Unha sondaxe realizada en xuño pasado pola firma enquisadora Cid-Gallup afirmaba que o Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) sería o posible vencedor das próximas eleccións presidenciais en Nicaragua, a realizarse o 5 de novembro.
Neste escenario cómpre afondar un pouco na traxectoria deste partido, coa finalidade de coñecer a súa presenza actual no panorama sociopolítico e ver se verdadeiramente segue presente o espírito latente da revolución sandinista. Neste sentido, pódese dicir que o sandinismo é sumamente amplo, representa unha posición antiimperialista para uns, nacionalista para outros, de esquerda verdadeira para outros tantos e revolucionaria para moitos.
Velaí que poderíamos falar de dous tipos de sandinismos. O que sobrevive ó tempo, que esixe ó FSLN unha posición acorde ós postulados da Revolución Sandinista, de principios igualitarios e revolucionarios; e un sandinismo fiel á dirección do partido, de respaldo total ás decisións tomadas pola cúpula. Este último sector, cada vez máis minoritario, é o coñecido como "danielista", partidarios do ex -presidente e histórico secretario xeral do FSLN, Daniel Ortega. O obxectivo que pretende alcanzar este último sector parece estar enfocado en homoxeneizar o liderado social e controlar a eventual emerxencia doutras alternativas viables de esquerda que podan presentarse como unha forte competencia para o FSLN. Por outro lado, a este sector interésalle identificarse como o principal interlocutor das forzas políticas e sociais do país.
Deste xeito compre sinalar o acordo contranatura entre o Partido Liberal Conservador, PLC e o FSLN no ano 1998 que, aínda que ambos partidos teñen ideoloxías totalmente diferentes, posibilitaron unha alianza para propiciar un pacto de gobernabilidade. Este pacto limitou o agromar de partidos políticos alternativos e asegurou importantes cotas de poder a ambas forzas dentro dun sistema político que resulta maioritariamente bipartidista.
Entre as críticas que foron dirixidas ó goberno sandinista tras da revolución de 1979, polos seus opoñentes destacan a censura ós medios de comunicación (a pesares de que o principal periódico da oposición, La Prensa, mantiña a súa liña editorial íntegra), a persecución política e relixiosa ós adversarios do sandinismo e a construcción dun modelo socialista no país.
Deste xeito, unha vez abandonado o poder en 1990, o FSLN e algúns dos seus dirixentes foron acusados, polos medios de comunicación principalmente opositores e afíns aos intereses estadounidenses, de quedarse con propiedades estatais. Este feito foi alcumado como a "piñata", pero, na verdade, non deu lugar a ningunha acusación diante da xustiza, nacional ou internacional, e ningún dirixente sandinista foi acusado, xulgado ou encadeado por isto.
O 8 de xuño do 2006, en vésperas do período electoral para as eleccións á presidencia do goberno nicaragüense, o presidente da Comisión Permanente de Dereitos Humanos (CPDH), presentou unha denuncia contra ex dirixentes sandinistas que tiveron responsabilidades no período do goberno revolucionario, entre eles Daniel Ortega. As acusacións eran por delitos de xenocidio e crimes á humanidade contra indíxenas miskitos, durante os anos 1981 e 1982.
O FSLN é acusado de ser actualmente un partido totalmente controlado por Daniel Ortega e por un pequeno grupo de dirixentes sandinistas, con vencellos empresariais coas propiedades ás que accederon logo do reparto de bens do Estado, logo da súa derrota electoral en 1990. Neste argumento se basearon numerosas escisións dentro do partido, sendo o Movemento Renovador Sandinista (MRS) o que constituíu a alternativa máis sólida ó FSLN.
O MRS estivo encabezado por Herry Lewites ata que este morrera a principios de xullo pasado. Lewites foi membro do FSLN durante 35 anos, ata que a súa expulsión do partido por esixires eleccións internas. Tamén foi alcalde de Managua durante o período 2000-2004, na que a súa xestión foi considerada coma unha das mellores segundo algunhas enquisas realizadas entre os cidadáns de Nicaragua.
Por este motivo, o MRS podía acabar sendo un verdadeiro contrincante electoral para o FSLN nas próximas eleccións presidenciais. Tras da morte de Lewites preséntase a dúbida de que o MRS siga contando con apoio popular xa que non se coñece con veracidade se os nicaragüenses son seguidores reais do MRS ou se vían en Lewites unha nova alternativa dentro da esquerda do país, tendo en conta que a súa candidatura foi recibida satisfactoriamente pola poboación. Masas multitudinarias de xente o seguían en todas ás súas actividades e resta agora saber cál será a aceptación do seu sucesor, Edmundo Harkin.
Vendo o que aconteceu ó redor do FSLN durante estes últimos vinte anos, pódese afirmar que nun principio foi a mellor alternativa para derrocar a dictadura de Somoza, xa que non se poden esquecer os logros en educación e sanidade conseguidos polo goberno sandinista durante os anos 80. O goberno de Daniel Ortega logrou en poucos anos reducir a taxa de analfabetismo dun 50% a un 13%, incrementándose o presuposto de educación e o número de escolas, profesores e estudantes, así como a extensión a nivel nacional da asistencia sanitaria pública.
No entanto, a aguda crise económica, con índices de hiperinflación e aumento da pobreza, sexa por fracaso interno do modelo económico ou ben por presións externas, principalmente provenientes do embargo estadounidense e pola existencia de grupos armados financiados polos norteamericanos que promoveron unha autentica guerra interna, fracturaron parte do apoio social ao FSLN e contribuíron a súa derrota electoral en 1990, a mans de Violeta Barrios de Chamorro.
Quizais o problema actual estea en que Daniel Ortega enquistouse no poder e non deixou paso a unha renovación do Frente Sandinista, necesaria para axustarse ó avance que vai experimentando a sociedade nicaragüense a medida que pasan os anos. A pesares do actual favoritismo nas enquisas, a percepción controvertida dos dirixentes do FSLN pode contribuír a debilitar as súas opcións electorais diante outras alternativas políticas.