nos derradeiros cinco anos, superando os 44 mil millóns de dólares no 2007, segundo cifras do Banco Central de Venezuela.

Mentres as exportacións, principalmente petroleiras, alcanzaron os 69.000 millóns de dólares, a economía venezolana creceu a niveis do 9-10% nos derradeiros anos, a inflación superou os 20 díxitos no 2007 e o desemprego está no 17%. Rodrigo Cabezas, ministro de Finanzas, recoñeceu que o déficit nalgúns productos alimenticios alcanzou o 60%, mentres a enquisadora Datanálisis calculou nun 25% o déficit total en alimentos e productos básicos.

Para tentar paliar a crise, Chávez ordenou á estatal petroleira PDVSA a creación dunha filial destinada á combater a escaseza de alimentos e a especulación presuntamente propiciada dende diversos sectores. Pero tanto como a escaseza alimenticia, do que goberno e oposición se acusan mutuamente, os venezolanos amosan a súa inquietude ante os altos índices de delincuencia e inseguridade cidadán, que colocan a Venezuela como o país mais inseguro do hemisferio occidental. Só no 2007 morreron mais de 17.000 persoas en sucesos violentos.

Paralelamente, o pulso político avanza de cara á celebración de eleccións de alcaldes e gobernadores en outubro próximo e da posibilidade de cambio no mapa político nacional. A creación do Partido Socialista Unificado de Venezuela segue a provocar disensións dentro do chavismo, como ocorrera durante o 2007 con diversos sectores dos partidos PODEMOS, Partido Comunista e Patria Para Todos, toda vez que Chávez tenta deseñar unha estratexia política alén do 2013, data na que constitucionalmente deixaría a presidencia.

Pola súa banda, a oposición segue inmersa na súa errada dinámica de focalizar nas ambicións persoais de determinados políticos que na concreción dunha plataforma unitaria e un programa de actuación. Os estudiantes universitarios, a quen se lles atribúe ser os baluartes do rexeite á reforma constitucional defendida por Chávez en decembro pasado, anuncian maiores mobilizacións para as próximas semanas.

No plano internacional, e a pesar do éxito diplomático de Chávez trala liberación de Clara Rojas e Consuelo González, aumenta a tensión política e militar entre Bogotá e Caracas tralo recoñecemento outorgado por Chávez á guerrilla colombiana. O presidente colombiano Uribe Vélez respondeu cunha ambiciosa xira europea destinada a illar internacionalmente a Chávez e á guerrilla. Neste plan, dende Washington afondan as acusacións contra Chávez de ser permisivo co narcotráfico internacional.

Así, os venezolanos, atenazados pola crise e esgotados pola confrontación política, asisten con preocupación á cada vez maior preponderancia cotiá dos problemas económicos e de seguridade cidadán.