As FARC formulan unha tregua

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

As Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia ,a guerrilla máis nutrida e poderosa de Iberoamérica, ven de anunciar que proporá un alto o fogo no transcurso das roldas negociadoras que manteñen co goberno. O dramático conflicto que perdura dende hai 36 anos, cunha negra bagaxe de 35.000 mortos, entra nunha fase ilusionante. A paz aínda é un soño de incerta viabilidade, pero nunca se avanzara tanto camiño cara a fin do enfrontamento.

Raúl Reyes, un dos principais lugartenentes das FARC e portavoz este grupo guerrilleiro nas negociacións de Paz, ven de anunciar a disposición dos 12.000 homes de Manuel Marulanda, alias "Tirofixo"o a encetar unha tregua que afiance o proceso de paz. As palabras saídas baixo unha coidada barba do home que leva as negociacións soan a música celestial nun país no que nos últimos cinco anos un millón de persoas víronse obrigadas a deixar os seus fogares empurradas pola violencia, a intimidación, a chantaxe, o medo ou a simple supervivencia.

Dende hai uns meses membros do goberno Pastrana e xefes guerrilleiros andan mergullados nunha peregrinación conxunta a distintos santuarios da democracia ou da Paz. Veñen visitando os países europeos nórdicos que acumulan prestixiadas experiencias en procesos de paz. Tamén tratan de coñecer a conquistas sociais que aínda se manteñen en Europa. No itinerario europeo, guerrilla e goberno, recibiron os parabéns de todos los países que os recibiron coma anfitrións, sen distincions de ideolóxías. A última etapa da romaría foi no vaticano onde, pese a no ser recibidos polo Papa, obtiveron as bendicións da curia católica.

A pesares de atoparse as negociacións de paz encasquetadas na percura dun modelo económico social máis solidario, a tregua proposta polas FRAC supón un osíxeno para dar pulo ao proceso. Segundo Reyes, será: "multilateral, temporal e verificable", cesarán os ataques as infraestructuras económicas, as retencións (secuestros) con fins de abastecemento financeiro, bombardeos e ametrallamentos, reténs, control a mercados e a esixencia de salvoconductos.

A precaución imponse entre a guerrilla. Anteriores procesos de Paz foron aproveitados por comandos do exercito e polo paramilitares para incrementar as baixas entre as súas filas. Nesta nova fase da paz, non se conforman cos 42.000 quilómetros cadrados de zona de seguridade, senón que queren un cese que paralelamente sexa seguido polo exército, a policía secreta (DAS) e polos paramilitares, responsables da maioría dos actos de violencia.

Víctor G. Ricardo, alto comisionado Goberno para a paz, tamén prefire un ton esperanzador: "Chegaremos, estou seguro, ao alto o fogo e tamén aos cambios económicos, políticos e sociais que nos conduzan a acabar con décadas de conflicto".

Os tambores de guerra amainan a súa intensidade, pero vai ser difícil facelos calar en Colombia, onde son moitos os levan máis de 40 manexando armas para facer virar a historia do país mediante a violencia.